galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

ANTÓN PULIDO, GALEGO DE AMOEIRO, PINTOR E MESTRE

Por Alberto Barciela

O pintor, grabador e xestor cultural Antón Pulido, o mestre Isaac Pulido, pai do artista, e Otero Pedraio, novelista e ensaista, conforman un triángulo imprescindible, unha simbiose, un metafórico Teorema de Pitágoras, expoñente de sabiduría, cerne de ourensanía e de galeguidade. Don Ramón como eixo, o artista e o seu ascendente como alumnos avantaxados da Escola de Trasalba, que -a diferenza dá grega- baseouse nas palabras e na arte, como método complementario dos números. Hai que saber de todo, coñecelo para trasmitilo, para ben dos que han de vir.

Hai que desdebuxar uns anos do calendario, debullar algúns recordos, mesturar na paleta da memoria un neno e dous petrucios, un deles abraiado baixo a árbore á que chama o meu irmanciño; o outro, formando a decenas de xeracións do seu lugar. Hai que se trasladar á meseta dos Chaos, situada o noroeste do val do río Miño, aló no lugar de Outeiro, na parroquia de Bóveda, no concello de Amoeiro, nas terras da casa de Vilamarín e do Mosterio cisterciense de Oseira. Ese lugar ten pegadas de todas as etapas do pasado, nunha paisaxe excepcional, difícil de atopar noutros lugares. Hai que se mergullar mentalmente nos anos corenta do século pasado, e ollar dende aló o cosmos e o futuro; hai que imaxinar os nosos persoeiros paseando a Ponte de San Fiz, sobre o río Barbantiño, polo que pasa o Camiño Real de Ourense a Pontevedra. O debuxo é perfecto, con algún matiz abstrato, pero culminante para unha obra que debería titularse Tres mestres.

O neno prodixio: seminarista fillo de seminarista; escollido para o coro do eminente músico Antonio Jausarás; estudante de canto gregoriano co pai Manzagarra na Clerecía de Salamanca; alumno de harmonía co Pai Calo; tenor solista; tocador de bandurria, mandolina, laúde, guitarra e violín; campeón de xadrez do seminario, cun campo de xogo de reises i raíñas, de torres e  peóns, e con dúbidas prolongadas sobre a existencia de algo máis ca mitos. Pulido tería dado un bo cardeal e mesmo un Papa, pero as dúbidas fixeron del un príncipe da arte, en busca de respostas máis fondas se cabe das que podería ter atopado na igrexa.

Dende os cinco anos, Pulido foi amigo de Carlos Casares e de seu irman Javier. Os tres xogaban na casa do tío do escritor na reitoral de Aveiro, onde o autor de Ilustrísima puña unha e outra vez a Misa Requiem de Mozart. O prodixio dos nenos que chegarían a ser grandes homes da Galicia máis intelectual, ceremoniando o excelso xa na infancia.

Non é extrano que Pulido sexa agora un Pope, un persoeiro de relevo na sociedade e na arte galegas, un promotor de ourensanía e de galegidade, un mestre xeracional e un percursor das vangardas pictóricas. Otero Pedraio estaría tan orgulloso coma Isaac, o pai do pintor, e Carmiña, a súa nai -a mellor voz da contorna, a muller que soubo deixar a cidade para se tarsladar a un mundo rural e cumprir co seu cometido como muller do mestre, unha verdadeira artista vocacional, cantándolle á vida para goce dos conveciños, con voz melodiosa, con habilidades para dominar o barro, maña para arranxar un enchufe, e amor para agarimar a Antón e alentalo por os mundos das musas e das ensoñacións-.

