galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

O PAÍS DAS CATRO MIL FESTAS

Cando chega o verán, os galegos movémonos. Imos de festa en romaría e de romaría en concerto. Hai citas para verbeneiros, outras para buscar milagres e os máis novos acoden na busca da mellor música do mundo aos auditorios xa consolidados.

A cifra, seica, alcanza os catro mil eventos populares entre maio e outubro. E repártense estas festas por pequenas parroquias, polas vilas ou polas cidades do país.

Hainas para todos os gustos e para todas as idades.

Moi tradicionais son as romarías que responden a costumes ancestrais, ao espírito máxico dun país que cre en todo.

Outras teñen moito sabor porque serven para a exaltación gastronómica: froitos tópicos de terra e mar son enxalzados e degustados. E regados con viños que tamén teñen a súa festa.

Tamén celebramos festas de contido etnográfico e histórico. Nelas lembramos que nos invadiron os viquingos, que o lume do magosto purifica as almas, que a primavera chega coa retranca dos maios, que fomos un reino e que mantivemos serias disputas entre mouros e cristiáns…

E todas estas festas, ademais, teñen música propia…

O gaiteiro é o auténtico mito das romarías e a gaita o máis común dos instrumentos.

A coral e a banda municipal naceron para a festa patronal e relixiosa, como a orquestra para o baile e a verbena.

Aínda que hai moitas máis músicas: dunha cunca de viño, nunha taberna, emerxe e máis rico folclore… O canto das mil e pico primaveras está inspirado na poesía dos cantautores… E a dureza da pedra cósmica está representada pola rebeldía xuvenil, que ten forma de guitarra.

Coa nosa música e as nosas festas os galegos rompemos aquel vello mito da negra sombra capaz de mergullarnos na grisácea brétema dun inverno sen sol.