galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

17 DE MAIO, DIA DAS LETRAS GALEGAS

Todos os anos, cando maio chega ao día 17 do seu calendario, Galicia rende homenaxe aos seus escritores e poetas celebrando o “Día das Letras Galegas”, que é en realidade todo un ano dedicado a dar a coñecer a obra e vida dos nosos máis significados homes de letras xa falecidos.

Cada ano réndese homenaxe a un dos homes ou mulleres que fixeron posible o esplendor da nosa literatura. Elíxeo a Real Academia Galega desde hai xa 54 anos. Os tres primeiros distinguidos foron Rosalía de Castro, en 1963, Castelao, no 1964 e o bardo Pondal, en 1965.

A partir de aí, un total de 51 egrexias figuras das letras galegas, -que cumpren este ano mil dezasete primaveras-, foron recoñecidas polos académicos e pola xente da cultura de Galicia.

Entre outras figuras, a Real Academia Galega rendeu xa tributo a Curros, Noriega Varela, Otero Pedrayo, Cunqueiro, Blanco Amor, Celso Emilio… e ao propio rei Afonso X o Sabio, autor das Cantigas coas que inicia o seu camiño a arte literaria no noso idioma, o galego.

O galego, que non sempre foi ben aceptado, mírase no espello da nosa  arte literaria que rexorde na diáspora, cando os galegos vivimos a páxina máis triste da nosa historia, escrita polo éxodo da nosa mellor xente, obrigada a deixar o país pola fame ou pola represión política.

A vida e a obra de moitos dos nosos escritores lémbranos que a moitos deles debemos que permanecese viva a chama da nosa cultura, a máis de dez mil quilómetros de distancia.

Este ano 2017, a Real Academia Galega adica a súa anual homenaxe literaria ao escritor Carlos Casares. A sesión extraordinaria celebrarase esta vez en Xinzo da Limia, as once e trinta horas e nela intervirán os académicos Fina Casalderrey, Henrique Monteagudo e mais Alonso Montero. O presidente, Víctor Freixanes, será quen peche o acto.

Carlos Casares naceu en Ourense, no ano 1941, pero ós catro anos foi vivir a Xinzo, de donde era seu pai. A vila e mais toda a comarca deixaron unha fonda pegada na sua vida e na sua obra.