Miña vida en poucas palabras


XERARDO RODRÍGUEZ (1943…)

MIÑA VIDA EN POUCAS PALABRAS

Eu nacín entre os brazos da herba, nun prado de Cudeiro.

Fun un neno de aldea que sempre miraba a cidade de Ourense, alá abaixo, ao lonxe.

Cando deixei a escola da miña nai e fun para o Instituto, aínda non me desenvolvía ben en español. Daquela xa adeprendera a sentir en galego.

(La Voz del Miño)

Isa pode sela razón pola cal, senon fun o primeiro… sí fun UN DOS PRIMEIROS en FALAR GALEGO NA RADIO, cando transcorría a primeira miña década profesional, os anos sesenta.Na emisora “La Voz del Miño” tiven a honra de contar nun dos programas que facía, en “A Noite é nosa”, con colabouradores como Eduardo Blancoamor, Xaquín Lourenzo “Xocas”, Xosé Conde Corbal ou Xosé Luís López Cid, entre outros moitos.Denantes formara parte da equipa do “Diario de Pontevedra” aquil da “rebeldía”, que dirixía Anxel Huete.

(Algúns deberían repasa-la colección diste xornal para saber o qué é facer xornalismo. Huete foi o único mestre que considero tal).

(Na etapa do Diario de Pontevedra, con Filgueira Valverde)

Na Radio Popular de San Sebastián, emisora propiedade do Obispado, saquei literalmente “do armario” os discos editados en euskera, que principiaron a soar nos programas que eu facía.De ahí que, aínda sin falar euskera, se me invitara a presentar algúns dos festivais dos “Ez doc amairu”.

Compartín moitas emocións con Benito Lertxundi, Xavier Lete, Mikel Laboa, Lourdes Iriondo, etc.

Ainda teño na casa unha placa dos meus amigos de Donosti e unha copa que me acredita coma o comunicador mais popular da radio de Euskadi.

En Donosti comprendín a miña necesidade de traballar no meu País, pese a que aló gañaba tres veces máis.


(Radio Popular de San Sebastián, con Benito Lertxundi)

(Facendo o “Clube da Xuventude no Radio Clube Portugués”)

No primeiro ano dos setenta, chego a Radio Popular de Vigo. A nosa rebeldía nótase primeiramente nos programas musicais, nos que promocionamos a música galega con “mensaxe” e rompemos coa folklorada española. (Algúns aínda me recordan hoxendía por rachar, diante do micrófono, os discos de Manolo Escobar.)Nesta etapa, deseñamos e poñemos en marcha o primeiro programa que se fai “en circuito” (o emitían todas as emisoras galegas de Radio Popular e foi unha especie de xérmolo da actual Radio Galega):

Chamámolo “Popular Show”, e supostamente era un musical. Pero tiña mais profundidade ideolóxica que moitos artigos de fondo da época

Nel falaban e cantaban os Ceibes: Moscoso, Bibiano, Miro, Benedicto… Se entrevistaba a Ferrín e a Carlos Nuñez pai, que era dirixente do PC… Tamén ós rapaces do MC ou da LCR; a un xoven Carlos Príncipe, por exemplo… A sindicalistas tamén clandestinos, como Waldino Varela…

Desde este programa, se convocaron as manifestacións daquil septembro no que principiou a rebelión popular contra Franco; a da loita do Metal, a dos asteleiros…

Emitíase en directo somentes para Vigo. Unha vez que remataba, facíamos copias en tempo real para as outras emisoras que o emitían o día seguinte… Saían as cintas nos primeiros Castromil… Nós, durmíamos pouco.

(O “Popular Show”, en directo desde fora do estudio cos “heavys”)


A partir do ano 72 fixemos “Galicia de Noite”, a radio-revista das noites do noso País. Xa en directo, con enlaces telefónicos…Neste programa sairon da clandestinidade os primeiros socialistas da democracia, como Manolo Soto; ou a xente do PSP, como Abel Caballero; do PC, como Carlos Barros; da UPG como Bautista Alvarez, e do PGP como Ferrín ou Lois Soto. (Son tan soio algúns exemplos).

Por “Galicia de Noite” moita xente se enterou que este era un País no que existían Os Ancares, zona deprimida… Que nas nosas cidades reinaba a especulación… Que había empresas que abusaban dos traballadores… Que o campo esmorecía… Que o mar cobraba demasiadas vidas…Que a xente seguía emigrando…

Foi a da década dos setenta na Radio Popular a miña etapa profesional que recordo hoxendía con mais nostalxia, porque daquela, os xornalistas, ¡Erámos ceibes! ¡Uns idealistas vocacionais que nos críamos aquelo que se dicía do cuarto poder!

