galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

GALICIA

Cos galegos xa se sabe que nunca se sabe.

(Gabriel García Márquez)

Por Alberto Barciela

Non sei si é verdade, pero mentira non é.

En Galicia cada choiva é coma unha acta fundacional da vida. A choiva, case sempre, mellora o silencio. A sensibilidade inocente e sabia da auga permítelle ao orballo da madrugada acariñar os cristais coma unha néboa doce, apenas sen ruborizarse. Isto ocorre a miúdo, polo menos durante o inverno. A choiva forte e máis ousada, cando as pingas repenican sobre os vidros, marca o latexar do corazón de cada lugar. É unha linguaxe natural, parella ao son das campás, do mar batendo contra as rochas ou varando nas finas areas, dos ríos precipitados en fermosas fervenzas, dos canteiros, das cantareiras, dos pandeiros e das gaitas, das chirimías, dos cantos de taberna, das corais ou das bandas de música nas romarías.

Galicia toda é lírica; un canto natural, coma o do carro, ou imposto pola evolución cultural. A Terra baila en muiñeira, na alegría de saberse un microuniverso fértil, contornado por mares fartureiros. E todo parece falarnos: a natureza, o pasado, o alén.

“Polo canto coñécese ao paxaro”. Os galegos somos boa xente; o común dos galegos, enténdese. Hai historia e hai talento, e iso nótase. Péselle a quen lle pese, nós preguntamos, indagamos e, cando a resposta corresponde coa dun corazón nobre, entregámonos a manchea, mesmo se nos vai a vida no empeño. Nese intre, descóbrese ese sexto sentido que nos xunta aos demais galegos, aos de aquí, aos de alá, os de ultramar e a cantos se senten fillos da Terra, nai e señora, vivan onde vivan, nazan onde nazan, como ben di GADIS nos seus fermosos anuncios.

Realmente existe unha alma galega común, que se fai posible dende a descrición dun espírito individual e que atrapa xestos, instantes, miradas, sentimentos, pensamentos espontáneos e todas as emocións, que logra extraer as vivencias, os recordos, os anhelos e canto compón unha cultura xenuína.

Señores do noso, somos seres en permanente diálogo coa contorna. Escribimos xa todas as cartas xeográficas, percorremos todos os mapas, corriximos moitas derrotas. Logo de séculos asentados no Fin do Mundo, ollando como remata, fixémonos tan escépticos coma prácticos. Dalgún xeito, somos coma náufragos, pasamos a vida mirando cara ao horizonte porque por aí entra e sae todo. Gústanos ver pasar os barcos, patronealos e, ao mesmo tempo, comprar o nicho. Con todo, sabemos que un náufrago é un soñador, un lanzador de mensaxes en botella, o que implica que aínda cremos que existe unha esperanza, a maxia, o outro mundo. Somos imaxinativos e valentes, poetas e detectores de oportunidades. Como deixou escrito Castelao, non pedimos: emigramos.

Ninguén se extravía nunha paisaxe que lle é inherente. Os galegos, coma os irlandeses, cando queremos, perdémonos en nós mesmos, ensimesmándonos nas rutinas, no cotiá, nas fantasías. Somos románticos extasiados e cústanos definirnos porque, en certo modo, non nos asumimos sen escenario; tendemos a debuxármonos en verdes e entre néboas.

Á primeira visión da paisaxe galega é unha impresión única, unha suxestión que nace da combinación dos elementos da natureza e do traballo do home. A personalidade galaica xorde da propia terra, dos seus fondos vales, das súas montañas, dos seus numerosos ríos. “O país dos mil ríos”, como gustaba definila Álvaro Cunqueiro, escritor magnífico, fabulador e poeta, mestre adiantado no estilo que tempo despois daría en chamarse Realismo Máxico ou Realismo Fantástico. Galicia pura.

Será neste territorio de 29.574 quilómetros cadrados, cunha extensión similar aos pequenos Estados de Europa coma Bélxica ou Albania, onde xurda unha das encrucilladas culturais máis orixinais e mellor caracterizadas.

Os galegos, que historicamente formamos parte de España dende que España existe, estamos orgullosos de sermos europeos, como o coruñés Salvador de Madariaga. Participamos tamén do mundo portugués, ao que nos unen fortes vínculos históricos e as interesantes posibilidades de futuro nunha eurorrexión ben definida e unida polo Miño.

