NÉLIDA PIÑÓN

COMO BUSCAR UNS OLLOS AZUIS NUNHA VACA MARELA

Por Alberto Barciela

A narración do Universo segue a ser reescrita por Nélida Piñón. Ese é o relato que rexistra todas as xenealoxías ata un lugar común inicial, o que haberá de trasladar ab eternum. É a mesma que iniciaron os clásicos, cos mitos. A que adornaron filósofos e relixiosos e literatos, desde os ídolos ata as relixións monoteístas. A que reflectiron artesáns, pintores, escultores nas súas obras. A que herdamos oralmente dos antepasados. A que se imprimiu en arxila, en papel de arroz, en papiro, con tipos móbiles de porcelana, madeira ou metal. A que nos fixeron máis cultos e universais grazas a Gutemberg. A que compendiaron os enciclopedistas franceses. A que revolucionou Nietzche e outros, matando a Deus. A que tratan de reconducir os físicos, con especulacións cósmicas. Unha lenda que cada certo tempo demanda ser renovada case con técnica de taracea, colocando fragmentos e inserindo o propio lector ou escoitante, protagonista o fin, polos labirintos, polos intersticios, do que en verdade merece ser referido. O ser humano recoñece as súas limitacións e sabe que ten que recompoñer os seus relatos.

É por isto que necesitamos contistas enxeñosos e valentes, que colmen as nosas ansias de esperanza, non importa de onde veñan ou a onde vaian. A cultura, a transmisión oral, a plástica ou a literaria, parten deses anhelos e, periodicamente alcanzan uns límites. E ás veces o xenio emerxe, non dunha lámpada, senón dunha pequena maquina de escribir Hermes, interesante regalo para unha nena brasileiro-galega con inquedanzas literarias. Palabra e maxia creadora para achádegos astutos, conciliadores.

A ficción de Nélida trata de axudar ao mesmo Homero, tenta facer comprensible a tradición dos narradores tradicionais, procura manter vixentes as súas Penélopes, os grandes personaxes. Absorbe os saberes e os sabores dos debuxos de Altamira, sincretiza os ideais de Cristo e mesmo de Lutero, os cantos dos poetas sufíes, os vislumbres dos místicos, as dúbidas dos agnósticos. Na súa idiosincrasia, a autora anova credulidades, fantasías e palabras; dialoga e discute con Luís de Camoes, con Cervantes e con Shakespeare; percorre vericuetos e labirintos do pensamento; tira do fío de Ariadna – o mesmo co que se manexan os papaventos de Constantinopla, o que sustenta os invisibles tendais que cruzan a Historia- para urdirlo coa liberdade dos aires cultos, en libros marabillosos. A escritora, tece e destece. Trata de dar respostas e un sentido actual á viaxe de todos os seres, de todos os tempos, de todas as civilizacións; de argüír en ires e vires, partires e retornos, en pos de non se sabe moi ben que salvación, misterio ou resposta a un interrogante definitivo. Así, nos propón unha guía desde a reflexión, o saber, a moral e o razoamento, unha ruta, un camiño no que se coce en cada tempo novo un pan fresco co que axudar a sustentar a carne e levedar o espírito. A súa é unha liturxia particular, transparente. Unha valiosa achega para que cada quen exerza a súa vida o mellor posible.

Teño a sorte de compartir o tempo que me regala Nélida. O fago con intensidade, co entusiasmo de quen acepta coñece-lo valor de cada segundo. Tra-la algarabía inicial, nos nosos encontros, como nun ritual, cerimonial e simbolicamente, desposuímosnos de calquera careta coa que circunstancialmente puidémosnos ternos defendido na contenda social, despoxámonos dos tapuxos egoístas que emanan por todas as partes, somos nós, recoñecemonos, admiramonos como humanos, e querémonos como irmáns..

Entre nós somos naturais, dunha espontaneidade case tribal. Nutrímosnos de reflexións e regalámosnos improvisacións, as veces moi afortunadas. Rímosnos espontaneamente e en abundancia, en ocasións ata de forma estentórea -sobre todo ela, pois quizais a súa experiencia a fai máis expresiva-. A súa oralidade fascíname. É unha catarata de intelixencia. Precipita metáforas e pensamentos cunha cadencia segura, ao ritmo dunha fonética brasileiro-portuguesa-galego-española case bailable, emocionante na súas expresións, misterios e intencionalidades. O seu caudal semántico é abafador. Encauza afastados saberes clásicos, ecos de África, América e Europa, hibridados en Brasil. Consecuente, defende a mestizaxe, a concordia discors, o acordo non escrito entre culturas dispares. Mundana contemporánea non deixa de sorprenderme. Revestiuse dun saber abisal que comparte. Propón un tranquilo navegar en base ao respectuoso entendemento. A cambio admite o meu humor, espontáneo, orixinal, efectivo.

