galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

GALICIA E MAIS TODOS NÓS

Por Alberto Barciela

Na memoria de Antón Fraguas

Este artigo é consecuencia dunha reflexión sobre Galicia, para situala nos imprecisos límites desa realidade descomunal chamada globalización, un mundo sen dúbida de posibilidades aparentemente ilimitadas, pero tamén un estado de urxencias perpetuas, case insaciables e unha seria ameaza para a identidade cultural dos pobos. Estamos ante un exercicio incompleto para que os galegos, aportando ideas desde a pluralidades e a diversidade de pensamentos poidamos dotarnos dunha filosofía de reposicionamiento ante os cambios mundiais, construíndo como un enorme mecano cuxas pezas esenciais xurdan das experiencias luminosas, coloreadas, das virutas biográficas, esencia de vidas dos fillos desta terra de Breogán.

Os galegos pertenecemos a unha estirpe fatal e barroca, de inquietudes perpetuas pero tamén de disimulada tenrura. Os nosos estímulos nacen da sensibilidade, da reflexión e a análise, dunha actitude permeable e disposta sempre á acción; pero tamén da espontaneidade e do estímulo que atopamos en canto poida favorecer aos nosos amigos. Somos pensamento, formación e sabedoría; os nosos propios personaxes: colosais, conmovedores, constantes en cousas espléndidas e en entrega ao traballo. Seres de emocións densas, explosivos cando o frasco das esencias soborda. Somos como somos. A nosa obra é variada, inqueda, rebelde -a rebeldía é unha característica moi galega-. Somos uns rebeldes románticos. Só así, intuíndonos é posible entender algo do carácter galego.

Cheos de premonicións, regalámonos un amarre en tempos de zozobras. O dictame do mundo fala dunha realidade desmesurada en présas e aconteceres. Antes todo era menos urxente, máis repousado e quizais máis sabio, todo transcendía ao ritmo do andar polos camiños, do carro de bois ou do Castromil, que tanto amaba Otero Pedrayo.

Cantís nas Illas Cíes

Agora, as présas esixen un fundamentalismo ata das cousas sinxelas, inmersos como estamos en rancios resentimentos cara a todos, non se sabe moi ben debido a que, nin exactamente por qué. E, no medio de tantos ruídos do sistema, das urxencias, das présas innecesarias, de tantas ambicións, de tantos separatismos políticos e tantas desunións persoais, apetéceme invitar a refuxiarnos nas importancias: na amizade, na conversación, no reencontro co que un recoñece, partindo si é preciso dos escenarios inocentes da infancia. Son cautelas xurdidas dun pobo sabio, habitado polo duende da bonhomía e o misterio da palabra, capaz de determinar un novo espazo de convivencia sen salir dun territorio e unha cultura moi vellas.

Solpor no Fin da Terra

Agora, cas redes discorremos con liberdade e non pouca incomprensión por corredoiras de vidas e sentires alleos, para facelos propios, comúns, adherimos novos afectos e filiacións, non sempre contrastados. Iso supón unha oportunidade, pero tamén un serio perigro para o propio, unha  ameaza invisible para o que nos fixo fillos dunha cultura maravillosa.

Temos que defendernos coa decisión dos irmandiños, co entendemento dos emigrantes, ca persuasión de que si é posible a convivencia con outras culturas, todo a de comezar por querer a propia. Para gañar espacio na universalidade teremos que completar o noso mecano, entrevistando si é preciso ao orballo, ao horreo de Carnota, ao pan de Cea, ao polvo e á dúbida. E con todo iso poderemos construír algo moi fermoso: a Galicia do século XXI, a nosa visión vanguardista da Terra Nai, para ofrecerlla ao mundo cos nosos poetas, ca pesca,  ca moda,  o ca costa atlántica e co Camiño de Santiago. Un galego coñece moi ben a universalidade, e tamén sabe como facer moito do pouco ou do pequeno.

Praia de primavera

Os ensinos que encerran os novos datos serven para algo máis que para descubrirnos que outros galegos existen, que fixeron ou fan cousas importantes e que o fixeron ou fan desde a formación máis esixente e desde as responsabilidades máis enriquecedoras. Serven tamén para confirmarnos que na xenética galega escríbese a necesidade de vínculo, de vínculo á terra, aos outros galegos; de vínculo a nós mesmos como pobo que somos, como Nós; de vínculo ao que fomos, o que somos e o que seremos.