Eramos moi populares por iso nos contrataba o Corte Inglés…

Paralelamente o meu traballo na Radio, na década dos setenta, esgotei as miñas poucas vacacións nos estudos de grabación, en Sonoland, en Madrid, onde nos xuntamos con xente intelectual e musicalmente moi interesante:Con Gustavo Ramudo e Xoan Santabaya –tamén galegos pero emigrados en Madrid- fixemos posible os discos-testimonio de máis calidade e popularidade (Xerardo Moscoso, Suso Vaamonde, A Roda, Pilocha, Xose Manuel Conde, etc.); e outros moitos que formaban a serie Xeira, primeiro selo discográfico da música galega.

(Dos moitos discos que grabamos, eu quédome coa voz de Pilocha e unha ducia de cancións que ben falan do sentir do noso pobo, naquela época. Ferrín tivo moito que ver con iste disco que eu conservo en vinilo, coma un tesouro da nosa historia).

Tamen houbo tempo para facer algún concerto internacional coma aquel primeiro de Camel en Pontevedra, e de orgaizar festivais como o Galeusca do 1996 en Castrelos, por citar algúns…

(Radio Noroeste)

Na década dos oitenta decido abandoar Radio Popular e principia a miña carreira coma executivo. Ocorre isto máis por casualidade que por vocación.¡Eu nunca aspirei a dirixir nada!…

Fundamos Cadena Radio Noroeste, que me toca dirixir. Soa ceibe, casi diría libertaria, e adequire moita implantación no sur de Galicia, posto que no norte non se escoitaba, porque non se nos concederan emisoras.

Daquela etapa gústame lembrar dúas cousas: a recuperaración do espíritu de “Galicia de Noite” no dial galego, e o feito de que que ista fora a escola da que saíron moitos dos actuais profesionais máis recoñecidos da radio e tamén da televisión.

Sen embargo, ó consello de Cadena Radio Noroeste incorporase xente como Eugenio Fontán e alguns mercaderes da comunicación, hoxendía, por fortuna, noutros negocios… I entón eu decido aceptar a oferta que me fai Xosé Luís Barreiro Rivas para dirixir a entonces chamada Radiotelevisión Galicia.

(Premio “Antena de Oro”, cos mellores)


Á Radio pública de Galicia demoslle certa volta antifolklórica, fixémola realmente autonómica –porque estaba moi centrada en Santiago- e sacámola a rúa para que os ointes a tiveran máis perto. (O primeiro estudio móbil da radio en España o construíu URO para a RAG, naquela etapa). Ao mesmo tempo, os informativos centráronse máis no País, contribuíndo de forma importante, penso eu, a extender o sentimento, cando menos autonomista, de Galicia.

(Con Abilio Bernaldo de Quirós i Enrico Talarewitz, dúas persoas as que lle debo moito do que sei.)


A etapa da RTG durou menos de un ano, porque coa chegada a CRTVG de Abilio Bernaldo de Quirós a mín tócame dirixir a TVG no momento mais difícil da súa historia.

Porque…

a/ Vense de producir unha grande crisis política na Xunta de Galicia.

b/ A dimisión do meu antecesor foi traumática.

c/ Escaseaban os medios técnicos.

d/ Tan só un pequeno fato de traballadores sabían o qué era unha televisión por dentro.

e/ Moi poucos políticos creían nunha televisión para Galicia.

f/ Os galegos a despreciaban: ¡Era a “telegaita”!

Nos comenzos, lembro, tiven gañas de sair correndo… Sen embargo, tiramos para diante.

(O día que en España se fixo a primeira transmisión vía satélite)

TVG, no que se refire a pantalla, principiou entón a pisar o País; a facer programas con selo de identidade propia, a dar relevancia informativa as nosas cousas, a pular pola nosa cultura, a crear productos que serían imitados por outras canles… En definitiva, a formar parte das vidas dos galegos, posto que pasou de ser a “telegaita” a ser “a nosa”, e incluso a gañarlle en audiencia a Televisión Española que era unha das primeiras de Europa.

Aquela TVG levou adiante moitos feitos destacables, pero tan so citarei algúns:

1/ A primeira transmisión VIA SATÉLITE que se fai en España é a do programa GALICIA PARA O MUNDO, desde Castrelos, que xunta a 50 televisións de Europa e América o 24 de Xullo de 1988.

2/ Por iniciativa de TVG crease a FORTA, ese mesmo día, en Vigo, aínda que se firmaría o documento un ano mais tarde en Bilbao, despois de moitas negociacións en Barcelona. (¡A diplomacia autonómica!)

3/ TVG é quen consegue en exclusividade os dereitos de todo o fútbol español, que firmarían todas as televisións autonómicas, e que logo venderíamos a Canal+ e a TVE.

4/ A única televisión “REXIONAL” que transmitíu os actos dunha viaxe do Papa foi a TVG… (Estaba reservado ás televisións públicas estatais).

