galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

DOS LIBROS A LITERATURA GALEGA EN INTERNET

A arte literaria florece no propio país, de forma contundente, cando se inicia a democracia en España, nace a autonomía galega e crece o interese polo idioma e as artes propias.

No desenvolvemento do idioma teñen moito que ver algúns medios de comunicación privados, como Radio Popular de Vigo, a primeira emisora que, nos anos setenta, prestou unha singular atención ao galego como vehículo oral para distinguir a súa programación; e logo, nos oitenta, os medios públicos, a radio e a televisión, que nacen co obxectivo principal de divulgar e enriquecer a lingua galega.

O libro en galego é o medio escrito que cobra maior importancia na difusión do idioma e é a partir da creación da Asociación de Escritores en Lingua Galega cando ten un maior impulso.

Vital importancia na recuperación e consolidación do idioma tivo a implantación das materia de Lingoa e Literatura Galega  xa no Ensino Primario e é a partir dese momento cando se inicia o proceso de normalización lingüística, que vén achegar a recuperación de palabras, expresións e termos que se perderon nos tempos da ditadura.

A partir dos oitenta xorden novos autores con novas propostas. Os músicos recuperan a poesía e o folk; e o cinema pon os seus ollos nos relatos dos escritores galegos.

Entón, chega a internacionalización. O Pen Club abre as relacións con editores e escritores de medio mundo da man do seu presidente, o inesquecible Carlos Casares. E xorden as primeiras traducións de textos galegos que asinan Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Manuel Rivas, Ramiro Fonte e un amplo etc. de novos e non tan novos autores contemporáneos. E non só son traducidos, senón tamén recoñecidos e premiados. Acceden ao Nadal, ao Premio Nacional de Literatura e a outras moitas distincións estatais e internacionais.

A partir dese momento crece e florece unha nova industria. Tanto editoriais como imprentas alcanzan niveis óptimos de comercialización. O libro galego e o idioma crean postos de traballo e nace un futuro de gran esperanza para a cultura galega. Ata o punto, que os escritores galegos, como o resto dos creadores tamén ven atrapados pola Rede e nace unha nova literatura con vocación web.

Por iso chega a todas partes do mundo e esperta un interese inusual entre as linguas minorizadas.

A poesía, a narrativa, o ensaio, o xornalismo todos os xéneros literarios posibles están nas webs, na internet. Así é como o novo soporte universal permite ao galego, ao noso idioma, e ás nosas artes pasar por encima das fronteiras políticas e sociais.

Na Rede hai de todo e para todos, pero especialmente chama a atención como os nenos e nenas das nosas escolas convértense en creadores de novas formas culturais. E como, a través dos seus ollos e dos pensamentos que nos transmiten, mesmo chegamos a comprender moito mellor a arte. Porque a eles e a quens pertencen as mellores ideas aplicadas ás novas tecnoloxías.

Son a esperanza de que a esta a súa… nunca lle chamen a xeración perdida.