NA “ILHA DAS FADAS E DAS MAÇÁS”

Por Alberto Barciela

Agora que regresa a primavera, a Luz -Pozo Garza- dos poemas escorrega pola memoria para celebrar a Carvalho Calero.

Faría falla un Cunqueiro para florecer a saga dunha historia de poetas galegos. A cultura sería a trama, o nó e o desenlace dunha novela de mulleres e seres que amaron Galicia, entendérona como a terra que vai neles e respectárona coma Nai e Señora. A listaxe de personaxes e persoeiros admite sutís bardos como Vidal Bolaño, Ramón Cabanillas… Todos falaron e escribiron nunha lingua culta, riquísima na súa semántica, máxica, musical, fermosa, útil.

No ano 1991, o Día das Letras Galegas dedicouse a Don Álvaro Cunqueiro, o home a quen lle gustaba o arrecendo das mazás. Por consello do catedrático Luís Cochón, a publicidade institucional da Xunta difundiu un poema moi apropiado do mindoniense:

Louvado sexa Deus tamén por terme dado o don  da fala nosa, por terme ensinado a dicir ‘rula’ e ‘abidueira’ e ‘dorna’ e ‘ponte’ e ‘fonte’, e entón eu, sabendo estas palabras, era verdadeiramente dono da rula e da abidueira e da dorna e da ponte e da fonte.

As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. Eu quixen que Galicia continuase e, ó  lado da patria terrenal, da patria que son a terra e  os mortos, haxa esta outra patria que é a fala nosa. Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: “Aquí  xace alguén, que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

O galego non é o idioma da diferencia. Pola contra, é o berce que nos acubilla a todos neste longo inverno no que os virus, incluído o da incultura, ameazan tanto como o fan eses seres excluíntes que rexeitan a saúde de saber e aos que pensan distinto.

 Os galegos temos a sorte de nacer nun lugar de marabilla e con acceso a dous idiomas, a varias culturas: á española e ao castelán, á galega e á brasileiro-portuguesa. Formamos parte do universo ibérico europeo e mantemos un vínculo de sangue con outras comunidades españolas, Portugal e América: Arxentina, Brasil, Cuba, México, Venezuela, Uruguai… O noso léxico, a nosa riqueza lingüística, de raíz latina, achéganos á semántica gala. E o noso imaxinario instálase na mítica celta, vincúlanos á Bretaña, a Cornualles, Gales, Escocia, Irlanda e á Illa de Man.

 Por terra ou por mar, coma mareas ameazantes, ata este Finisterrae chegaron os bárbaros: celtas, romanos -Gallaecia-, viquingos – Jacobusland, Terra de Santiago-, suevos, visigodos, árabes, mesmo piratas como o temible Drake. É certo, levaron o ouro e ata as campás, incluída a súa música, desa que o Pai López-Calo chegaría a saber máis que ninguén no mundo. Deixaron pegadas dos seus saberes.

Como pobo acolledor e desprendido, regalamos a musicalidade do noso idioma a través dos nosos trobadores. Máis tarde, achegamos a sabedoría de mulleres precursoras como Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, María Casares, Maruja Mallo, Nélida Piñón, Marina Mayoral, Rosario Álvarez Blanco, Margarita Ledo, Marilar Aleixandre, Mª Xosé Porteiro.

Iso é realismo máxico e é autenticidade.

Fixémolo con elas e con homes como Sarmiento, Feijóo, Pondal, Murguía, Castelao, Cuevillas, Fernández Florez, Julio Camba, Curros, Risco, Valle, Otero Pedrayo, Cunqueiro, Cela, Blancoamor, Torrente, Losada, Del Riego, Novoneyra, Franco Grande, Neira Vilas, Ferrín, Conde, Freixanes, Oroza, Tosar, Villanueva, Villares, Rivas, Alvarellos, e tantos outros. Intelectuais lúcidos, poetas, novelistas, historiadores, editores, xestores culturais, etc.,  que forman parte esencial dun vello carballo arraigado, en galego ou en castelán, nas letras universais. As raíces máis fondas: Galaxia, Xerais, Alavarellos, Ir Indo, a Fundación Penzol, e a máis nova en intencións internacionais, Mar Maior.

Tamén forman parte desta árbore artistas plásticos -Murguía, Brocos, Lugrís, Seoane, Mallo, Souto, Colmeiro, Dans, Laxeiro, Eugenio e Mario Grannel, Grandío, Castillo, Leiro, Sucasas, Pulido, Barreiro, Quintana, Manzano, Penalta, Conde, etc.-, audiovisuais -coa CRTVG como eixo dinamizador-, musicais, arquitectónicos e doutros ámbitos, con méritos dabondo para figurar na nosa Historia grande.

 Somos unha cultura en vangarda. Na miña modesta opinión, debemos optar pola inclusión e pola a suma. Xurdirán neboeiras, pero debemos ter a decidida vontade de seren cada día máis e mellores. Parecemos contraditorios e sómolo. Sabemos tamén que da diverxencia e dos matices nace o enriquecemento dunha cultura viva e libre.

Dende 1963, cada Día das Letras – tamén os que se festexan en datas postergadas, como ocorre neste annus horribilis-, “retornan as floracións antigas” -verso de Luz Pozo Garza-, para traérmonos de forma especial a un autor. Neste ano, o 17 de Maio caerá a 31 de outubro, ironías dos tempos. Conmemoraremos a Don Ricardo Carvalho Calero, historiador de literatura, crítico, filólogo, lingüista e escritor, membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Asociación Galega da Lingua. Ideólogo do reintegracionismo lingüístico e autor dunha extensa obra.

Grazas a personalidades como Don Ricardo, conformamos unha corredoira de confluencias, unha aldea global con intención universal.

Temos tradicións milenarias e unha cultura próxima os prodixios. Subimos as escaleiras paseniño, e por iso desconcertamos aos outros pobos. Somos Nós, una raiola de Luz baixo un Carvalho.

Que os que xa non están connosco fisicamente, incluídos Luz Pozo Garza, Xosé Luís Franco Grande e o Pai López Calo, agarden por nós moitos anos en Avalon, a céltica e mítica “ilha das Fadas e das maçás”. Alí iremos algún día os bos e xenerosos, guiados por Simbad. Agardan tamén por nós amigos como Mendinho e Martín Codax. Nese paraíso inmorrente, dise ben alto: ‘rula’, ‘abidueira’, ‘dorna’, ‘ponte’ e ‘fonte’. A Primavera é eterna. Agora sabémolo: a Santa Compaña fala galego.

(2) Comentarios

  1. O noso idioma e indispensabel para o noso futuro cultural e sin cultura os pobos esmorecen. Grazas por tan bó xeito de defender o noso.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *