galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

PORTOMEÑE, O INVENTOR DO XACOBEO

Existe un Xubileo que naceu o mesmo día que, sobre o monte Libredón, caeron bágoas de estrelas para indicarlle ao ermitán Pelayo o lugar onde se atopaba o corpo de Santiago, o Apóstolo. Disto hai 1.198 anos. E hai un Xacobeo, infinitamente máis novo, nacido dunha idea lúdica, festiva, que entronca coa tradición peregrina do Camiño das Estrelas, cuxo final está no Finisterrae.

Así, na actualidade, chega un peregrino que busca a meta máis transcendente, que é chegar á perfecta comunión coa súa espiritual crenza. E tamén un camiñante unido á natureza que descobre ao seu paso a arte e a cultura, ao mesmo tempo que goza dos praceres deste mundo.

O Xubileo é cousa de Deus e dos seus representantes en Compostela. O Xacobeo é cousa de políticos dos que, paréceme a min, quedan poucos.

Entre os meus recordos persoais daquel principio dos anos noventa hai dous ilustres personaxes cos mesmos apelidos: Vázquez Portomeñe.

Un, de nome Segundo, foi o máis brillante intelectual que tiven enfronte e sen dúbida o máis profundo coñecedor de todo o relacionado co medieval costume de peregrinar a Santiago.

Outro, de nome Víctor Manuel, foi para min o máis intelixente, culto e hábil político que tivo como “conselleiro” a Xunta de Galicia, da que formou parte en varias e diferentes etapas da súa historia.

Aos irmáns Vázquez Portomeñe debe Galicia a idea e a realización do primeiro Xacobeo; e non a Manuel Fraga, como se vendía entón. E ambos son merecedores dunha homenaxe especial por parte de todos os beneficiarios de tal invento da modernidade.

As boas ideas, con todo, hai que saber realizalas e por iso teño que destacar a Víctor como gran impulsor deste gran programa institucional que supuxo e supoñerá para Galicia, non só a revitalización do Camiño de Santiago como eixo cultural dun pasado, senón, ademais, o mellor proxecto turístico da súa historia.

E xa ves. A Víctor Vázquez Portomeñe cesouno Fraga e mandouno ao Senado o seu partido, inmediatamente despois daquel gran éxito, o Xacobeo 93. Logo, con esa maioría de idade que fixan algúns presidentes para os que sempre consideran opoñentes, nin opción a escano déronlle…

Non son eu proclive a confesións de tipo político, xa o sabes; pero paréceme xusto dar a Víctor o que é de Víctor, nesta nosa semana grande, cando se cumpren 25 anos daquel primeiro evento que revolucionou medio mundo.

Aínda que só fose polo Xacobeo iniciático desta nova era, Víctor Vázquez Portomeñe merece o título de “personaxe único”. Porque grazas a él, a aquel primeiro impulso de 1993, creceron as peregrinacións a Compostela desde todos os recunchos do planeta…