galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

A HISTORIA DO DÍA DE GALICIA

Santiago de Compostela, a capital, e toda Galicia, estoupan de xúbilo esta fin de semana, cando os galegos honramos o noso patrón que o é tamén de España. Hoxe, 25 de xullo, é unha data moi especial para este país, posto que se vive desde diferentes prismas e forma parte como celebración da nosa historia máis recente. Sí, hoxe Galicia está de festa, celebra o seu Día Nacional.

Naceu como festividade relixiosa co costume de peregrinar a Compostela. A Igrexa católica chámao Día do Apóstolo Santiago, en cuxa honra se levantou a magnífica catedral, testemuña de pedra dos actos relixiosos, sociais e mais os lúdicos que hoxe se celebran no seu contorno.

Durante a primeira metade do século XX, o 25 de xullo tivo tamén un  carácter cultural, liderado polos pais do galeguismo da época, que encabezaba Alfonso Rodríguez Castelao. Celebrábanse daquela xogos florais e concursos de música popular, ademais dos típicos festexos na honra de Santiago, organizados polo Concello.

A remuda daquel nacionalismo cultural caeu nas mans doutros novos políticos, incluso durante a ditadura franquista, que reconverteron aqueles actos nunha festa reivindicativa, con manifestacións que terminaban sempre disoltas pola policía estatal. E así naceu o Día da Patria Galega, a gran cita do nacionalismo e do galeguismo, á que lle conceden unha grande importancia os partidos da esquerda nacionalista.

Porén, desde que Galicia ten o seu propio Goberno autónomo, o 25 de xullo é oficialmente o Día de Galicia e nel celébranse toda unha serie de actos oficiais que desembocan na gran festa para celebrar que somos un país de verde pel ao que conducen sete camiños polos que chegan xentes de toda raza e condición. Con cultura e identidade propia, herdada de reis sabios e de poetas capaces de converter a ausencia nunha fermosa arte literaria, expresada no  noso idioma, nobre e harmonioso, nado para a expresión falada e para as letras, hai máis de mil vinte primaveras.

Pero o 25 de xullo é, á marxe deste tipo de celebracións institucionais e relixiosas, a festa grande de Compostela e de media Galicia.

Onte pola noite, día 24, xa vimos os fogos artificiais máis vistosos, que iluminaron con mil cores o ceo do país. Esta semán hai concertos para os máis novos e para os que non o son tanto, e incluso toca a orquestra na vella alameda, os ritmos tropicais. Este ano, seguro que a perdeste moitos de vos. Pero aquí vos agardamos o ano que vén… como adoita dicirse, se o Apóstolo o permite.