galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

A ARTE LITERARIA EN GALEGO

A arte literaria florece no propio país, de forma contundente, cando se inicia a democracia en España, nace a autonomía galega e crece o interese polo idioma e as artes propias.
No desenvolvemento do idioma teñen moito que ver algúns medios de comunicación privados, como Radio Popular de Vigo –a primeira emisora que, nos anos setenta, prestou unha singular atención ao galego como vehículo oral para distinguir a súa programación; e logo, nos oitenta, os medios públicos, a radio e a televisión galegas, que nacen co obxectivo principal de divulgar e enriquecer a lingua galega.
O libro en galego é o medio escrito que cobra maior importancia na difusión do idioma e é a partir da creación da Asociación de Escritores en Lingua Galega cando logra un maior impulso.
Vital importancia na recuperación e consolidación do idioma tivo a implantación das materias de Lingua e Literatura Galega xa no ensino primario e é a partir dese momento cando se inicia o proceso de normalización lingüística, que vén a achegar a recuperación de palabras, expresións e termos que se perderan nos tempos da ditadura.
A partir dos oitenta xorden novos autores con novas propostas. Os músicos recuperan a poesía e o folk; e o cine pon os seus ollos nos relatos dos escritores galegos.
Daquela, chega a internacionalización. O Pen Club abre as relacións con editores e escritores de medio mundo da man do seu presidente, o inesquecible Carlos Casares. E xorden as primeiras traducións de textos galegos que asinan Méndez Ferrín, Alfredo Conde, Ramiro Fonte e un amplo etc. de autores contemporáneos, novos e non tan novos.
E non só son traducidos, senón tamén recoñecidos e premiados. Acceden ao Nadal, ao Premio Nacional de Literatura e a outras moitas distincións estatais e internacionais.
A partir dese momento medra e florece unha nova industria. Tanto editoriais como imprentas alcanzan niveis óptimos de comercialización.
O libro galego e mais o idioma crean postos de traballo e nace un futuro de grande esperanza para a cultura galega. Ata o punto de que os escritores galegos, como o resto dos creadores, tamén se ven atrapados pola Rede e nace unha nova literatura con vocación web.
Por iso chega a todas as partes do mundo e esperta un interese inusual entre as linguas minorizadas.
A poesía, a narrativa, o ensaio, o xornalismo, todos os xéneros literarios posibles están nas web, en Internet. Así é como o novo soporte universal lle permite ao galego, ao noso idioma, e ás nosas artes pasar por riba das fronteiras políticas e sociais.
Na Rede hai de todo e para todos, pero especialmente chama a atención como os nenos e nenas das nosas escolas se converten en creadores de novas formas culturais.
E como, a través dos seus ollos e dos pensamentos que nos transmiten, mesmo chegamos a comprender moito mellor a arte. Porque é a eles a quen lles pertencen as mellores ideas aplicadas ás novas tecnoloxías.
Son a esperanza para que á súa xeración nunca lle chamen a xeración perdida.