UNHA TERRA ÚNICA

A auga é aquí quen remove a paisaxe admirada. E o val saboréaa, sorbo a sorbo, cando atravesa os camiños para crear a obra perfecta, xunto ao lago da cidade mergullada. Logo, a auga atravesa o bosque redescubrindo en cada tramo un novo rastro e deixando a súa pegada entre árbores de impredicibles raíces milenarias. Entre eles transcorren os sete camiños que levan ao peregrino a Compostela… Camiños que atravesan mil pequenas aldeas e centos de agradables vilas; lugares prolixamente humanizados rodeados de natureza.

Por todo iso Galicia sí, é Única. Polas sensacións que che convida a vivir e polo acento das súas xentes, que inventaron palabras tan belas como alborada, morriña ou  lusco fusco. Esta semana dás Letras Galegas abrireiche as portas que conducen ao corazón do país.

ALBORADA

A alborada vella é a primitiva. É o canto matinal á luz vermella do amencer,  cando o sol renace, composto con notas de himno para acompañar a oración celta ao astro rey, na hora primeira na que nos prostrábamos ante o ara solis do Fin do Mundo.

Aquela alborada iniciática  pasou a ser co tempo a música das reunións dos clans e das procesións sacras. Costume que aínda se conserva nalgunhas celebracións importantes, nas romarías máis ancestrais.

Servíu pois a alborada da nosa historia para a relixión e para a guerra; para a superstición e serve aínda para a festa.

HISTORIA

As pegadas do pasado máis antigo achámolas nos petróglifos dos nosos símbolos, aquela primeira escritura. E atopámolas tamén nos dólmenes e os menhires, daquel primeiro culto á morte. Os pobos galaicos descubriron para vivir nos castros os paraísos da media montaña e aqueloutros que teñen o seu horizonte nos nosos dous mares. Os nobres da Galicia medieval elixiron paisaxes únicas para levantar as súas fortalezas e castelos. Os monxes construíron  os seus influentes mosteiros nos máis fermosos lugares. E o ermitán Pelayo achou no Campus Stellae a tumba do Fillo do Trono, Santiago, o Apóstolo, que aínda segue sendo motivo principal das peregrinacións a Compostela e do turismo a Galicia.

MAXIA

Os dous mares trouxéronnos cristos crucificados, algunha virxe e o corpo dos apóstolos Santiago e Andrés. Os mil ríos son o espello natural de estrañas criaturas nadas nas fragas. Das entrañas húmidas da terra xorden misterios de néboa e orvallo caído do ceo, mentres ao pé do lume da lareira cóntanse fazañas protagonizadas por fantásticos personaxes de lenda. A  fe move montañas e fainos entender o milagre. Debatémonos entre a festa da vida e o culto á morte, dialogando con santos e con almas en pena que veñen do máis aló. Buscamos tesouros nunca atopados  baixo o mar ou na pedra encantada do monte. ¿E as Meigas? As Meigas existen e seguen sendo as heroínas da nosa ficción…

MONTAÑA

Na montaña que nos cativa, os cumes están cheas de branca soidade e o tempo transcorre libremente, no máis profundo dos silencios. Cando é inverno na serra común a paisaxe que nos rodea é outra vez branco luminoso, mesmo brilante. Desde a pena das neves de nome Trevinca, a vista alcanza os tellados de lousa do refuxio, a pequena aldea e os vales profundos ocultos baixo a néboa. Este é o teito galego-berciano, fronteira de beleza serea.

 BOSQUE

Todo se anima neste bosque. Crecen nel árbores de estrañas formas abrazados por líquenes misteriosos. E ao seu lado, fentos de ascendencia milenaria, que esconden a casa do druida… ¡E quen sabe se nel habitan aínda as fadas! É a fraga, bela e misteriosa, e propia da Galicia mais interior. Existen outros bosques de ladeira, crecidos entre prados e cultivos, que chamamos soutos. Crece neles o castiñeiro que dá froito no outono. O souto é primo irmán da carballeira, que está próxima aos lugares humanizados. Din que os  bosques  chegaron a cubrir toda a Galicia Única…

RÍO

Do ceo caeu a auga de inverno en forma de neve, para descender xeada e cristalina a gran montaña e crecer como río entre ladeiras verdes de brezo primaveral. A auga logra entón unha fantasía barroca entre os montes. Sobrevive de salto en salto logrando a máis expresiva combinación dos factores naturais. Ao caer ao baleiro entre a rochosa paisaxe, impón o seu ritmo acelerado á beleza. Pero tamén nos emociona co seu canto rumoroso de fonte de saúde ou cando entoa a súa melodía latexado para darnos a forza vital que precisamos. Mesmo ao avanzar como regacho entre rumores de bosque ata procrear o fulgurante lugar que nos entusiasma: o lago ao que rodea un xardín natural de bidueiros, espello da estancia perfumada que cada día ilumina unha luz diferente.

LAGOA

A auga da vida se remansa, para reflectir a flora de ribeira  que nos conta o estado máis puro da natureza. Naceron lagoas para prolongar a estética do territorio, pero, inevitablemente, neste país noso, son tamén o pozo sen fondo da maxia e a lenda.

Ensináronnos que o gran Miño nacía en Fontmiñá, pero a súa verdadeira orixe é un misterio, porque non hai aquí fonte se non lagoa, espello da xeometría das árbores da típica gándara galega. Culpan á bruxa Irimia de tapar con pedras o leito do río cando nace, para ocultalo.

A lagoa de Antela volveu renacer tras anos de seca ditadura e en democracia a auga volve proporcionarnos as máis rechamantes degradacións cromáticas.

De hidrografía indecisa, pero de perfecta e admirable beleza, é a lagoa de Carregal, metade mariñeira e metade fluvial, no máxico lugar onde a area busca o ceo de Corrubedo. 

En Cospeito a lagoa é de posesión virginal, porque a Nosa Señora créoa para alagar unha vila chamada Veria, na que non había nin templo nin igrexa.

Unha lendaria cidade, que non unha vila, permanece mergullada baixo as augas da lagoa dás Xarfas, ao pié do Monte Louro, que é principio e fin da Costa da Morte.

E en Xuño, a auga doce da súa lagoa deixa crecer nenúfares de verán para que na contorna próxima ao vello castro, sexa posible a vida feliz.

As lagoas de Galicia crean a gran fantasía da paisaxe interior.

MAR

Un faro que comeza a iluminar o final da tarde. Grandes ondas cubrindo de escuma branca, refulxente, rocas multiformes ao longo de todo o traxecto. A campá do mosteiro, en silencio, no contraluz da torre. O sol raso que torna de ouro o océano. Miles de aves adestrándose ao paso dos barcos, alá no horizonte…

É parte do espectáculo que se alcanza empolicados no miradoiro da Valga, ata onde chegamos con facilidade por Mougás, desde Oia. Este é a miña mellor paisaxe de mar. Por iso persigo para ti  a hora máxica desde este espazo natural protexido, que se estende entre Baiona e A Garda, co atractivo inmenso das suas panorámicas atlánticas.

MARABILLAS

Cada un de nós trazamos nosas propias marabillas na contorna que procuramos. A min marabíllanme os dous ríos sacros…

Canóns do Sil e do Miño, ribeiras verdes de cepas brancas e de cepas tintas, de amieiros, de bidueiras, de avellanos, de primixenias e multiformes rochas que xogan a verse nos espellos da auga…

Dous ríos e o pano de fondo da maior concentración de edificios románicos de toda a Iberia. Mosteiros, priorados, igrexas e capelas que nos mergullan na espiritualidade e fan sacras estas ribeiras.

A Ribeira Sacra é unha das moitas fascinantes marabillas desta Galicia Única.

 

Share Button

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Time limit is exhausted. Please reload CAPTCHA.