galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

DA PATRIA EXTERIOR

Centro Galego da Habana o mais antiguo do mundo.

Os galegos temos unha Patria Exterior que nunca esquecemos. E está tan próxima como esta que habitamos. Existe un mundo que chamamos Galeguidade que é universal. Unha Galicia periférica que naceu como produto dun éxodo e á que debemos boa parte da prosperidade actual.

A Galeguidade é un sentimento. E desde el recoñécese o traballo realizado desde o exilio por milleiros de galegos que nunca esqueceron este País que lles viu nacer, miroulles con tristeza ao partir e que espera velos regresar.

Este é o dato: ao case tres millóns de persoas que residimos en Galicia hai que sumar un millón máis: a cifra de residentes no exterior; homes e mulleres que contan con dúas patrias: o seu país de residencia e a súa terra natal, que mantén viva no recordo.

En Latinoamérica viven aínda 800 mil homes e mulleres de orixe galega, aos que debemos unha boa parte do desenvolvemento deste País. E moitos deles souberon incorporarse con éxito aos distintos sistemas socioeconómicos dos estados nos que residen: son empresarios de prestixio e desenvolven un importante papel na economía deses países.

Porque os galegos soubemos integrarnos sempre na sociedade que nos rodea. Unha integración que non exclúe manter vivas as nosas costumes e a nosa cultura… Conservamos os nosos acenos de identidade, a pesar do paso do tempo, e facémolo de xeito especial nos Centros, que foron auténticas embaixadas da cultura de Galicia. En calquera recuncho do mundo atoparemos sempre a un galego, especial protagonista da nosa historia. Porque os galegos do exterior escribiron moitas das nosas páxinas máis brillantes. Este país, se avanza, será grazas á inesquecible pegada que nel deixou un bo número de corazóns errantes…