Un é do lugar ao que sempre regresa… Un punto de encontro no pensamento universal dos galegos universais, un lugar ao que se chega a través dunha peregrinaxe biográfica por identidades diversas, tecidas e destecidas con maestría para construír a memoria colectiva dun pobo. Galicia é o principio e o fin do devir vital de cantos nos sentimos os seus fillos. É, ademais, un lugar xeográfico de singular beleza.

Nasas no porto de Aldán

Galicia é igual e é distinta, é plural e diversa. É o que cada un percibe en cada momento. Inabarcable en toda a súa extensión e exactitude, contraditoria na súa aparencia. É terra xenerosa en rutinas bárbaras, tópicos que intentan definir o indefinible. Galicia é feitizo, maxia natural que obra efectos extraordinarios sobre cantos intentan constreñila a un mapa, a humidade, a verde, a morriña, a naufraxios, a preguntas, e a escaleiras que non levan a ningunha parte. É terra encantada que sorprende aos non iniciados, aos que arriban buscando nela só o que esperan atopar, tópicos.

Hai que dar coa fórmula máxica, co conxuro preciso que permite acceder a todas as galicias imaxinadas, queridas, soñadas, añoradas, gozadas… por cantos se senten galegos, nazan onde nazan. É o seu un tecer e destecercontinuado de achegas baseadas na experiencia, na evocación, no recordo, no pasado ou no presente, ao longo dunha travesía plena de escalas en paisaxes humanas deslumbrantes, apenas intuídos. Cos persoeiros, coas palabras dos interlocutores, cos pensamentos, cos sentimentos, Temos que construír un imaxinario enriquecido, colectivo, que demostre ser evolutivo en vangarda. Ás veces deixaremos albiscar unha nova perspectiva desde unha sinxela alusión, outras o faremos cunha imaxe precisa, pero o conxunto traduciranos o sentimento, a emoción compartida. Así, desde cada valor individual nace a enerxía que asegura a navegación cara a destinos inéditos. Nese discorrer chega a presentirse a Galicia que seica máis se achega á Galicia real.

Rosa mística de pedra

Movidos por esta maxia especialísima, de saberes diversos, todos valiosísimos, nunha singradura polo mellor da intelixencia galega. Este é un percorrido chamado a recalar en portos por construírse, nas xeracións vindeiras, nas vidas daqueles que con seguridade deseñarán novos imaxinarios, que vivirán avatares e aportarán paisaxes humanas ata agora impredicibles, que serán máis ou menos cultos, máis ou menos afortunados, e que residirán máis ou menos lonxe, pero que por esixencia xenética necesitarán participar dun referente emocional colectivo.

Os pelegríns ao final do Camiño

É tamén o escaparate da vida no que nos vemos reflectidos co orgullo de Galicia como bandeira de unidade en España e Europa. Vincúlanos un sentimento único e indivisible cara a unha Nai que é Terra e que en Rosalía, en Curros e en Ramón Cabanillas foi poema, xeografía en Otero Pedrayo e en Antón Fraguas, universidade en Fonseca, aristocracia no Conde de Gondomar, celta en Pondal, conto en Fole, revolución nos Irmandiños, regionalismo en Brañas, surrealismo en Maruja Mallo, esperpento en Valle Inclán, Nobel en Cela, realidade máxica en Cunqueiro, caricatura en Castelao, pedra no Mestre Mateo, arquitectura en Antonio Palacios, moda en José Regojo, Amancio Ortega ou en Adolfo Domínguez ou en Roberto Verino, gastronomía nos Amigos da Cociña Galega, no Grupo Nove, música en Carlos Núñez, Luz Casal, Cristina Pato. Aquí están María Casares, Torrente Ballester e Francisco Leiro e Nélida Piñón ou o propio García Márquez, Machín ou Bebo Valdés, incluso Picasso, polos seus anos coruñeses. Están as avoas e os mestres, os mariñeiros e os agricultores, e as paisaxes e os camiños e as corredoiras, as cidades e os mil ríos, rías, tres millóns de lugares, un millón de vacas e 688 millóns de árbores. Aquí están, sí, para dar testemuña de Galicia en estado puro. Todo importa.

A Seara, no Courel amado

E hai que dicir que sí, que sen renunciar a nada nin a ninguén, un é do seu país e da súa paisaxe, da súa historia e dos seus soños, ata das súas utopías. E trala viaxe ou en plena viaxe é bo polo menos quedarse cun mesmo un intre. Así, todas as palabras e sentires expresan unha enriquecedora cultura de convivencia entre o galego e o español e o luso-brasileiro, os ecos de case un mundo que resoan para sempre entre os recordos máis queridos de todos os galegos; palabras que foron historias fronte á lareira e a trepidante trasposición dun país que en pouco máis de cincuenta anos experimentou unha transformación colosal, impensada ata polos máis optimista.

A nova Galicia instálase na súa vella e decidida vocación, atlántica e europea, que define, de forma singular, o posicionamiento da nosa terra nestes tempos de cambios trepidantes e vertixinosas transformacións. A fin do mundo dos romanos, a meta dos pasos peregrinos xacobeos, a Terra Nai de millóns de emigrantes, é, como demostra a súa historia, especialmente sensible ás correntes dos tempos. Nada lle é alleo a Galicia, nada lle resulta inalcanzable a un pobo de vocación universal, afeito a crecerse ante os retos, por difíciles que resulten.

Auga de vida

O momento é o máis oportuno para o reencontro. Neste Terceiro Milenio, o Finisterre rexorde dos seus propios tópicos para ofrecer un marco de realidades plenamente inmersas nas vanguardias mundiais. Como non, están a choiva e a pedra, permanecen o granito e os mil ríos, rías e as néboas, o verde e os bosques. Todo o que definiu a mellor das Galicias mantense inalterable, disposto a acubillar baixo o seu manto de morriñosa saudade á nova sociedade, na que todos cabemos, os que se foron e os que se quedaron. E ata, se volvemos a apelar ao máxico, os que xa non están.

Ante os ollos do observador atento, Galicia móstrase verdadeiramente sorprendente nas súas manifestacións máis recentes: o deseño, a calidade. Así, trala densa néboa dos tópicos escóndense os éxitos de empresas de referencia no mercado mundial da moda; os aromas afrutados duns dos viños brancos máis premiados do mundo, os albariños, os ribeiros, os godellos; a industria xoieira máis puxante; a consecución de patentes mundiais de produtos famacéuticos; unha industria pesqueira capaz de liderar o mercado mundial; estaleiros que exportan portavións; empresas automobilísticas; redes de alta capacidade; tres universidades e sete campus; tres aeroportos e centos de quilómetros de modernas autopistas e vías rápidas; os Cluster. E así ata mil posibles citas sobre as que asentar as bases dun futuro máis que esperanzador. Un futuro que comeza polo coñecemento de nós mesmos, polo reencontro nun andén ou nun peirao de esperanza, esta vez para exportar produtos, non para emigrar.

A cor da primavera na aldea

Temos que descubir esoutro país impensado dentro de Galicia, ese mundo do cal non tiñamos conciencia. Un espazo máxico de sentimentos compartidos e personalidades dispersas. Afastadas polo tempo, o espazo, o descoñecemento ou a compracencia. No traballo que propoño conxúgase a síntese xusta dunha nova filosofía do reencontro, a invitación a un faladoiro de sentimentos compartidos e agora xa si expresados.

E entre todos, alegrámonos na idea de ternos reencontrado no desexo de novos horizontes para nosa vella Galicia, e na nostalxia, e na utopía, quizais, pero sempre co denominador común do agarimo e da comprensión cara a unha forma de ser e de entender a vida, ata aquí, no país da choiva que ten que afrontar o cambio climático.

A maxia das meigas que voan

E nese xusto medio entre o mundo e Galicia, entre a evocación e a realidade, entre a orixe e o porto de destino, no territorio do emocional, situamos un punto de encontro sempre posible para celebrar a vida, dimensionando as experiencias e utilizando a terra como eixe sentimental, conscientes de que quen mellor conta a historia é a propia vida.

Temos que facer unha relectura de Galicia, un plan extratéxico que por riba de sentimentalismos e de políticas localistas nos, para sorpresa de moitos, faga que o Terceiro Milenio siga facendo de Galicia un punto de referencia obrigado na sociedade do ciberespacio, española, galega, universal.