galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

A COSTA DA MORTE: ONDE OS HOMES E MULLERES FORON RAQUEIROS SEN O SER

Por Antón Luaces

Cunha impresionante ilustración (imaxe) de Enrique Messeguer, a Real Academia Galega (RAG) publica na sección Dirán que din un estudo relacionado coa natureza da verba “raqueiro”, a cuxo uso vincula as “fabulacións” de orixe galega e que recoñecemos nas “persoas que provocan o naufraxio dunha embarcación, xeralmente atraída cara a costa mediante sinais falsos para aproveitar as “crebas” (beneficio da recollida dos restos de posibles naufraxios acontecidos no litoral).

Curiosamente, no Barbanza -nomeadamente en Ribeira- ser un raqueiro era ser un ladrón -tamén denominado “ladro” ou, en feminino, ladra. O termo raqueiro, sen embargo, non se empregaba para sinalar a quen roubaba senón a aquel que, citado no castelán raquero, apuntaba a aquela persoa que se apoderaba do alleo e que foi a definición que coñecín na Santa Uxía dos anos 50 do século pasado e que decaeu poucos anos máis tarde (posiblemente nos anos 60 e por non ser utilizada).

Había daquela algunhas persoas que na xa oficialmente cidade se supoñía eran “dadas ao alleo”, motivo polo que se lles cualificaba de raqueros ou raqueras. E como a tales os trataban tanto a veciñanza coma os únicos representantes da autoridade policial: Garda Civil e Policía Municipal (popularmente denominados estes “municipais”).

Fai referencia no seu estudo a RAG ao investigador Jesús Ángel Sánchez García, que estudou a fondo a fala dos veciños da zona comprendida entre A Coruña e Noia para saber a qué definición lexicográfica obedece máis o dito: á lénda ou á realidade.

Engade que o investigador aforrou non ter atopado documentación que certificara “que houbo varamentos provocados por manobras perversas desde terra” (e sen embargo o raqueiro ou raqueira estaban recoñecidos coma definición de persoas que, en Ribeira e proximidades, practicaban un tipo de actividade para a que se valían de  vacas ou cabalos sobre os que situaban -ou estas “turraban” (guindaban)- dunha pequena fogueira que trasladaban polo bordo litoral de tal xeito que no ir e vir, facían pensar aos navegantes que eran boias ou faros (fachos) que, pretendidamente, os guiaban afastando as embarcacións da perigosa costa, como na realidade pretendían  porque, disque, verdadeiramente buscaban o encallamento do barco para se facer co que este transportaba, sen desbotar a posibilidade de matar aos tripulantes para deste xeito evidenciar a existencia dun accidente e, porén, poñer en práctica o dereito de quebras ou crebas (ius naufragi) que outorgaban aos raqueiros os beneficios da recollida dos restos dos posíbeis naufraxios.

Para o autor do estudo, o substantivo raqueiro ten unha orixe incerta, aínda que podería gardar relación con vocábulos ingreses, irlandeses ou islandeses que se empregaban para se referir a recoller (algo) cun angazo, que se podería relacionar á súa vez coa acción de recoller obxectos perdidos na costa. 

Sexa como for, o raqueiro ou raquero queda praticamente perdido na historia do mar. Xa nin sequera se cita nos dicionarios de uso cotián, por máis que os vellos mariños e mariñeiros o lembren.

ANTÓN LUACES