No mundo da imaxinación non existe distancia. No hábitat galego do que falamos están moi presentes o ensino, a astroloxía, a música, a arte, a palabra, a filosofía e algo de matemáticas. Entre a illa grega de Samos e a ágora baixo dos castiñeiros -vellos caracochas-, os carballos, e os pinos, case todo coincide. Os feitizos fan posible a maxia, e esta os prodixios. Hai que admitir certas cousas inexplicables, propias das terras meigas, onde os mitos conviven cos homes, mentres a natureza impón a súa exactitude inexplicable. O bosque é animado, con xabaríns, corzos, coellos. A paisaxe é sublime, e adórnase co necesario para a vida: cabaceiros, cruceiros, lavadeiros, muiños e fornos. A xente é vital, gañadora de mundos, auscultadora de vidas.

Grecia e Galicia, Ourense -a Atenas galega- e Trasalba son lugares encantados. Neles, todo adquire a cor do vento, cos matices da chuvia e esplendor do sol, para transformarse. Cunqueiro foi quen nos ensinou a percibirmos estas cousas, as mesmas que cantara Rosalía, as que reflectiu Castelao nas súas caricaturas, as que expresaron Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blancoamor, Cunqueiro, Carlos Casares, Alfredo Conde, Carlos Oroza, Marcos Valcárcel, e Afonso Vázquez-Monxardín; das que se namoraron Bieito Ledo, Fernández del Riego, María del Carmen Krukenberg, Ramón Piñeiro e Franqueira; as que transmite Pulido -o amigo de todos- nos seus cantos épicos enmarcados. As primaveras son mil. Galicia vai en nós, con nós, nos devanceiros e nas intelectualidades fermosamente vivas.

Nestes escenarios de paz e pazos, no lúdico festivo, quero imaxinar a Antón falando el en galego con Juan de la Cueva que respostaría en Trampitán. Teño para min que só o pintor sería quen de entender ao home que aportou desde Ourense un idioma persoal á humanidade, un novo falar consigo mesmo. Faríano subidos a un Globo Inmóvil, outro invento do xenial cidadán das Burgas.

O pintor ten a gracia natural da Terra da Chispa. Renegaría de Indalecio Carballal Yáñez, aquel carniceiro ourensán que, con certo éxito, nos anos vinte do século pasado, inventara o quilo de oitocentos gramos, ata que un cliente o feriu de gravidade -partiulle unha perna cun sacho-, seguramente sen querer, porque a fame e negra. Mais desternillaríase con él.

Antón sería amigo daquel militar plomo que, no Café Miño, contaba batallas interminables, e que, cando non o deixaban meter baza, levantaba a man, facía un ruído coa boca, shsssssss!, que chamaba a atención de todo os presentes, e de xeito solemne dicía: Non acaban de ouvir vostedes un canonazo? A xente, abraiada, respondía que non, e el acadaba nova quenda de palabra para contaren outra das súas particulares guerras.

Pulido sería hoxe o contertulio ideal de Alfredo Conde -narrador privilexiado da anécdota anterior-, de Alonso Montero, de Vázquez-Monxardín, de Luis G. Tosar, de Bieito Ledo, de Modesto Hermida, de José Manuel e Emma Caneiro; de Jesús Domínguez, de Herme, e da súa sobriña Adriana; de Emilio e Merche; de Alfonso e Magoya Sánchez Izquierdo; de Olegario Vázquez Raña e Gela; dos Hermida de Avión -Ricardo, Pepe, Serafín e Agustín-, de Javier Vázquez e Tere; de Maximino González Balboa e Ana; de Floro González Corral e Pepa; de Florencio Gulías e Bertha; dos Garriga ou dos Caiña; dos arquitectos Juan Cabanelas e da súa esposa Chus; de Luis Santarita. Dos ourensáns de aquí e de acolá. Charlaría coa intelixencia de Eduardo Blanco Amor, coa música feita palabra de Curros Enríquez, coa nostalxia de Celso Emilio Ferreiro; coa gracia do cura Don Felisindo, coa intelixencia política dos Baltar ou de Ernesto Pérez.