Nélida é grega, romana, árabe, africana, celta. Na súa acción explícita a intención de facerse entender, de poder ser lida ata polos que non saben ler, nin os libros nin a vida. Esfórzase por transmitir o que ela sabe, o que aprendeu dos antergos, da civilización que se foi facendo co atravesar dos séculos, o que leu ou escoitou. As súas intuicións son barro creador, esencia que se fai cántaro, contedor de auga de vida.

O noso xeito de ser amigos, de ofrecernos amor fraterno, é tan sensual como podería telo sido nunha expresión carnal de mocidade, se os anos non nos desencontraran en duas edades distantes. Limitámosnos a falar, a mirarnos e a sentirnos próximos na comprensión do outro, outorgándonos o pracer da calor humana, participando compracidos do aprender escoitando, respectándonos dun xeito exquisito.

Encandilame o seu cosmopolitismo e a súa capacidade para escabullarse das multitudes. Isto adquire verdadeiro valor cando falamos dun personaxe recoñecido mundialmente. O seu exercicio é unha introspección vital, o máis expresivo uso de humanidade pensativa. Auséntase temporalmente da masa, do ruído, para concibir a súa obra. É consciente de que no seu retorno ao cotián ha de portar sabias reflexións. Metaforicamente, Nélida busca as súas ofrendas no acougo, nel atopa a súa permanente aldea virtual, cal ermitaña.

Sábese ligazón de todas as imaxinacións precedentes. Continúaas coas súas achegas. Con constancia recrea a súa propia mística, os seus asombros expresivos, os seus adornos. Utiliza un estilo orixinal, identificable, propio. Nun plano formal, técnico, opta pola estética fronte aos condicionantes do estrito. Embute ideas con palabras fermosas.

Nélida é unha intelectual capaz de fabular. Intenta así responder ao compendio dos interrogantes acumulados pola Humanidade. Encandea ao lector utilizando unha literatura que merece ser contada, que trata de atopar amplitudes para a súa utilidade práctica, que é luz. Goza dunha prosa certeira e eficaz, resultado dunha erudición excelsa, dunha experiencia atenta, dun observar áxil. Utiliza substantivos acariñados pola adxectivación. Cativa cas súas audacias comunicativas, en páxinas trufadas de imaxes. Cunha prosa lenta, exerce unha especie de xogo malabar de intencións xeniais, logra o triplo salto nunha obra mansa e inmensa. Os seus libros son baúles mundo – semellantes aos que soportaban os haberes, moitos ou poucos, dos emigrantes-, conteñen aventuras míticas e humanas que haberán de recontar as Sherezades de cada era.

En tanto crea, recorda. Aínda así, Nélida coñece a fraxilidade da memoria, pero non se asusta. Séntese obrigada a lexitimar o pasado para os seus contemporáneos, para refacer ilusións. Ofrécelle aos lectores un punto de fuga belo, quizais unha redención paradisíaca. Aquí tamén se mostra como viaxeira eterna, superadora de fronteiras, de límites intelectuais, de prexuicios e de ideoloxías castrantes, en definitiva, do imposto. Aí reside a súa orixinalidade máxima: na elocuencia e na idea, na proposta deslumbrante das palabras estruturadas cunha certa orde elegante.

As viaxes da escritora pola xeografía física, á marxe da súa audacia, son insuficientes si as comparamos coa súa capacidade para facer incursións no seu imaxinario, guiada por unha liberdade firmemente liberal e absolutamente interesada nos seus resultados literarios. Lozanos logros, intelixentes, ben esculpidos.

A Príncipe de Asturias das Letras, Premio Juan Rulfo, ten crenzas, conviccións soportables, froito da fantasía e da necesidade dunha esperanza. Oscila entre o que o pasado irremediable ofrécelle, o que a realidade obrígalle e o que a agudeza suxírelle. É literata que se sabe muller, un ser humano que coquetea cos significados, os doma e fainos peculiares, incluso dixeribles.

As súas indagacións extraordinarias, a súa amalgama de elementos simbólicos e conceptuais, preséntannos a un ser comprometido co enigma da invención, que consegue unha escritura útil, e que goza dun gusto elegante, refinado. Non importa que temática aborde.

