galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

GALICIA: UN POBO, UNHA FALA.

   

         Os pobos conservan o seu maior sinal de identidade se manteñen vivo o idioma propio, aínda que a modernidade o encadre niso que algúns chaman linguas menos difundidas.

         Galicia fala galego. Fálao case o cen por cen da poboación. É un idioma nobre e harmonioso, como reza no noso himno, que foi utilizado xa polos que foron os nosos antigos reis sabios.

         Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro son os protagonistas do chamado Rexurdimento, o movemento literario que o consolida.

         No comezo do século XX, Noriega Varela e principalmente Ramón Cabanillas espertan a conciencia nacional cos seus poemas e inícianse as primeiras reivindicacións da “patria esquecida” con idioma propio.

         A chamada “Xeración Nós”, con Ramón Otero Pedrayo liderando un grupo de rapaces intelectuais continúa a creación literaria no propio territorio galego, pero será en América onde xurda a Literatura da Posguerra.

         A lingua galega mírase no espello da nosa arte literaria, que non sempre foi ben comprendida; de aí que a súa historia arranque no propio territorio, pero “rexurda” no exilio, como elemento reivindicativo, nunha etapa na que está marcada polo éxodo dos galegos, obrigados a deixar o país tanto pola represión política como pola carencia de oportunidades.

        Porque, co exilio e as correntes migratorias cara a América, durante a ditadura franquista, a Literatura Galega tamén emigra.

       A Habana, Bos Aires, Montevideo, Caracas e México son testemuñas do nacemento dos centros galegos, auténticos núcleos de conservación da cultura galega perseguida.

     Á súa sombra nacen novas publicacións e neles crece a Literatura do Éxodo, protagonizada polas máis extraordinarias figuras literarias galegas dos chamados “anos difíciles”, como, por exemplo Castelao, Blanco Amor ou Celso Emilio Ferreiro, os máis populares dunha longa listaxe de figuras senlleiras que mantiveron viva a chama da nosa cultura.

     Hoxe, quixen que Galicia, o pobo e a mais a fala, ocupasen este espazo de pequenos escritos de amor a Terra.