5/ O mesmo ocorría coas competicións internacionais deportivas. Nós transmitimos o Campeonato Mundial de Hockey a Patíns, celebrado na Coruña, e vendímolo a unhas cen televisións do resto do mundo, incluida TVE…

(Cito estes feitos porque son os que máis contribuiron o coñecemento da existencia de unha televisión dun pequeno país como é Galicia, no contexto profesional mundial).

E 6/ Apoiamos con moito esforzó –debido os nosos exiguos presupostos- a primeira película galega da modernidade, “Sempre Xonxa”, e fixemos a primeira serie de ficción galega, “Os outros feirantes”, de Cunqueiro. Ambas foron o punto de partida do actual éxito da ficción no sector audiovisual galego.

(Botón de Ouro da Irmandade Galega de Venezuela)

O meu traballo na TVG ten o mérito que saber elexir a unha equipa de profesionais, e contaxialos de entusiasmo para levar adiante un proxecto, que pervive no tempo.

E lédome de que moitos daqueles profesionais estean hoxendía ocupando postos de alta responsabilidade nas principais canles i empresas de Europa.

Aquí debo dicir que elexiron vivir fora do País. Sen embargo eu nunca quixen ser un emigrante.

¡Pero tiven que emigrar!

A punto estiven no 90 de ter que emigrar a Venezuela…


Gaña Fraga as eleccións do 99 i a mín césanme no mes de Xaneiro do ano 90. Así me convirto nun emigrante afortunado que só ten traballo –eso sí, dabondo- en Madrid.

Os meus 48 anos collo a maleta e marcho a traballar con Enrico Talarewitz -que se fixo famoso por ser presidente de “Canal Diez”, aquel primeiro invento de televisión privada no que figuraba tamén un ilustre lalinense, Xosé María Calviño.

Poucas cousas fixemos pese a contar cun fato de profesionais galegos que viñeron conmigo a traballar na Yurital (Perozo, Piñeiro, Moncho Varela, López-Barxas) porque, a pesares de presentar algunhas ideas que logo serían de éxito en algunhas canles privadas e públicas, Talarewitz… ¡Era millonario i estaba mal visto polo Poder!

(Posiblemente, daquela, xa se pensaba en repartir o poder mediático coas fórmulas de hoxendía i Enrico era un peligro para algúns, xa que xunto con Hachuel, Maxwell e Murdock, formaba un lobby moi temido polos grupos que xa entón aspiraban a concentración de medios).

Pese a todo, naquelas oficinas de Pozuelo, foi donde se auditou aquela primeira Antena 3 TV que dirixía un galego, Manuel Martín Ferrand; e onde se decidíu que socios entrarían na operación de compra, entre outros, Mario Conde, curiosamente… tamén galego.

Unha persoa –socialista, por certo- me dixo que o meu paso pola Yurital me perxudicara moito na miña carreira…

O que non sabía e que eu non quería facer carreira, senón voltar a Galicia, que é o meu País, no que quero vivir e traballar; e que nel vivan e traballen tamén os meus fillos e os meus amigos… E que non teñan que emigrar.

(Co xoven Presidente Laxe tiven unha entrañable relación persoal. Esto é en Radio Caracas Televisión con Orlando Urdaneta e Andrés de Souza, antes dun programa especial adicado a Galicia, que eu inventara.)


A finais do 91, en Galicia, Fraga xa pisa incluso por onde pisa o boi, e vai asoballando non so os seus rivais senón tamén a xente do seu partido, no que eu conto con moitos amigos…

(Cando chegas o outono da vida, o único que che queda son os amigos. Non son todos os que dín que o son, pero si moitos mais dos que as veces pensas).

Cando eu deixo a Yurital, Pepe Cuiña, -que era entón “o golfiño de Fraga”-, cree que eu podo ser o director de comunicación do PP e ofréceme tal cargo…

Non podo nin pensalo, porque nin Fraga llo consinte nin eu me vexo como tal.

(Estou en débeda con Carcedo polo trato que me deu en RNE)

Aparece entón na miña vida Jordi García Candau, entón director xeral de RTVE, é nomeame asesor e, o pouco tempo, director adxunto de Radio Nacional de España con responsabilidade sobre a produción e a programación das cinco canles de RNE en todo o Estado. O director-xerente era Diego Carcedo. Estoulle moi agradecido a Jordi pola súa chamada e a Diego polo trato que me deu.Radio Nacional de España é unha empresa moi complexa pola súa magnitude e o seu carácter público, que non permite utilizar as mesmas armas que a competencia, para obter resultados.

A min non me deu tempo a facer máis que levar adiante o plan de reducción do gasto que se me encomendou, o que non foi nada doado. En Prado del Rey, na Casa da Radio, estiven un ano escaso recortando presupostos.

