OS GRANDES MITOS QUE HABITARON ETERNIA

Iste ano, niste día grande, gustaríanos lembrarvos que este noso país ten os seus mitos e que na maxinación literaria foi unha especie de Olimpo chamado Eternia.

Os mitos. Personaxes que forman parte da historia ou da lenda. Consubstanciais coa paisaxe e indispensables na Terra das meigas. O himno destaca a Breogán, fillo de Brath, o gran conquistador que fundou a cidade de Brigantia, a actual A Coruña, onde se erixiu o faro máis antigo do mundo: a Torre de Hércules.

Este monumento, Patrimonio da Humanidade, ten tamén a súa propia lenda: di que nos seus cimentos está a cabeza de Xerión, un vello rei de Troia vencido por Hércules e sobre cuxo cadáver levantouse este antigo faro.

Noia. Unha moi antiga tradición atribúe a orixe desta localidade a unha neta de Xafet, fillo de Noé, que atracou nestas costas tras o gran diluvio universal. Plinio na súa Historia Natural falaba da fortaleza de Noela describindo os pobos celtas desta terra.

O escudo de Noia reflicte a arca de Noé aboiando sobre o mar e enriba dela unha pomba co ramo de oliveira no peteiro.

Descendendo pola costa ata chegar a Pontevedra, atopamos no seu pasado outro mito. O grego Teucro, fillo de Telamón e hábil arqueiro na guerra de Troia. Repudiado polo seu pai por non vingar a morte do seu irmán Aiax, viuse obrigado a emigrar na percura dunha nova patria á que chamou Helenes, que non é outra que a actual Pontevedra.

O gran mito romano atoparémolo na historia de Lugo. O emperador César Augusto non só foi o fundador da cidade senón tamén da Gallaecia.

Interesantes páxinas bríndanos tamén a historia de Pontedeume, a vila fundada polos condes de Andrade. Unha vella lenda conta que a ponte que motiva o seu nome foi construída polo diaño nunha noite…

Relata cómo o rapaz Ledán afogou no río un día de treboada cando ía ver a súa amada Minla, filla de Fernán Pérez de Andrade. Ela, ao escoitar os berros de agonía de Ledán, promete entregar a súa alma ao mesmísimo Belcebú se este constrúe a ponte no prazo establecido.

Son moitos os personaxes históricos vencellados á mitoloxía galega. Heroes, nobres ou incluso relixiosos que escribiron páxinas que mesturan o real coa ficción.  O bispo Xelmírez está directamente relacionado coa historia de Santiago de Compostela e foi vital no desenvolvemento da tradición xacobea.

O cabaleiro feudal, Pedro Madruga, chamado así pola súa teima de cabalgar polas mañás, está estreitamente vencellado ás terras de Soutomaior, no val pontevedrés do Oitavén. Espléndido lugar que el recuperou nunha dura loita contra os Irmandiños.

Sancho Sánchez de Ulloa foi o primeiro conde de Monterrei, o castelo mellor conservado de Galicia. Aventureiro en México foi un grande impulsor do desenvolvemento deste val no medievo.

A raíña Urraca tamén foi unha gran protagonista da Galicia medieval. As súas visitas de fortaleza en fortaleza na busca de amores por terras galegas, nunca foron ben entendidas.

Estes son os grandes mitos de Galicia, o país da chuvia e o sol. O lugar onde remata o mundo. A terra da morriña…  O paraíso elixido por aqueles deuses que a chamaron Eternia…

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *