galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

“A RAÍÑA DE BRONCE DA CIDADE VELLA DA CORUÑA…

…ESCACHOU NAS LOUSAS DA FONTE DA PRAZA DA FARIÑA”.

Por Antón Luaces

Foi unha brincadeira de mozos na fin de semana, coma sempre alegremente celebrada nesta cidade de pouco dormir e moito vivir, de sorriso de cristal que se reflicte na dársena da Mariña e a luz do faro de Hércules na versión máis antiga dos drons actuais que percorre silandeira as terras do vello Burgo.

A antiga praza da Fariña -fronte o palacio da Capitanía Xeneral- actualmente Praza de Azcárraga, situada no corazón da Cidade Vella coruñesa, quedou orfa de ninfa, sen raíña na Fonte dos Desexos, é unha escultura de bronce fundida nun obradoiro de París vai cara os 200 anos, á que acompañaba un son de música de auga nos veráns de noites intensas nas que o castelo de Santo Antón manda mensaxes de liberdade e historias da insigne María Pita. 

Perdida momentaneamente a fermosa figura feminina que a coroaba, que se mancou ao se separarse da súa base porque un mozo agatañou a escultura da fonte na media noite con sonoro estrondo e descomunal susto polo estropício, os que cada fin de semana sentan nos veladores da praza esqueceron o romanticismo que pendura das pónlas das árbores cangadas de anos e historia e ollaron o mar por se deste o Drake viña disposto a realizar unha das súas desfeitas.

A escultura é recuperable. E o autor da ruptura non desexada dun dos brazos da bela figura tamén. Son danos, ambos os dous, “asumíbeis”, pero non disculpábeis que deben servir para que ninguén máis agatuñe a Fonte dos Desexos por máis estrelas que tacholen o ceo.

ANTÓN LUACES