Da miña labor como creativo lembro somentes o programa “Noches de amor”, que fixemos para Isabel Gemio, e que foi a base do seu grande éxito televisivo posterior, levado a pequena pantalla por Videomedia, a productora de Jordi Arqué, seu manager.

Gardo gratos recordos de moita xente porque… me descubriron que hai centros de traballo onde a relación persoal é tamén importante…

(Tamén fun un “retornado”)

Volto ao País en Febreiro do 1993, como director de TVE Galicia, e Víctor Vázquez Portomeñe ofréceme xa traballar no Xacobeo, pero non son traballos compatibles. Axudoo todo o que podo.

Eu concebía o Centro, xa entón, como unha estupenda fiestra para dar a coñecer o mundo un territorio, as suas xentes, as suas iniciativas empresariais, a súa riqueza, a sua cultura…

Pero este centro territorial contaba con escasos medios de producción, con pouco presuposto, hai pouca preparación técnica por parte de certo persoal debido as famosas reconversións, nótase un alto sentido funcionarial… Etc.

Con estes bimbios é imposible facer un cesto de programación atractiva, que compita cas outras canles.

Pero sí é posible transmitir unha imaxen que contrarreste a tendencia negativa dos sucesos, tema predominante nos informativos das grandes canles televisivas estatais, no que se refire a Galicia.

Por iso puxemos en marcha DESDE GALICIA PARA EL MUNDO: Esto era un PROGRAMA-SPOT DE 90’ que se mira e se admira en todo o planeta desde hai dazasete anos, e que ocupa un importante espacio tanto nas canles internacionais de TVE, como en centos de sociedades de cable tipo Canal Satélite Digital, e tamén en medio cento de televisións convencionais de América.

É o programa de mais audiencia de cantos se fixeron en Galicia e sobor de Galicia. E foi a bandeira audiovisual de Galicia no exterior.

Endemais, gracias a DGPM, os nosos emigrantes poderon “presumir de País” no seu exilio…

Eu síntome orgulloso de crealo, de guionizalo, de dirixilo.

(…E a Praia de Santa Cristina encheuse de xente, duas horas antes de que principiara a Festa dos Mundos. 170.000 almas gozaron dos ritmos dos cinco continentes).

Pero ei de rematar o meu “vital” currículo:Fraga cesoume como director de TVE-Galicia no ano 1996, pero non se opón a que se me encargue deseñar e dirixir os proxectos estrela da Consellería de Cultura.

(No ano 10 do Terceiro Milenio, seguimos facendo o que podemos).

Así, desde o 1997 ao 2001, e desde ó 2003 ao 2005, levo adiante todolos proxectos de Espectáculos e Audiovisuais dos Xacobeos.

Eu aceptei un traballo profesional ilusionante, honroso, que beneficiaba a Galicia e os artistas de aquí; que estaba vencellado, -non ca política como algúns quixeron interpretar- senon coa miña profesión; e que ía servir para colocar a este País no mapa artístico internacional.

Traballei para Galicia. E os artistas galegos que participaron nestes proxectos ben o saben.

Traballei coa mesma independencia política que fixen en DGPM, e na TVG, e en tódolos medios nos que estiven.

E por iso, agradezolle a Jesús Pérez Varela,…

…que me dera a oportunidade de facer que Galicia saira na BBC e nas televisións de medio mundo.

…Que me permitira encher de xente a praia de Santa Cristina, por duas veces. E o Monte do Gozo. E moitas praias e plazas das vilas e cidades deste País.

…Que me dira libertade para facer os programas musicais que ninguén faría porque non teñen rentabilidade de audiencia, e que fixeron posible que a nosa música se escoitase mais aló da Gudiña… Etc. Etc.

Os Xacobeos foron un éxito –tanto o do 99 coma o do 2004- xa que suman a participación de mais de vinte mil músicos e artistas, nos cinco mil eventos e os trescentos programas de televisión que organizamos, cunha participación popular que rondou os catro millóns de persoas. Somentes os dous festivais que fixemos na Praia de Santa Cristina xuntaron a 270 mil persoas, segundo os partes que fixera públicos a Guardia Civil.

Na actualidade –despois de quedar ao marxe da organización do Xacobeo 2010- sigo a escribir e a dirixir “Desde Galicia para o Mundo” coa mesma ilusión de aquel primeiro programa do 13 de Xuño de 1993.

Agora principio esta nova andaina profesional cunha Revista Dixital na que vou verter toda a miña honestidade, para que culmine nela o meu traballo de case medio século como profesional da comunicación.

A cantos sigan esta publicación na Rede, moitas grazas por manter viva a ilusión dun vello xornalista.

Por certo, como María Antonia Iglesias, tamén eu son autónomo desde que deixei de ser directivo de TVE…

O digo porque, a pesares de todo, seguimos sendo pura clase obreira…

(4) Comentarios

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *