galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

ACTUALIDADE –SEMANA 379– VENRES, 20/7/2018

¡Hei, meus amigos! Aquí chegóu a nosa semana grande e non estou disposto a amargarvos a festa. Hoxe e o preludio da larga sinfonía que mece a Galicia nos sons do país. Están a piques de estoupar os fogos que anuncian a troula e aquí me tes, disposto a non contarche nada que nos incomode. Así que, preparémonos para unha nova…

Cando o sol renace xorde a arte sen límites. A poesía e a música únense para ser universais no momento da alborada. Música e poesía, xuntas, son a secreta e marabillosa épica das emocións cantadas e rimadas que nos descobren os impulsos interiores da alma dun pobo. O poeta fala en nome do seu espírito e o músico é quen transmite as emocións do verso a través do canto. A poesía e a música, serán sempre o gran tesouro das artes. Porque son como a alborada: espértannos daqueles soños soñados en tempo de sombras.

E ao espertar… Bailamos, porque volve outra vez a festa!

Segundo Rosalía de Castro hai en Galicia fadas de nomes estranos e de fantástica beleza cuxo canto só entendemos os aquí nados. E unicamente estas fadas, interpretando a linguaxe dos soños, fan posible a vida feliz. Para achala habemos de alcanzar ese lugar fulgurante onde se xuntan cos deuses as meigas, os druídas, os magos e as ninfas.

Un día de praia tamén pode ser de romaría. Na Galicia tradicional nunca se sabe moi ben onde comeza a fe e en que lugar ocúltase o pecado. É que hai horas meigas e horas para curar o meigallo. Tamén mediodías para as procesións, mediastardes para os ritos pouco comprensibles; e mediasnoites para o amor e o exotérico. Aquí está o verán de festa e a maxia envólvenos na hora tranquila, cando o verde tórnase azul mais alá da crista da onda, convertida no refuxio da luz.

Dicía o avó que o novo ritmo tróuxoo de América un indiano e que, ao principio, resultou tan extravagante como aquela figura, obsesionada por cantarlle ao mundo os seus éxitos de vello exiliado… ¡Non estaba a Galicia de entón tan preparada como a de hoxe para cimbrear a cintura!

Con todo, aquel importado ritmo tropical, segue sendo o gran éxito na verbena interminable de cada verán, cando se acende a noite para cambiar a paisaxe urbana habitual. Cando a vila convértese nun niño de vagalumes que baixan do ceo para pousarse sobre as rúas e sobre o mar.

Porque, mentres o espírito do vello indiano vaise de copas, a verbena interminable -que é festa con nome de santo patrón-, pon luz de guirnaldas na escuridade para que a orquestra nos contaxie a música que chegou de América…

¡Con sabor tropical! Na festa única que non pare o ritmo…

Coma se dunha rondalla tratásese no compostelán Pórtico catedralicio están representados os gloriosos músicos medievais. Pero, co devir dos tempos, o gaiteiro é ó auténtico mito das festas; e a gaita, o máis común de todos os instrumentos…

Aínda que hai moitas máis músicas: o mar é fonte de inspiración e un barco unha canteira de cantores. Dunha cunca de viño, nunha taberna, emerxe o máis rico folclore. O canto das mil e pico primaveras está inspirado na poesía, que os cantautores poñen música á palabra e o berro no ceo. E a dureza da pedra cósmica está representada pola rebeldía xuvenil, que ten forma de guitarra.

¡Que soe pois a música, mestre, que é a nosa semana grande!

E para rematar por hoxe tamén che digo: non contes conmigo hasta que se asomen os calores de agosto, hasta que me devolvan ó vicio de escribir e as miñas musas paren esta tolemia de baile.

Namentras pasa todo,  eiquí che deixo a gran Uxía cantándolle o país que eu percibo…

¡Dalle o play e faime o favor de escoitala…!