A cultura propia é a base substancial da identidade do pobo galego. Foron as xentes sinxelas e populares as que deron, xuntamente cos nosos máis salientables artistas, escritores, músicos, e arquitectos, as respostas necesarias para constituír un riquísimo e variado patrimonio cultural. Representa á galeguidade, con todas as súas contradicións e límites conceptuais e con todos os elementos definitorios dun modo de ser e de estar na vida. Aquí pregúntase todo e respóndese coa mesma interrogante. O galego modernizouse definitivamente cando preguntou se podía preguntar… Ou non. Todo depende, e non se sabe moi ben de que.

O Pluralismo é a posición filosófica a medio camiño entre o Universalismo e o Relativismo. Os galegos somos plurais, respectamos e votamos; somos case todos galeguistas, e uns poucos, nacionalistas. Somos globais, emigramos e aceptamos aos que veñen visitarnos. Seres adaptables, somos de onde nacemos, pero tamén de onde pacemos. A Terra, nai e señora, trasládase onde vive cada un dos seus fillos. Somos relativos, adoramos a aldea; para nós, todo depende do lugar que nos viu nacer e intentámolo reproducir alá onde nos instalemos. Somos seres intelixentes, con opinión sabia, intuitivos e cunha subxectividade obxectiva que nos sitúa na metade do Tópico, en plena escaleira. Somos particulares no universal, e universais no particular. Para chegar ata nós, o mellor é deixarse guiar polas estrelas, mesmo coa axuda das desa cervexa universal e espléndida, Estrella de Galicia.

Os galegos estamos condenados a vivir as mil vidas herdadas dos nosos devanceiros. Isto fainos habitar un mundo permanentemente sobrenatural e melancólico. Coas mulleres soas, viúvas, casadas con emigrantes, naceu unha terceira Galicia imaxinada: a dos homes ausentes, idealizados coma fillos, maridos e pais. As cabezas das mulleres galegas soportaron un mundo real e metafórico. Cada galego, sexa do xénero que sexa, é a peza imprescindible dun crebacabezas imposible de completarmos.

É certo: un galego é un ser que sabe coma ninguén coller unha gaita, un paraugas, unha maleta, ou unha ilusión e facer deles a súa vida. Somos artesáns da nosa cultura e da nosa maneira de ser e, o que non queira subir, que baixe. Cada un anda ao seu; menos eu, que ando o meu. E, aínda con todo, somos un pobo único.

Galicia, integradora e aberta, vén contribuíndo á unidade europea dende o século X, cando a aparición do sepulcro de Santiago Apóstolo deu lugar ao comezo do fenómeno das peregrinacións, consolidadas nun Camiño vertebral de culturas e xerador de valores. Un esplendor arquitectónico que continúa co Barroco, nos séculos XVII e XVIII, e que culminará na Praza do Obradoiro coa impoñente fachada da Catedral. Unha ruta de fe e de arte que logrou perdurar e que, na actualidade, co Xacobeo que creara Manuel Fraga, está no seu cume, ben dirixido neste intre por Alberto Núñez Feijóo e Román Rodríguez, coa colaboración de José Bugallo, alcalde de Compostela. Un exemplo de convivencia á que hai que sumarlle á da Igrexa católica, da man de Don Julián Barrio.

A cultura galega arrinca de fondas orixes e vaise elevando ata chegar á máis alta categoría na época medieval, con magníficas mostras de arte románica, entre as que sobresae, como é sabido, o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, onde a escultura volve sorrir.

Galicia ten unha tradición de seu e un acervo literario en lingua propia, sendo a lingua galega das máis antigas de Europa. Un idioma que nace nas postremeiras do século XII coa poesía dos cancioneiros galaico-portugueses, que rexurde no XIX con Rosalía de Castro, e que chega ata os nosos días cheo de vitalidade creadora. Unha tradición literaria á que deben sumarse achegas de autores galegos tan salientables nas letras españolas coma Ramón María del Valle-Inclán, Emilia Pardo Bazán, Xulio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Gonzalo Torrente Ballester, e o Nobel, Camilo José Cela. 

A Galicia do Terceiro Milenio, a do século XXI, é xa unha realidade. Un país ben definido, subido ao tren do desenvolvemento e das tecnoloxías máis modernas, preparado para enfrontarse á sociedade da comunicación, cuns medios líderes da prensa rexional española e unha CRTVG moi dinámica. Os galegos do século XXI estamos orgullosos da nosa tradición e, ao tempo, participamos de cheo desta etapa máis emprendedora e creativa.