Toda a súa obra escrita é unha conmovedora e profunda pregaria oral na que caben: a individualidade culta, a soidade escolleita, a veciñanza respectable, a designación clarividente, as carencias obxectivas, as dúbidas humanas, as ambicións como renuncia, a acusación das mesquindades, a tolemia aceptable, a poética do amor, a furia da carne, os sortilexios da estética, a marabilla do reflexo, o ser humano como xeografía, os destinos permanentes da Historia, os educados fracasos, a arte ilustrada, o Románico humilde, o Gótico esplendoroso, a memoria dos emigrantes, a cultura universal, a liberdade da experiencia, a fraxilidade da masa, a felicidade moral, os rituais, a curiosidade enriquecedora, a palabra como refuxio, o retorno ao fogar, a defensa do poder arrogante, a decadencia como finitud, os vínculos; as cidades esvaecidas, entremezcladas, resultado de tanto vagar entre espazos reais e ficticios, propios e estraños, diversos; a metamorfose dos significados, a visión poética, os ideais, a ambigüidade intencionada, o afán fundacional, o mito, a elegancia moral, a revolución da muller, os dereitos humanos, as contradicións, a autoestima dos vulnerables, as atrevidas analoxías, o pasado asumido, a reflexión imprescindible, a transgresión perturbadora, os sucesos extraordinarios, as perspectivas descubridoras.

Nélida vive no permanente oficio da sedución erudita. Exerce de chamán, cunha dimensión moral. Non renuncia a unha comedida ambigüidade, estudada, coa que  propoñer as solucións para a barbarie colectiva. Coñecedora da Historia, é consciente de que debemos conternos, necesitados como estamos dunha orde construída, respectuosa, desacralizada, instalada na xenerosidade máis ampla da ofrenda. Na súa obra existe unha permanente invitación a albiscar a outredade, e con ela a convivencia, a cultura, a paz e a felicidade posible. Ante ela estamos ante un exemplo do privilexiado exercicio fehaciente de ser humano.

É unha muller polisémica, aparentemente poliédrica, seditabunda de saber para mellor ser, e transparente. Podería representarse cun excelso xogo de sutís capas de cebola, que esconden humanos vaivéns sentimentais, propios dun labirinto vital, precipitado e sereno, que se enreda en vericuetos comúns e fantasías excepcionais, prodixio e maxia evolutiva, moderna por arcaica, individual e colectiva. Non teme á folla en branco, pois goza da elevada arte de intuír resolucións para cada misterio, de saber tecelos con palabras. Éxtases e mística, tamén oficio e dedicación.

Desde A Lagoa, circunstancialmente desde Lisboa, acompañada por Karla de Vasconcelos, a súa secretaria e amiga, e súa adorada cadela Suzy, e o recordo do añorado Gravetinho, olla a vida de seres desesperanzados, dos mesmos que souberon procrear aos deuses para salvarse a si mesmos. Creo que algunhas veces, nesa intimidade pervive a aventureira que quixo ser mariño, espadachín e soldado real, a que soñaba con protagonizar un western. Todo sucede, mentres escoita música de Mozart, Wagner ou Schubert. Entretanto danza co cotián. É entón cando ascende ao Hades, desde a seguridade do fogar.

Curiosa e inqueda, rodeada de papeis e arquivos, reverencia os afectos. É desprendida, tolerante, compasiva, ten un amplo sentido do ridículo e aínda un máis grande de celebración. Móstrase en débeda coa intelixencia, coa astucia humana, co mundo visible e invisible. Atrapa sen disimulos canto poida alimentar a súa xa portentosa intuición, o que expande os seus horizontes. É unha lectora voraz e indisciplinada. Recoñece unha débeda eterna con Homero, pero leuno todo: o Antigo Testamento, o Novo, a San Pablo, os textos sánscritos. Moita Historia, de Tucídides a Braudel. E segue facéndoo.

É anfitriona excelsa, sorpresiva en formas, na orde do protocolo exacto, nunca estrito. Gastrónoma delicada, consegue aromas extraídos do produto natural, en longas horas de cocción lenta, como si estivese escribindo. Procura aos seus invitados a evocación dos sabores da infancia. Invítalles a acompañalos cun bo viño e un espléndido final achampanado á francesa.                

Nas súas celebracións, a oralidade imponse como alimento central, non do corpo, sí do espírito. Fala, suxire, escoita, brinda, comparte e pecha os ollos para saborear. Goza a boa mesa, o pan e o sal, a empanada de bacallau con pasas, o caldo. Sabe indagar sen feridas na alma dos seus interlocutores, extraer o mellor de cada un. Ama as vidas aliñadas. O gran labor do escritor é a recolección de excesos, de singularidades, de pequeneces, de adxectivos, de descricións, de disparates verbais e de metáforas espontáneas. A cacería propicia ben pode producirse nunha sobremesa deliciosa. A dixestión converterá un apunte nunha obra literaria, antes de que a autora poida volver a pechar os ollos para deleitarse.

