galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

DONA DIÁSPORA NA HABANA

A nosa activa valedora dos emigrantes despediu o 2014 na Habana. Aínda que adoita celebralo en Baíñas [Vimianzo] na compaña da súa milenaria amiga Pedra da Arca tivo que cambiar de roteiro xa que recibiu unha invitación urxente de Fidel Castro Ruz para cear na “Perla do Caribe”.  Quedou moi sorprendida pois levaba desde 1991 sen contestación a unha petición que lle fixera —sendo presidente de Cuba— diante da casa de Manatí, na que o presidente Fraga Iribarne vivira unha boa parte da súa infancia.

FRAGA EN MANATI +

Por Manuel SUAREZ SUAREZ

Fidel: ¡Benvida! Alégrame moito que aceptaras o meu convite. Despois de anos sen noticias miñas e agora convócote sen previo aviso. Espero perdoes a miña absoluta falta de cortesía pero creo que te irá ben un golpiño de calor tropical e unhas cantas cuncas —así lle chamaba don Manuel— dunha queimada especial que prepararei co mellor ron do mundo.

Diáspora: Non hai nada que agradecer. Entenderás que son a primeira interesada en volver sobre o tema que te presentei en 1991. Por outra parte, conta a teu favor a grande amistade que me unía co nobre emigrante don Ángel de Láncara. Supuxen que agora retirado, terás máis tempo libre para reflexionar sobre o medio século de historia cubana na que fuches protagonista. Pensei que tiña que aproveitar para convencerte de que é o momento axeitado para que acendas a luz verde sobre a proposta que te fixen.

Fidel: É certo, miña amiga, é o momento de reparar erros. Estou na fin do camiño. Se mañá vou para o cemiterio, pasado mañá hai eleccións e gaña o partido dos cubanos que se foron a Miami nos primeiros anos da década do 60. Non é para desmerecer ao meu irmán pero é evidente que o “Chino” non ten a autoridade moral que teño eu. É bo cumpridor das súas obrigas pero entende pouco de economía. Quedou ensarillado e tolleito na retórica anti-capitalista de cando baixamos da Serra Maestra.

Diáspora: Vexo que estiveches repasando os 50 anos nos que fuches o John Wayne da película. Tocóuche a ti ser o guieiro do rabaño. Durante anos levaches aos guajiros a pastar dentro dun valado no que o lobo non atacaba. Algo conseguiches pero sintes que es un pastor fracasado. Non lle teñen medo ao lobo. Ao ver que a herba non chega, invádeos unha ansiedade que os move a buscar un carreiro fóra do espazo delimitado polo caiado do pastor. O quero decirche é que calquera tipo de organización política é pasaxeira. Ademais, a análise que se faga do pasado case nunca é obxectiva xa que enchemos de cores onde só hai branco e negro.

FIDEL Y FRAGA +

Fidel: Contigo pódese falar. Ábresme os ollos cos teus razoamentos de vella galega emigrante. O xigantesco escritor Miguel de Cervantes —por certo, lín que ten orixes lucenses como as miñas— dicía que había que confiar no tempo porque “suele dar dulces salidas a muchas amargas dificultades”. Ben, teño as miñas dúbidas de que sexa así e propoño firmemente confiar sempre no ser humano. O tempo é pouco serio, moi variable. Póñote un exemplo: unha hora na compaña da túa namorada vaise voando e unha hora encarcerado pode ser eterna. Cando decido que é necesario rematar coa ditadura de Batista non quero deixar pasar o tempo. Opinaba que o tempo non era neutral, iba pasando e os ricos facíanse máis ricos e os pobres, más pobres.

Diáspora: É unha satisfacción escoitarte falar e comprobar que estás a corrixirte. Coido que  houbeses impartido unhas moi boas clases de historia ou de filosofía pero fuches de cabeza a facer de Cronos e pasou o que pasou. Os anos ensinan a ser humildes. Poida que a clave o a chave da paz espiritual e tranquilidade de conciencia estea no feito de que o corazón triunfe sobre a razón. Arredor do tempo habería que consultar a Stephen Hawking aínda que eu non entendería a súa explicación. O tempo é un bo docente pero o seu valor didáctico recoñécese ao final do camiño. Co tempo non funciona a prevención, é unha pena, houbesemos evitado unha cantidade de erros que recoñecemos cando non lle queda máis corda ao reloxo.

Fidel: Realmente, estou encantado de que esteas na Habana. Ao mellor fágoche caso e nunha vida futura, dou clases de Historia de América. Nunca se sabe. ¿Imaxínasme na aula explicando as causas e consecuencias do medio século de embargo yanqui a Cuba? Aquí tería as miñas dúbidas. Non é doado pois se che fago caso a ti  e deixo que fale o corazón, trasmitirei aos alumnos que os imperialistas do norte afogaron coa súa forza unha alegre isla que quería vivir con ritmo propio. Se deixo falar a razón: terei que aceptar que un danzón, un pasodoble ou unha canción de Elvis son diferentes formas de expresión musical. Non inflúen, por tanto, no sentimento patriótico dos cubanos que é un ben inmaterial non embargable.

Diáspora: Alégrame que teñas a valentía de recoñecer que no pasado vías todo con excesiva carga emotiva. Coincido contigo que na fin do camiño debemos de afastar todas as brétemas posibles para non sermos castigados coa escuridade ao chegar aló enriba. Imos ao tema que supoño me trae ata aquí nesta noite habaneira de San Silvestre. Agardo que me citases para informarme sobre a petición  formulada para que se proceda a devolución oficial aos seus lexítimos propietarios do inmoble rexistrado en escritura pública a nome do Centro Galego da Habana. Na capital cubana os galegos emigrados esforzáronse por labrarse un futuro a título individual e a título colectivo. Por un lado o fogar familiar e por outro o fogar social. Coas súas achegas construíron o gran palacio do Centro Galego que é un xoia arquitectónica de gran valor. O goberno que ti dirixías, expropiouno e pasou a ser utilizado por diferentes entidades públicas. Non esquezo de facer a puntualización de que as sociedades galegas seguiron contando cun espazo para desenvolver as súas actividades culturais.

CG LA HABANA +

Fidel: Certamente, Diáspora, chameite con urxencia para resolver o asunto do Centro Galego. Son consciente de que estoume achegando a tumba. Non quero marchar sen antes arranxar o tema da devolución do Centro Galego aos seus donos ou propietarios. Como podes ver non escapo pola tanxente e fáloche da propiedade privada dunha sociedade mutualista que volverá a estar nas mans dos socios. Estou en débeda cos  con meu pai que inculcou en min o valor da perseverancia. Inventouse un dito con rima que adoitaba repetir: “no se llega a Camagüey con la sombra del jagüey”. Quería uns fillos que se movesen e aconsellaba baseándose na súa experiencia de vendedor ambulante que percorrera as facendas coas súas mulas carregadas de roupa de vestir e de cama. Así foi como aforrou os primeiros pesiños que investiu en mercar un anaco de terra cubana. Foi un gallego “corajudo” que se namorou das paisaxes dunha illa que dicía sandaba calquera humidade e dor nos ósos.

Diáspora: Moi ben, Fidel, non esperaba outra cousa de ti. Abriuse unha porta a unha nova realidade co acordo de restablecemento das relacións diplomáticas cos Estados Unidos. Nesta liña aperturista que non ten volta atrás, pídoche que interveñas con firme resolución. Es o máis indicado para impulsar o acto de reparación que enlace definitivamente aos nosos descendentes —cidadáns cubanos— coa herdanza dos seus avós galegos. É certo que o parentese que lle puxeches aos seus dereitos foi demasiado longo pero xa coñeces o dito de que “nunca é tarde cando a dita é boa”. Se queres podo facerlle chegar ao presidente da Xunta de Galicia, unha tarxeta invitación do teu puño e letra. Coido que corresponde o convite para que sexa testemuña nun acto xurídico que marcará o comezo dunha nova etapa na que un gaiteiro cubano anunciará ao mundo que se abren os camiños da liberdade para os amantes da democracia. Graciñas, de verdade, despídome. Volvo a Galicia co convencemento de que cumprirás a túa promesa de devolución no vindeiro ano.

Fidel: Entendo que teñas présa por comunicarlle aos habitantes de Láncara que Fidel, o fillo de don Ángel Castro Argiz, comprometeuse á devolución do Centro Galego da Habana. Poderías quedarte uns días para visitar Santiago de Cuba pero outra vez será. Fágoche constar, sinceramente, que o agradecido son eu porque teño a oportunidade de remendar a gran metida de zoco de incautar unha propiedade que leva nos seus alicerces e paredes, o suor de milleiros de emigrantes da terra de Rosalía de Castro. Asegúroche que o Centro Galego da Habana, construído no Paseo do Prado ou de José Martí, volverá ao seo da colectividade galega na maior brevidade posible. Antes de marchar, por favor, bebe outra cunca de queimada ao estilo galaico-habaneiro para que o camiño de volta sexa más pracenteiro. Unha aperta e feliz retorno!

espiral amuleto prosperidad