 O pintor é ourensán, cordial, afable, falandeiro, simpático, sinxelo, cantante tenor. É desa xente que fala coa xente, que se para, que fai sorrir, que ilustra, que canta, que sabe xantar coma os curas, sen perder bocado, mentres pronuncia unha lección maxistral sobre calquera cousa que teña que ver coa arte, con Galicia ou ca vida mesma. Pasou polo seminario e chegou a un púlpito moi particular, o que conforman as rúas ou as academias perante as voces autorizadas e as actitudes positivas.

Os temporais derrubaron a árbore, un Pinsapo de porte elegante e piramidal que engalanou a vida aló no pazo do Petrucio e, coma se fose un humano, esmoreceu no tempo. Sen embargo, a memoria permanece ergueita, elevada sobre os cumios que asoman ao Miño coma outeiros, co seu futuro inmorrecente, coma semente do Ribeiro esclarecido, coma legado para outros homes e mulleres de Galicia, coma fluír do sangue que tingue as cores dos cadros de Antón Pulido, ou as voces dos versos de Luís G. Tosar, ou as letras recolleitas nas edicións de Bieto Ledo, ou a mestría culta e experiencial de Don Xesús Alonso Montero; ou os barros de Acisclo Manzano, o amigo de Xaime Quessada, posiblemente xa escrutados por Florentino Cuevillas; ou nas obras de Vidal Souto. Imaxinen se a madeira daquela árbore  enmarcara cadros, ou fixera lápises negras para poetas, de cores para pintores, ou dera o papel dos libros galegos. Entón, todo sería perfecto, nunha evolución interminable da natureza mesma.

 

Na parte baixa de Amoeiro, contra Ribadavia, o río vai camiño do océano, cheo do orgullo dos seus fillos, das súas fecundas achegas, inxeridas de savias novas, xa colleitas as contribucións intelectuais, coma se foran as augas limpas do Sil e do Avia trasvasadas ao Pai Miño para quecer nas termas e dar lugar á Illa dos Poetas. O tempo brinda pola terra e polo ceo con ribeiros brancos e tintos de Amoeiro. O xantar ilumínase dos ouros do aceite de Ribadavia, no que xa se sofriten os pementos da Arnoia, as patacas da Limia. Co mesmo froito da oliva, condiméntase o polbo de Carballiño sobre pan de Cea, das veciñas terras de Pan levar, descritas con nobreza por Camilo José Cela, amigo de Pulido.

O xudeocristianismo fala de esperanza, e as xentes danzan, cantan, rin e fan romarías baixo das árbores. Fórmase unha trullada, quizais escoitando a gaita do músico pontevedrés Óscar Ibáñez, acompañado da Real Banda de Ourense, ou a María do Ceo, para darlle a razón a nai Natureza feita ourensanía. Todo á beira da Vía de Prata e da mesma vida, no camiño dunha esperanza culta e cultivada. No fermoso confín da Terra Nai e Señora, que desde Trasalba xa albisca a Fin do Mundo, xusto despois de Compostela, aló por riba da densa Serra da Martiñá. O galego celebra cada xornada ao ritmo de gaitas, pandeiros e alalás. Nun mundo que predí o outromundo a festa faise case sempre a carón mesmo do cemiterio. Quen dixo medo! Que dance mesmo a Santa Compaña, que se invoquen espíritos e trasgos en queimadas de bo augardente do Ribeiro.

Os seres necesitan luz e cor, ledicia, e Antón Pulido fai diso o cerne da súa obra, o itinerario conceptual de cada un dous seus debuxos, das súas pinturas. Un percorrido vitalista que se prolonga dende a nenez, rodeado de fragas de lápises de cores, plasmando paisaxes ata chegar o profundo sono dun petrucio da pintura, dun soñador cheo de plenitude que derrama abstraído o seu imaxinario no lenzo ou no papel.