Malia as súas fábulas e experiencia, estou seguro de que nela pervive a nena que outeaba o mundo desde o monte de Cotobade, alá pola Pontevedra interior. San Lourenço e Borela son as súas patrias preferidas, fundidas na memoria e no corazón. Adora Brasil e Galicia. Desta última, venera o vento, as vacas, as patacas, os porcos louros, o cheiro a humidade. É paisana de aldea e cosmopolita de mundos. Mais a súa cabana, na que tamén é feliz cada vez que regresa, está en Río de Xaneiro.

Posúe unha esperanza sabia, incontrolada. Explaiase ficcionando intimamente o reencontro con Daniel e Amada, o avó, de ollos azuis, e a avoa, de misa diaria; con Isolina, a súa outra avoa; Carmen e Lino, os seus pais. Cos seus educadores, Nai Elmara, mestra e amiga; Doña Avelina, prodixioso enlace coa negritude; Simón Oliveira, o seu libreiro; Carmen Balcells, o seu axente e amiga do alma. Con Homero, Virgilio, Dante, Cervantes, Shakespeare, Balzac, Víctor Hugo, Machado de Assis, Guimarãé Rosa, Clarice Lispector, Borges, Cortázar, Gabo e demais compoñentes da súa xenética familiar vital ou sapiencial. Quero citar os seus amigos Darío Villanueva, Juan Cruz, Carmen Iglesias, Carmensa de La Hoz, Ramón Villares, Bieto Rubido, os Mariño, os Balcells, os Varga Llosa, os Piñeiro, os Luisitos queridos. Ainda así debo olvídarme, por razón de espazo, de cáseque todos os escritores, periodistas, intelectuais, líderes sociais, brasileiros ou non de fama mundial ou humildes xentes ós que fai felices ca súa amizade, sempre boa e xenerosa.

En Galicia espéroa sempre para volver a buscar uns ollos azuis e emocionados que miran a unha nena. Poderían pertencer a Daniel -ten a mesmas letras de Nélida-, a quen o mestre Mateo outorgoulle o don do sorrir románico, eterno da pedra, no Pórtico da Gloria. A maxia da vida pódese contar cun sinxelo sorriso, ou cunha mirada, ou cun nome. Sei que Nélida atesoura na súa memoria esa mirada azul que un día viu reflectida nos ollos dunha vaca marela -literalmente amarela-. Seino porque coñezo á miña amiga e vina escrutar a unha loura galega no camiño de Santiago de Compostela a Vedra. Foi un deses días en que a vida atopounos sobre os prados, na aldea, nun lugar semellante a donde retozan os seus recordos de infancia. Falo dunha desas xornadas en que puiden gozar a emoción da súa compañía, das súas risas, da conversación culta, demorada, fronte a unha cunca de caldo e a un cocido, ante o lume da lareira; unha xornada de choivas lentas, baixo o teito acolledor dunha casa empapada por fóra e acolledora por dentro. Como nun conto. Foi co fotógrafo Carlos Rodríguez, autor dun clásico da fotografía paixasística mundial, Galicia, instante eterno, no Mesón de Roberto.

En ningún momento hai distancia entre A Lagoa, en Brasil, ou Lisboa, ou dondequeira que se atope Nélida e Bertamiráns, en Galicia, onde resido. Esa é a maxia da amizade, da comprensión, do saber compartir sentimentos, experiencias, lecturas, escritos; bens e feridas da vida.

Nélida é amiga, xa o dixen, do autor da Ilíada e da Odisea, e de moitos outros seres relevantes. É a miña amiga-irmá; escollémonos un día de casualidades afortunadas, na Praza do Obradoiro. Non fixo falta que ninguén nos presentase. No mesmo instante que se cruzaron as nosas miradas soubemos que, para sempre, compartiriamos unha viaxe máxica. Leveina a visitar Arealongo, on nacín, a Estación Marítima de Vigo, de onde partiron os seus pais para América e a onde ela retornou sendo unha nena, e con ela recei a súa virxen da pequena capela, alá, na fermosa ponte que achega Borela o mundo e viceversa.

A Literatura é unha estraña máquina de coser palabras tratando de conseguir un bordado belo, lúcido, alegre ou triste, como noso discorrer. Unir a Homero cunha vaca galega xustifican un oficio que permite contar unha e outra vez, como o tecer e destecer de Penélope, como as narracións de Sherezade, como o dicir eterno e calado dos galegos, como a noite sucede ao día. Nélida é unha gran señora, unha insuperable amiga, e, tamén, unha recoñecida e universal literata, na que afortunadamente pervive unha nena sabia que soña cun mito: unha vaca marela en cuxa mirada de séculos reflíctense tamén os ollos azuis do avó Daniel. Neses ollos da cor do ceo e do mar cabe a Historia, con todos os seus contos. Nós narrámola puntualmente, con Galicia sempre no corazón, intentando que se produza unha catarsis.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *