galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

A UNIÓN EUROPEA PON FREO AO GALEGO

Por Xosé A. Perozo

A Unión Europea conta con vinte e catro linguas oficiais, incorporadas ao seu funcionamento ao longo do proceso de adhesión dos países membros. Aínda que non existen requisitos formais para a incorporación dun idioma, o plurilingüismo é unha riqueza da que se gaba a configuración da Europa contemporánea. Os Estados membros poden propoñer calquera das linguas oficiais faladas nos seus territorios i é o Consello da UE quen decide por unanimidade incorporar ou denegar unha nova.

Esta semana asistimos a decepción ante o proceso de pararlle os pés ás tres linguas cooficiais de España, isto é, catalán, eúscaro e galego. ¿Razóns? Discusións bizantinas e políticas miserables de manga curta. E, sobre todo, o desexo de losquear ao goberno de Pedro Sánchez cunha pírrica e absurda derrota. Quen gañou con este parón da iniciativa? Ninguén.

Unha das esixencias de Junts para votar a investidura de Pedro Sánchez en 2023 foi a de levar ao Parlamento europeo a proposta de inclusión do catalán como lingua oficial da UE e, polo tanto, o engadido dos outros dous idiomas autonómicos. Nesa orixe da iniciativa baseou o PP a súa posición a que, polo que nos corresponde, impedir que a lingua que sustenta á cultura galega sexa oficial en Europa. A iso engaden presuntas cuestións económicas que en nada prexudican aos orzamentos da Xunta.

A actuación, por tanto, de Alberto Núñez Feijóo, movendo cara ao veto os fíos dos seus correlixionarios europeos, coloca ao líder dos Peares no podio do incomprensible. Aínda que é ben certo que, ao longo dos anos, como presidente de Galicia, as súas políticas a favor do galego camiñaron sempre a pé manco. Desde o inicio, sumando os seus intereses electorais á asociación Galicia Bilingüe, xa transmitiu unha nova imaxe contraposta ao PPdeG de Manuel Fraga. O patrón da dereita lograra unha simbiose respectuosa coa cultura galega, un pragmatismo de home de Estado capaz de tourear o presente sen cortarlle as ás ao futuro.

Con todo Núnez Feijóo entrou na presidencia regateando en curto e sementando o descontento tanto nos ámbitos culturais como nos territorios da educación. Ao falar en galego non parece facelo por convicción senón por prescrición facultativa da imaxe pública. O paso seguinte foi inventar o sucedáneo do “bilingüismo cordial”, un puro trampantollo que esta semana rematou por desintegrarse.

¿Que lle achega ao galego ser lingua oficial da UE? Na práctica cotiá nada importante. No simbólico e de proxección cultural internacional nivélao coas outras vinte e catro linguas do proxecto europeo en pé de igualdade, dentro do espazo que lle corresponde como vehículo dunha cultura histórica con identidade propia e singular. Non é banal.

As políticas erráticas de Feijóo desde a súa toma de posesión como xefe opositor non teñen parangón. Este paso, ao minusvalorar a cultura de Galicia, de onde procede e airea como suposta base dos seus éxitos políticos, colócao no taboleiro dos apátridas por moi españois que nos consideremos toda a cidadanía galega. Tirou pedras contra o seu tellado que, no espectro do identidario, caerán sobre a súa cabeza. Ademais, no puramente político estatal queima as poucas naves, que aínda puidesen quedarlle no porto, á hora de pactar con Junts unha hipotética entrada na Moncloa.

Se hoxe Feijóo non pode presentar unha moción de censura contra Pedro Sánchez é porque os partidos nacionalistas de dereita, PNV e Junts, desconfían das súas políticas centralizadoras como demostrou coa posición contra os intereses do eúscaro, do catalán (máis valenciano e mallorquino) e mesmo contra o galego propio.

XOSÉ A. PEROZO