galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

DE BOS AIRES A HANNOVER

AMERICA +++

Din os expertos que xa quedan poucos avós en América, que os máis volveron de Europa e que agora seica exportamos talentos. Pero…

Aquela viaxe de ida non debemos esquecela nunca. Porque foi o máis relevante da Galicia do segundo milenio. Un feito tráxico, sen dúbida, pero que supuxo a resurrección dun país que agora presume de universal grazas a aquel éxodo…

Os pioneiros, aqueles que ían en barco de vapor, foron os protagonistas da grande aventura. Cando volveron chamámolos indianos pero a eles debemos a base da nosa cultura actual.

Os emigrantes do século XX, os que xa embarcaron en grandes buques transatlánticos, tocaron porto nunha América moderna, rica e poderosa, engrandecida polo esforzo daqueles pioneiros; e a eles, aos emigrantes, debemos a base iniciática da nosa actual economía.

Aínda que temos que recoñecer que se falamos de economía a maior influencia recae nos que subiron ao tren da Europa dos anos sesenta do pasado século.

Galicia estaba á cola de España e en España só se fabricaba o seiscentos. Francia, Suíza, Inglaterra e, principalmente, Alemaña, foron os destinos de moitos miles de galegos, buscadores dunha mellor fortuna.

Incluso avanzado o século, houbo algúns centos que elixiron a afastada Australia para emprender unha nova vida.

Así naceu a Galicia universal aínda que, é verdade, a aldea ficou despoboada de xente nova.

Na actualidade,  en América,  segue a latexar aínda o corazón de Galicia, grazas aos netos da galeguidade cuxo sentimento os leva a aprender o noso idioma e incluso a tocar a gaita. A eles debemos que se manteñan vivas as embaixadas da nosa cultura, eses centros onde soan aínda os airiños airiños aires da nosa terra.

De Europa estímase que regresou un oitenta por cento da poboación considerada emigrante, pero hai un número importante de xente nova, fillos de galegos, que viven nos países nos que naceron.

Agora os galegos non emigramos nin a América nin a Europa, agás contados casos de novos talentos que foron chamados por grandes empresas e que viven, principalmente, nos Estados Unidos e nas principais cidades da Europa común.

Pero entre Bos Aires e Hannover quedan ao redor de medio millón de galegos que esgotan alí as súas vidas e outros tantos netos da galeguidade aos que, segundo parece e malia o seu entusiasmo, imos negar o voto que si concedemos aquí aos inmigrantes.  

EUROPA +++

Espiral Celta FIRMA (2)