galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

O GALEGO QUE SE NOS IMPÓN

Por J.J. García Pena

Galicia ou Galiza. Esa é unha das moitas palabras polas que me dá a sensación de ter unha lingua precarizada (non precaria). Os portugueses non teñen esa dualidade lingüística. Eu ollo e escoito a TVG bastante e estou sorprendido coa rara mezcolanza que se fai coa nosa lingua: ás veces, uns dín güevo e outros juevo, ás veces gaivota e outros javiota ou jaivota, ás veces árbore e outras árvre… E o que me confunde máis é escoitar a xente culta, os académicos, chamarlle o pulpo… polbo.

Creo que todo se debe aos anos en que estaba prohibido falar galego, época na que houbo xente que sentíuse avergoñada de falalo porque o consideraban de incultos.

Recordo unha anécdota real e divertida. Nos primeiros anos da nosa inmigración en Montevideo, sabíamos dunha porteira galega dun edificio (todos os porteiros eran galegos) que o «pallier» ou vestíbulo do predio chamáballe GOL.  Porque, como vostedes saben, en inglés se escribe HALL pero soa Jol.

A nosa paisana xa sabía en Galicia que estaba mal considerado berrar “jol” en vez de gol; e moito peor lle pasaría en América, onde se ían rir dela chamándolle galega bruta se dixese jol.

O de galego bruto non foi o único, pero foi o epíteto máis usado para denigrarnos. Certamente non todo o uruguayo o fixo, pero doíanos na alma. O mesmo que lles debe doer os aquí nados que na España lles chamen sudacas con frecuente desprecio e intencionalidade. A mín non me gusta nin o un nin outro. É unha baixeza rirse dunha persoa fóra da súa terra, que xa ten de abondo con superar a súa morriñenta tufa.

Somos un pobo complexo con tanto desprezo que padecemos do centralismo imperante. Por riba, por empeñarnos en falar un chapurreado, mestura de castelán e portugués, non estamos de acordo en pronunciar un lote das nosas propias verbas.

Os portugueses, dada a extensión dos seus territorios coloniais (como o castelán) non sofren esta desorde, escoito portugueses de Brasil e Portugal e a única diferenza é o acento, pero as palabras teñen a mesma ortografía, formato e significado.

Que os galegos falamos unha lingua «precaria», revelase cando algúns lingüistas, poetas e escritores como o meu amigo José María Monterroso (outro Galiguayo que distribúe o seu ano, seis meses en Montevideo e seis en A Coruña), ante as miñas dúbidas sobor o que lles digo,  as resolven de xeito rápido e salomónico falando, claro e sinxelo, no portugués académico.

Eu, pola miña banda, falo e escribo como o falaba a miña nai, é dicir, cargada de mil erros e coa voz dunha xente simple e sinxela. Pero o meu galego, ben parcheado e impuro, é o querido vehículo milagreiro que me regresa á miña nai e á miña terra perdida.