galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

TODOS NÓS

Por Alberto Barciela

Hai que situar a Galicia nos imprecisos límites desa realidade descomunal chamada globalización —agora afectada pola covid-19—, un mundo de posibilidades aparentemente ilimitadas, pero tamén un estado de urxencias perpetuas, case insaciables, e unha seria ameaza viral para a saúde e para a  identidade cultural dos pobos.

 Logo de superadas as incertezas políticas para os vindeiros catro anos, deberiamos estar ante un exercicio, necesariamente sempre  incompleto, para que os galegos poidamos dotarnos dunha filosofía de reposicionamento ante os cambios mundiais, construíndo como un enorme mecano cuxas pezas esenciais xurdan das experiencias luminosas, coloreadas, das labras biográficas, esencia de vidas, ideas e logros dos fillos da terra de Breogán, pobo español, europeo e universal.

 Os galegos pertencemos a unha estirpe fatal e barroca, de inquietudes perpetuas, pero tamén de indisimulada tenrura. Os nosos estímulos nacen da sensibilidade, da reflexión e da análise, dunha actitude permeable e disposta sempre á acción, pero tamén da espontaneidade e do estímulo que atopamos en canto poida favorecer os nosos ámbitos familiares e de amizade. Somos pensamento, formación e sabedoría.

Os nosos propios personaxes —colosais, conmovedores, constantes en cousas espléndidas e en entrega ao traballo— son seres de emocións densas, explosivos cando o frasco das esencias soborda. Somos como somos. A nosa obra é variada, inqueda, rebelde; a indomabilidade romántica é unha característica moi galega, posiblemente desde a revolución irmandiña. Só así, intuíndonos, é posible entender algo do noso carácter idiosincrático.

 Cheos de premonicións, regalámonos un amarre en tempos de desacougos. O ditame do mundo fala dunha realidade desmesurada en présas e aconteceres. Antes, todo era menos urxente, máis repousado e quizais máis sabio, todo transcendía paso a paso, ao ritmo do andar polas corredoiras, do devalar do carro dos bois ou do Castromil, que tanto amaba Otero Pedrayo, do pulir dos monxes nos mosteiros, dos ritmos dos ríos e das fontes. Agora, os apresuramentos esixen un fundamentalismo ata das cousas sinxelas, inmersos como estamos en rancios resentimentos cara a todos, non se sabe moi ben debido a que, nin exactamente por que. E, no medio de tantos ruídos do sistema, de apuros innecesarios, de tantas ambicións, de tantos separatismos políticos e tantas desunións persoais, temos que saber derivar o rumbo cara ao importante —a amizade; a conversación; o reencontro co que un se identifica, partindo se é preciso dos escenarios inocentes da infancia; o recoñecemento dos demais—. Son cautelas que deben xurdir dun pobo sabio, habitado polo trasgo da bonhomía e o misterio da palabra, capaz de determinar un novo espazo de convivencia sen saír dun territorio e dunha cultura moi vellas.

Agora, coas redes, discorremos con liberdade e non pouca incomprensión por corredoiras de vidas e sentires alleos. Adherimos novos afectos e filiacións, non sempre contrastados. Iso supón unha oportunidade, pero tamén un serio perigo para o propio, unha  ameaza invisible para o que nos fixo fillos dunha cultura marabillosa.

Temos que defendernos coa decisión que amosaron socialmente no século XV as clases populares e a baixa nobreza, co entendemento dos emigrantes, coa educación das novas xeracións universitarias, coa persuasión de que si é posible a convivencia con outras culturas. E todo ten que comezar por querer o propio. Para gañar espazo na universalidade teremos que completar o noso mecano, acercándonos ao orballo, ao hórreo de Carnota, ao pan de Cea, ao po e á dúbida, para espallar as néboas e unirnos no fundamental. E con todo iso poderemos construír algo moi fermoso —a Galicia do século XXI, a nosa visión vangardista da terra nai— para ofrecerlla ao mundo cos nosos poetas, coa pesca, coa moda, coa tecnoloxía, coa costa atlántica e co Camiño de Santiago. Un galego sabe como facer moito do pouco, como facer unha eternidade dun segundo, como facer un orbe dun recuncho.

 As ensinanzas que encerran os novos datos serven para confirmarnos que na xenética galega se escribe a necesidade de vínculo. Vínculo coa terra; con nós mesmos como pobo que somos; co que fomos, o que somos e o que seremos. Serven tamén para algo máis que para descubrir que os outros galegos existen, que fixeron ou fan cousas importantes e que o fixeron ou fan desde a formación máis esixente e desde as responsabilidades máis enriquecedoras, aquí ou en Bos Aires, en Chapela ou en Sidney.

Un é do lugar ao que sempre regresa, pode ser ese punto de encontro no pensamento universal dos galegos universais, un lugar ao que se chega a través dunha peregrinación biográfica por identidades diversas, tecidas e destecidas con mestría para construír unha memoria colectiva. Galicia é o principio e a fin do devir vital de cantos nos sentimos os seus fillos. E, ademais, é un lugar xeográfico de singular beleza.

Galicia é igual e é distinta, é plural e diversa. É o que cada un percibe en cada momento. Inabarcable en toda a súa extensión e exactitude, contraditoria na súa aparencia. É terra xenerosa en rutinas bárbaras, tópicos que intentan definir o indefinible. Galicia é feitizo, maxia natural que obra efectos extraordinarios sobre cantos intentan constrinxila a un mapa, á humidade, ao verde, á morriña, aos naufraxios, a preguntas e a escaleiras que non levan a ningures, salvo ao tópico. É terra encantada que sorprende os non iniciados, os que arriban buscando nela só o que esperan atopar.

Hai que dar coa fórmula máxica, co conxuro preciso que permite acceder a todas as Galicias imaxinadas, queridas, soñadas, lembradas, gozadas por cantos se senten galegos, nazan onde nazan. É o tecer e o destecer dun pobo continuado de achegas baseadas na experiencia, na evocación, no recordo, no pasado ou no presente, ao longo dunha travesía plena de escalas en paisaxes humanas cegadoras, apenas descubertas. Cos persoeiros da cultura, coas palabras dos interlocutores intelixentes, cos pensamentos contrastados, cos sentimentos expresados, temos que construír un imaxinario enriquecido, colectivo, que demostre que somos seres evolutivos en vangarda. Ás veces, deixaremos albiscar unha nova perspectiva desde unha sinxela alusión, outras farémolo cunha imaxe precisa, pero o conxunto traduciranos o sentimento, a emoción compartida. Así, desde cada valor individual, nace a enerxía que asegura a navegación cara a destinos inéditos. Nese discorrer, chega a presentirse a Galicia que máis se achega á Galicia real, poida que o lugar máis pequeno do mundo, pero desde onde cada galego pode ollar todo o universo.