LUME, CANDORCAS E GUERRA.
Por Antón Luaces
Todos tivemos unha infancia, pero non todos damos chegado á vellez (esta cada vez máis lonxe para os máis novos). Xa non é de todo certo o canto dorido á Mariquiña: “Cando ti vas para lonxe i eu vou pra vello, un adios, Mariquiña, mardarche quero, que a morte é o diaño i anda rondando as tellas do meu tellado”.
Antes, en tempos desta cantiga popular galega, morrïase “de vello” aos 50 anos. Hoxe, cando os montes arden porque alguén os queima; cando as embarcacións de recreo son “atacadas” polas candorcas, e en Ucraína, Palestina, Israel e máis países o demo viste traxes militares para asasinar outros demos interiores, a terra está en guerra, os homes morren mozos, cativos, con nais que os choran porque a eles non se lles dou tempo a seren pais.
Así de contradictorio, así de miserento. Así de lamentable, de errado. O mundo non permite repetir. Nen sequera disfrutar do que, en teoría, está feito para durar: o cariño, a tenrura….-
Velaí: os mozos deste tempo poden ter avós; mais poucos avós poden ter netos. Os avós construiron casas para os fillos e estes coidáronnas para os netos. Pero o lume e as bombas de racimo ou os mísiles danse boa maña en desfacelas, queimalas, convertelas en cascallos.
No mar, as candorcas interactúan, xogan ou, na versión dos afectados, arremeten contra o leme das embarcación de recreo e poñen en perigo as vidas dos seus tripulantes.
Con Franco morríase mellor: xubilábaste aos 65 anos e, 5 anos máis tarde, un adeus, Mariquiña, mandarche quero.
O lume vai a menos no Barbanza. Israel e Palestina fan un alto o fogo en Gaza. Ucraína e Rusia non paran entre sí, pero exportan cereais (compre coidar os intereses propios baixo o pano de fondo de evitar a fame en África. Europa (a Unión Europea) amaña o seu futuro gasístico. O mar quece no Mediterráneo español, onde o turismo nacional e internacional recuperan o tempo do que non se dispuxo por mor da pandemia. Ao mellor por ese quecemento as candorcas están adoecidas. En Cariño, o meu pobo de nacencia, aínda lle dan voltas á caldeirada de raia e as sardiñas lañadas que a veciñanza degustou en amor e compaña, algo que non sobra en Ucraína, Rusia, Israel, Palestina, etc.
Teñen o leme noutra direción. Abofé.
ANTÓN LUACES