galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

AS LETRAS GALEGAS

Non sei moi ben cal é a miña xeración. Seica a miña vida está dividida en catro partes, desde que a miña nai e miña primaria mestra, trouxérame a iste mundo entre os brazos da herba nun prado de Cudeiro… ata o de agora, cando ainda podo adicarme a isto que vós leedes cada semán, nestas modernidades. Eso sí, son un galego afortunado que tivo unha boa formación, grazas a aqueles mestres que lle inculcaron que, denantes de todo, estaba o País, o conxunto da cultura que se nos transmite o traveso dunha lingoa propia.

Por iso cando o ar que respiramos nos trae o cheiro da primavera eu lembro primeiro a Xesús Ferro Couselo, meu mestre de latín no Instituto do Posío, aquel que xa era de clases mixtas onde nos impartiron as suas leccións os meirandes prebostes da cultura ourensán. Hoxe leva o nome de Otero Pedrayo.       

E síntome orgulloso de ser un alumno de Ferro Couselo… porque él foi un dos tres intelectuais, académicos galegos, que tiveron a iniciativa de presentar ante a Institución, o 20 de marzo de 1963, unha proposta para celebrar un Día das Letras Galegas. Xunto a Ferro, fixérono Manuel Gómez Román e Francisco Fernández del Riego. 

Eu exercía xa o xornalismo no Diario de Pontevedra e pódobos dicir que aquela proposta foi acollida como a gran idea que daría un grande pulo a nosa lingoa e sobor de todo as nosas letras, nacidas como arte literario hai xa 1.021 primaveras.

Como sabedes, a Real Academia Galega declara o 17 de Maio Día das Letras Galegas porque coincide ca publicación dos “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro. I é Rosalía a primera escritora distinguida co máximo galardón das artes literarias que hoxe se outorga en Galicia. Os académicos estimaron que o libro rosaliano…

—- Foi a primeira obra maestra coa que contou a literatura galega contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio unviersal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Este é un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.

Como che dicía, o idioma galego, nobre e harmonioso,  naceu para a expresión falada e para as letras. O idioma e as letras nel escritas, son o esencial motivo que nos diferenza como pobo. Por iso, seguimos a render esta grande homenaxe anual, cando en maio florece a primavera e tamén a nova literatura. A través dela volve rexurdir -como nos tempos difíciles- a forza da terra… Dela saen as agora doces palabras sabor a terrón… E recordamos as egrexias figuras que loitaron pola nosa identidade, tributándolles honor.

Nesta primavera, coa pandemia as costas, a Real Academia Galega distingue a obra da viguesa Xela Arias (1962-2003), a poeta dos afectos e do inconformismo. Dela escribíu Ana Romaní, outra das grandes da nosa poesía:

“Declárome inconforme”. Acaso sexa a declaración que sostén con máis clara rotundidade a postura vital e literaria de Xela Arias. Un inconformismo creativo e solidario que, desde a lucidez dunha mente en rebeldía, despregou ao longo de corenta e un anos de vida a paixón da palabra na súa máis depurada independencia, en cada un dos seus actos poéticos, culturais, cívicos. Por ser exactas, ela dixo:

“Pois se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contradictoria e filla das miñas contradicións (…) a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entende-lo humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, calquera que sexa”.

Escritora, tradutora, editora e docente, toda a actividade da poeta gravita arredor das palabras. E con elas estableceu un pacto de esixencia: rigorosa e delicada na edición e na tradución; liberadora, transgresora e non menos rigorosa, no poema. Entre eses marcos vai estendendo un labor consciente, meditado, decidido.

Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados”

O idioma sobreviviu despois de séculos na escuridade, sen gramática, sen amigos no poder… despois de ser perseguido e mutilado. Sobreviviu porque conseguiu vivir entre a xente, entre nós, os galegos.  ¿Quen o axudou?

Primeiro aqueles que, de xeito irrefreable, só podían sentir e comunicar en galego. Despois, os que deron a súa vida polo idioma. Rosalía, Curros e Pondal convencéronos do seu valor como lingua romance, comparable ó do castelán, portugués ou italiano.

A principios do século 20 tomaron o seu relevo As Irmandades da Fala e A Xeración Nós. En 1906 nace a Real Academia Galega. Anos despois xorde o Galeguismo. Comeza a promoverse a presenza do galego en todos os ámbitos, máis aló do doméstico.

Antón Vilar Ponte, Otero Pedraio, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Ramón Cabanillas, Castelao, Antón Lousada Diéguez, Ferro Couselo… conceden a nosa lingua unha altura intelectual que non tivera ata o momento.  Dignifican a realidade do noso país conectándoo directamente con Europa, cun obxectivo: superar o illamento da nosa literatura sen que esta perdese un ápice de esencia.

Durante a ditadura volveron a condenalo idioma ó  ostracismo pero madurou na emigración.  Ainda hoxe… ¡Non hai un só Centro Galego que non celebre nestas datas a efeméride das Letras Galegas!  Istes actos que se celebran nas nosas embaixadas teñen para mín un moi especial siñificado: ninguén dos nosos paisanos esquencéu o País. Ainda que estea lonxe, por moi lonxe que sexa, ninguén perdéu a noción da sua verdadeira orixe. Por iso pervive nos cinco continentes esa Galeguidade a que saúdamos de xeito especial cada semana, nesta Galicia Única.

Mais tarde, coa democracia chegou o recoñecemento… No 82 e no 83 apróbanse a primeira gramática e a lei de normalización lingüística, ratifícase o Estatuto de Galicia, constitúese a Xunta e comeza a escribirse un novo capítulo na historia da nosa lingua e da nosa traxectoria como pobo.

¿Cal é hoxendía a saúde do noso idioma? É o piar da nosa identidade como pobo e pode ser a clave do noso desenvolvemento.  Brasil, Angola, Mozambique son destinos cos que contan xa, á hora de emprender negocio, algúns empresarios galegos.  A proximidade lingüística ábrenos un mercado de 120 millóns de persoas no mundo. Por iso a Secretaría Xeral, en colaboración coa Federación de Parques Empresariais galegos, anda a potenciar unha estratexia comercial que poña énfase na proximidade cultural como chave. 

Substancial segue a ser tamén un esforzo constante pola normalización entre os máis novos. Camiñamos cara unha sociedade na que o noso idioma reivindica o seu sitio… unha lingua que nos identifica, que nos distingue, pero que tamén nos comunica co exterior…un idioma tan antigo como moderno e transgresor.

Endemais temos que ter en conta que moi poucas literaturas están lideradas por un personaxe feminino, como é no noso caso Rosalía de Castro, sempre a primeira da grande lista dos intelectuais galegos.

Celebremos o Día das Letras Galegas cantando todos xuntos, coa axuda de UXÍA con Tanxugueiras e Faia…