galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

ANTÓN FRAGUAS, XENIAL AMANTE DO PAÍS.


Nos anos sesenta atopeino en Cotobade. Ese día deime conta do gran amor que este home profesaba a Galicia. Para min, Antón Fraguas foi un dos intelectuais máis admirables nacidos neste país, do que tiña enormes coñecementos.

— Vénse poucos carros destes porque xa sabes que non quedan bois. Agora só crecen as vacas porque os xatos mátanos para carne.

É curioso. Aquel carro de bois foi o último que vin na miña vida, agás algúns dos que se amosan como reliquias nos museos etnográficos ou nos xardíns particulares.

Un día atopeino na Illa mirando desde a corredoira de Punta Carreirón mentres navegaba unha dorna pola ría. E fíxome o regalo de unha conferencia sobre este típico barco da ría de Arousa:

— ¿Sabías que os mariñeiros dinlle “calmas podres” cando non hai vento? A dorna, as que teñen vela de relinga, levan dous tripulantes porque non é nada doado navegar con esta embarcación…

—   Pois eu pensei que era das xeitosas…

—   Hai que ser un experto navegante para levar a vela unha dorna.

Camiñando pola Alameda de Compostela, descubrín que os dous leóns que gardaban as árbores bicentenarias foron feitos por Méndez Núñez a finais do século XIX. Outro día en Platerías, mostroume unha cuncha de pedra, que está baixo as escaleiras que dan acceso á catedral e á Quintana; moi poucos santiagueses coñecen esta venera. E tamén me fixo mirar un detalle da capela das Ánimas: que a escena da porta está feita de terracota, pouco usada por aquí debido á súa baixa resistencia á humidade. Pero o día en que me deixou moi impresionado foi cando me contóu porque as bruxas voaban nunha vasoira.

—  Voaban porque as escobas tiñan o mango feito de unha especie pouco coñecida de texo. O montar nelas, como si se tratase dun cabalo, sentían un gran placer no roce das suas partes xenitales,  xa que ise tipo de planta posuía certa sustancia de tipo alucínoxeno… ¡Por iso voaban!

Aquela teoría deixoume pensando en que quizá eu coñecera a máis bruxas das que pensaba ao longo da miña mocidade.

Anécdotas á marxe, xunto a Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, considero a Antón Fraguas o artífice daquel Seminario de Estudos Galegos que tanto achegou á nosa cultura e que foi o xerme do actual Museo do Pobo Galego, o mesmo museo cuxo padroado presidiu durante moitos anos.

Fraguas era sen dúbida un dos máis completos etnógrafos daquela Xeración Nós, onde encadramos aos grandes mestres como él. Pero os que lle coñecíamos sabemos que, á marxe da súa actividade cultural, exercía politicamente o galeguismo activo. Viviuno na súa casa desde neno. Era fillo do responsable do Partido Galeguista en Cotobade; daquela formación que fundaran, entre outros, Castelao e Bóveda. Pero hei de citar aquí unha frase moi súa coa que contestaba a quen lle preguntaba pola súa posible militancia política:

— Ser galeguista non é mais que ser amante da nosa terra.

Antón Fraguas dedicou a súa vida ao estudo e defensa de Galicia; por iso o seu legado é impagable e pouco resumible nunhas liñas escritas desde a admiración e o afecto. En realidade era como o seu museo: unha mestura de cultura material e espiritual do país. Por iso recoméndovos a súa lectura e felicito á Real Academia Galega por honrarlle este ano adicándolle o Día dás Letras Galegas.