galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

A ÚNICA REVOLUCIÓN POSIBLE

Por Eva Veiga

Hai outras redes, as dunha consciencia solidaria e xenerosa, que poden contrarrestar as que a a maldade e a estupidez utilizan para facer do mundo un lugar terrorífico do que o Gran Poder e os seus necios acólitos pensan se van beneficiar. Porque a riqueza obscena, xunto ao dominio pola forza e a manipulación, son as máximas aspiracións de todos estes seres -nonhumanos, hai que distinguir ben xa o que é humanidade- aos que non lles importa absolutamente nada asasinar a millóns de persoas á fin de fornecer a súa miserable e nunca farta condición de banais egoístas.

Toda esta crueldade, en manifestacións diversas e en diferentes xeografías, ten lugar cada día ante os nosos ollos. Tamén ao noso arredor. A mentira, a perversión da linguaxe -xa que logo do pensamento-, a promoción do odio e o acriticismo son tamén as súas armas. Se calamos, aceptamos. A única revolución posible é hoxe, ao meu entender, unha toma de conciencia transformativa e mobilizadora. Falar ou debater con honesta argumentación con quen nos cadre no camiño e, sobre todo, dicir en voz alta que non estamos de acordo, que non queremos ser cómplices. Contra esa corrente demencial que se está a impoñer, propiciar un cambio de valores e unha tendencia a considerar o amor, a compaixón ou a verdadeira xustiza como formas superiores de intelixencia. Como fai o gazatí cuxa boa vontade o leva a sementar entre os cascallos e a compartir os froitos cos seus concidadáns. Velaí a humanidade e a beleza que os xenocidas tratan de negar. Debemos observar este tipo de falacias: como os verdadeiros bárbaros animalizan ao aoutro para poder aniquilalo con absoluta impunidade. Só por poñer un exemplo do que está a pasar no mundo. Un mundo sen sentido se deixa morrer unha soa crianza de fame. Un mundo que non pode ignorar que o único que nos salva é a resonancia do ben común co ben individual. Non existe sociedade saudable sen esa avinza.

Non os deixemos pasar. Opoñamos a resistencia creativa da sensibilidade, da empatía e da lucidez. O contrario é o horror. Porque como di Josep María Esquirol :“El infierno es solipsista y narcisista”.