galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

A NOVA XORNADA LABORAL

“Mentres se negocia a xornada laboral, un concello gaditano acorda que os seus funcionarios traballen de martes a xoves… ¿E o mar?”

Por Antón Luaces

O pasado 16 de maio publicouse no Boletín Oficial das Cortes Xerais o Proxecto de Lei que reduce a 37,5 horas no ano 2025 a xornada laboral ordinaria. A norma xa foi aprobada polo Consello de Ministros e permitirá reducir a xornada laboral legal máxima por primeira vez desde 1983.

A proposta, impulsada polo Ministerio de Traballo, afectará cando entre en vigor a 12 millóns de traballadores, entre os que non figuran os do sector da pesca marítima. A reforma laboral en España sempre se vinculou a diversos factores sociais, políticos e económicos que marcaron as condicións de vida dos traballadores, maioritariamente da empresa privada, se ben é certo que, en ocasións, as empresas públicas marcaron a pauta. Mais nunca, ata o de agora, como o fai o concello gaditano de Zahara de la Sierra, que ten a honra de ser o primeiro de España en aprobar a xornada laboral de catro días -de martes a xoves- e sen redución de salarios.

Zahara de la Sierra agroma nun  dos lugares máis fermosos de Andalucía: a serra de Grazalema. Ten 1.400 habitantes e, como sinalaba anteriormente, é o primeiro concello de España que adoita esta fórmula que van seguir ao pé da letra os seus 32 funcionarios. Estes traballarán de martes a xoves, inclusive, o que -como dí o seu alcalde, que é economista de formación- non significa traballar menos, senón traballar doutro xeito, evitando os luns e venres laborables.

Pero, unha vez máis, o sector pesqueiro ten que contemplar estas vantaxes sociais como alleas á súa condición de traballadores por conta dun armador e cando aínda non todos eles dispoñen dun salario fixo ou, cando menos, unha xornada laboral estipulada a cumprir por cada quen.

Á vista desta triste realidade non queda outra cousa que lle preguntar á ministra de Traballo e Economía Social e vicepresidenta segunda do Goberno, a galega Yolanda Díaz Pérez, se o seu departamento vai fixar algunha vez unha norma que regule dunha vez por todas o calendario dos tripulantes dos barcos de pesca de calquera modalidade que, por careceren, mesmo carecen de salarios fixos, vacacións, horas de descanso regulamentario ou condicións hixiénico-sanitarias a bordo.

Non hai outro sector en España con traballadores máis abandonados no eido laboral que a xente de mar, carente esta ata dos dereitos irrenunciables que corresponden a cada cidadán español: o dereito a elixir a os seus representantes nas institucións municipais, da provincia, da comunidade autónoma, das Cortes do Estado e da Unión Europea. E non será porque non se teña reclamado. 

Ben se ve que o sector pesqueiro non ten quen o represente verdadeiramente. Nen sequera polos sindicatos de clase, en teoría a máxima expresión da unidade das traballadoras e traballadores para defender os seus intereses fronte aos empresarios e os gobernos.

Antón Luaces