No seu Ensaio Histórico sobre a Cultura Galega, Don Ramón Otero Pedrayo dinos que “gozou a nosa terra, desde o amencer dos tempos, dunha conciencia orixinal”. Esa conciencia sobrevive hoxe e seguirá sobrevivindo porque, como moi ben engade quen foi considerado en vida o patriarca das Letras Galegas, é a cultura a que inspira as etapas vitais da historia de Galicia. Polo tanto, debemos considerar a cultura propia como o auténtico contraste, o catalizador dos grandes períodos da nosa historia. 

É neste marco onde se inscriben certas individualidades. Todas elas destacaron e destacan nas súas diversas actividades nos últimos anos, no que é sen dúbida algunha o período de meirande actividade política, económica, social e cultural de Galicia e, ao mesmo tempo, unha das etapas historicamente máis creativas na nosa Comunidade.

Galicia é o que xa foi e mais o que está a pasar. Compón un poema de permanencia no esencial, pero déixase levar polo vento, transformar pola choiva, diluírse pola néboa, afectarse pola imaxinación. É unha realidade, pero tamén un pensamento difuso e desarticulado, fundamentalmente nos seus localismos insolidarios. A Terra de Nunca se Sabe. O Paraíso. Maxia. Todo para admirar moi fondamente, para vivir e compartir coma galdrumeiros de cada xornada, e tamén para superar os seus indixestos erros.

Agora é imprescindible renovar as rutinas, as citas resabidas, os conformismos, as percepcións exteriores, as memorias terxiversadas, os nosos propios resentimentos… Hai que preservar o que merece ser preservado e renovar o resto. Hoxe, por fortuna, as novas xeracións esixen novas respostas, quizais sen intuíren que é a eles a quen lles corresponde dálas dende a experiencia e a formación, dende o entendemento dun mundo tamén novo, global, conectado e cheo de posibilidades. É aí onde hai que batallar en tempo real, sen apoucamentos e sen desquites.

Os galegos, logo de case tres décadas de convivencia democrática, temos avanzado máis que nos 500 anos anteriores. Os cimentos están armados sobre sólidas infraestruturas. É o momento de seguir traballando, de facelo mellor e, fundamentalmente, de comprender que hai que reescribir a Historia cada día, a individual e a colectiva, porque case nada do que nos contaron foi verdade e, aínda así, fomos quen de chegar máis aló dos nosos propios soños.

En todo este contexto, temos que propoñer un espazo común para a reflexión, a acción e a esperanza; capaz de insistir en que existe un camiño común para construír unha nova Galicia máis universal. A apócema invítanos a voar, dótanos de alas para imaxinar un territorio que é noso, de todos e para todos, e que apenas intuíramos. Un espazo para a intimidade, pero aberto e conectado ao mundo; vinculado por voces autorizadas, por mans destras, por coñecemento mutuo, por vivencias en vangarda, por cultura compartida… Por sentido común. Aí témonos que atopar, agora e sempre, todos “nós”.

E aquí estamos, gozando neste illote de tolemia e bonhomía, de intuición xenial e boas intencións, collidos pola palabra, redescubertos, conxurando o universo, tecendo a moda dos mundos, acollendo peregrinos, facendo coches intelixentes, sendo solidarios, lanzando foguetes e drons ao tempo que seguimos a prescindir de moitos dos mellores.

Nós sabémolo. A choiva empurra a vida ao cuberto, igual que o sol. Un paraugas, un parasol, un arco, un carballo. A choiva, as raiolas e o verde abrázanse coma as cores do arco da vella nun sentimento de complementariedade. Penso que cada pinga de auga alberga un mundo do tamaño dun universo, e Galicia é un mar de pingueiras que colman o meu mundo. Sei que vivimos tempos de interrogantes: o tempo fíxose galego.

Así somos, ou non? Quizais; depende… Vou concretar: depende de sabérmonos estar unidos no esencial. Para iso hai que elaborar un programa estratéxico para Galicia, coas luces de Vigo, o adarve da Muralla de Lugo, o albiscar da Torre de Hércules, os mananciais de Ourense, as pontes de Pontevedra… Coa unión dos Fernández, dos Domínguez, dos Rivas, dos Tosar, das Pato, dos Barreiro, dos Quintana, dos Villanueva, das Piñón, dos Isla, dos Jove, dos Añón, dos castro, dos González, e de Citroën, Inditex, Nova Pescanova ou CH, dos agricultores, dos mariñeiros, das redeiras, dos gandeiros, dos empresarios, dos universitarios, e de cantos queiran participar, como bos e xenerosos fillos de Galicia, dun futuro mellor para todos. Diso depende.