galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

VACACIÓNS NUN PAZO

Clima e paisaxe condicionaron as peculiaridades arquitectónicas dos pazos e casas grandes de Galicia, un rico patrimonio monumental que se estende a unhas setecentas edificacións, a maior parte delas situadas en contornos naturais do rural.

Os pazos teñen os seus particulares matices que son como un espello do especial temperamento galego. Porque, no mundo hai belísimos palacios, pero os pazos só os atoparemos aquí, en Galicia.

¿Que é un pazo? En realidade, un conxunto de edificacións: a principal significa a fachenda, a presenza social, a importancia dos seus donos. Separadas adoitan estar as vivendas do servizo e as dependencias agrarias, como alpendres e cortes.

A vivenda principal dun pazo ten que ter lareira, teitos altos, dormitorios espaciosos, grandes salóns e un elemento común: a pedra. As paredes son sempre de pedra, o chan pode ser tamén de pedra e ás veces atopamos teitos de pedra.

Un vello refrán di que non é pazo aquela construción que non teña anexionada unha capela, un hórreo e un pombal.

Algúns pazos, como o de Oca, destacan polos seus xardíns con deseño versallés. O contorno natural doutros, como o de Santa Cruz de Rivadulla, destaca, porén, pola súa magnífica flora semisalvaxe na que abundan especies impropias do clima galego.

Dos 700 pazos catalogados en Galicia, uns douscentos están destinados a usos privados pero case medio centenar están dedicados ao turismo rural. Para algúns pazos, a súa reconversión en hotel foi como un renacer.

E grazas a esta iniciativa, podemos pasar as vacacións do verán que ven en auténticos palacios dotados dos máis modernos servizos no medio dunha contorna histórica.