Fío a fío, a textura do mundo é plasmada por Pulido. O Luís G. Tosar sabe do que fala no seu verso: dun mundo de fonda cultura, ligado as cometas de Catay, viaxado, pleno. Un día non moi lonxano, o poeta presidente do Pen Club e mais eu, cambiamos de lugar un cadro de Pulido da Colección dá Xunta de Galicia. É unha das súas perspectivas cósmicas cun ser solitario. Reclamaba mellor ubicación, por iso, sen pedirmos permiso a ninguén,  trasladámolo uns cinco metros do corredor onde estaba a unha das salas máis visitadas de San Caetano. Nese intre, a arte espléndida atopou co seu espazo. Fixemos o que tiñamos que facer, unha trasnada xusta, case tolémica, para que os cidadáns poidesen gozar do que tiñan pago. No fondo fixémoslle un agasallo aos gobernates sen tacto, e tamén reivindicamos o mérito dunha das mellores obras da austera colección oficial.

Estou certo de que aínda hoxe, so outro orensán, amigo da arte e dos autores, Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, exculparíanos na súa calidade de ex director do psiquiátrico de Toén. Pero estou convencido que a figura representada naquela obra deixou de suicidarse, fixoo tras demostrarse que dende un dos lugares máis pequenos do mundo, unha sala dun edificio administrativo, pódese contemplar todo o Universo, como diría Vicente Risco.

Compañeiro de curso de Isaac -nove anos xuntos no seminario-, Ferro Couselo, natural de Valga como a Bella Otero, tamén ollaba todo o cosmos con intelixencia, libertade, xenerosidade e un entendemento xenial de Galicia, con amor azul e branco, con auga que discorre dende a limpeza de conciencia, de sentir e de saber sentir, de nadar contracorrente, e dunha capacidade única para entender -como Pulido pai, coma Otero Pedrayo- que nun neno tamén existe a posibilidade dun xenio. Ninguén coma un galego entende de universalidade: chegounos por milleiros polo Camiño de Santiago, levounos a conquistar América e, din os que saben, que hai un galego, ourensán e afiador, na Lúa. Neste contexto, enténdese mellor que a obra de Antón Pulido chegara a museos e galerías de Taiwán, Corea do Sur, China e Italia. É a obra dun galego fino, grande no físico e no humano. Cunha traxectoria plena, antes  comprendida por homes da aldea como Don Xesús. O pequeno faise universal.

Normalmente, na arte pictórica prodúcese unha evolución certa, aínda que sempre haberá excepcións. Nace na realidade. Primeiro reprodúcese o que se olla, e con ese motivo apréndese a debuxar reproducindo os obxectos, a paisaxe, dominando as perspectivas. Máis tarde, adóptanse as diferentes técnicas e estilos. E finalmente, chegarase á abstración e ás sublimes manchas. A obra de Pulido é o paradigma do dito. Nótase que quere introducir ao espectador na emoción da arte, que aprecie a insinuación. Á hora de definir a súa pintura, hai que dicir que partiu do realismo, reflectindo os seres humanos en situacións límite, solitarios en metade dun camiño, cumplindo un destino de xeito irrevocable, para, no presente, situarse no campo da abstración, cunha pisca de realidade. A mestría faise evidente.

A todo o dito, no caso do artista ourensán hai que engadir a xestión. Foi Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia e o primeiro director do Centro Galego de Arte Contemporánea, o prestixioso CGAC, nombrando para o seu equipo a Gloria Moure e Antón Castro. O museo inaugurárase cunha exposición de Maruja Mallo comisariada por Pilar Corredoira; despois chegou a impresionante Itínere. Todos eles son un cuarteto de ases esencial na historia da arte galega, como o son Carlos Valle, Miguel Fernández-Cid, José Manuel García Iglesias, Xavier Limia Gardón, Carlos Bernárdez, Paloma Vela ou Fátima Otero.

Pulido xuntou artistas, galeristas, críticos, estudosos, coleccionistas e restauradores; a todos, nun traballo enciclopédico: a gran colección de Artistas Galegos, de Nova Galicia Edicións, de Carlos do Pulgar, o meirande museo de arte en soporte papel, con máis de sete mil reproducións. A obra reflicte o traballo de cento setenta pintores, como Antonio Puga, Sotomayor, Belo Piñeiro, Imeldo Corral, Carlos Sobrino, Castelao, Frau, Colmeiro, Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Luís Seoane, Isaac Diaz Pardo, Mampaso, Leopoldo Novoa, Antonio Quesada, Xaime Qessada, Solveira, Sucasas, José María Barreiro, ou Antón Sobral. De noventa escultores, entre eles Asorey, Cristino Mallo, Juan Oliveira, Isidoro Brocos, Elena Colmeiro, Francisco Leiro, Xurxo Ouro Claro, Xoan Piñeiro, e Basallo. E de centro trece arquitectos, como Jenaro de la Fuente, Pacewicz, Comingues, Iago Bonet, Iago Seara, Pedro de Llano, ou Cesar Portela.

Como ben dicía Roberto Blanco Torres, político, xornalista e poeta, “a Coruña, é a cidade de elegancia espiritual; Santiago, da historia; Vigo, do progreso material; Lugo, da tradición; Pontevedra, da quietude e da beleza; Ourense, da intelixencia e da cultura”. En todos eses ambientes desenvolvese Pulido con facilidade, especialmente na cidade das Burgas e na Olívica, pero en todas elas ten amigos e admiradores -é inabarcábel, por iso converteu a maís fea praza de Vigo en Peniche nunha obra de Arte, a Praza das Apertas-. En todas as urbes galegas expuxo o traballou Antón; en todas elas exerceu de galego bo e xeneroso. Dende as ladeiras da pequena Praga, como se coñece Ribadavia, o pintor navegou mundo, vagou polas capitales máis senlleiras, significouse nos seus estudos de Belas Artes en Barcelona, onde atopou a  luz mediterránea que se filtra nas súas obras mexturada coa atlántica. Lodo puro.

Pulido bebeu a vida e viviu algúns ribeiros -sempre de menos para chegar a máis-, o fíxo na taberna de Eligio ou no máis exquisito restaurante. Cando entra Antón, énchese o local: bébese, xántase, exaltase a amizade, rise e cántase. A vida converte en kermés o festexo da cultura do pobo que sabe; que sabe manducar e divertirse e traballar e crear unha fantasía máxima que nos achega a éxtasis da creación.

Pulido é un polímata. Nel todo e sabio, todo é certo, todo é arte, todo é Galicia. É enorme, fisica e mentalmente; un petrucio galante, namorado da terra, do mar, das cores intensas de tonos vivos e alegres, que xoga cos elementos, coas formas, coas perspectivas, que acada novos xeitos de creación para lle dar emoción á arte, que plasma figuras solitarias, gaiteros ardentes, manchas, que eleva cantos, compón poesías, e narra anécdotas.

Antón está na súa dona Fina e nos seus fillos Antón Luis, María José e Belén, nos seus netos Simón e Antón, nos seus  amigos. Pódese afirmar que representa un ser excesivo, chamado a facilitar que os demais mortais poidamos entender mellor a vida, cando menos poidamos facelo de xeito un pouco máis alegre.

A súa obra de máis de 50 anos perdurará por sempre nas mellores coleccións. As musas están contentas. Artista, pero sobre todo persoa. Pincelada a pincelada, Pulido é Pulido; Antón, daquela e hoxe, así o diría Otero Pedraio, con voz estentórea, e así o digo eu, que do que sei, falo porque me peta.

Unha liña negra, grosa, precisa, decidida, enmarca un vermello carnal, antes azul. Todo se resolve con brillantez. O máxico sería enmarcalo en madeira daquel Pinsapo de Trasalba, aló onde o mundo deu en chamarse Amoeiro, onde todos son moi de Don Ramón. Ese sería o maior premio para os que nos sentimos moi de Antón.