galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

BASILIO LOSADA, IN MEMORIAM

UN POLÍMATA NO PARAÍSO

Por Alberto Barciela

En Láncara, os nomes inseridos na paisaxe compoñen unha sinfonía sonora. Escóitase o silencio: o son dos ríos, o vento, os paxaros. Aquí, alí, acolá: das ramas, das rochas, da auga, penden o ceo e a terra, o puro acontecer de cada día. As estrelas guiadoras apodéranse das noites. A maxia conxunta os seres coa natureza, coa cadencia das estacións. Os ollos, os oídos, extasiasen co arume ambiental. Verdes, azuis e brancos algodoados de nubes, achegan o contraste dunha paleta de pintor prodixioso.

De aquí só se sae para percorrer mundos. Para revolucionar alá a doce Cuba, para facer comprensible acolá todo o que merece ser entendido. Para ensinar que as utopías e os edéns case que poden construírse con ideas, con palabras, en enxeños azucreiros, nas revolucións interminables, ou nas páxinas dos libros, nos palacios ou nas aulas, en esencia con palabras.

Un lancarés é un soñador, ten razóns para selo. Apelídense Castro ou Losada, chámense Anxo, Fidel, Raúl ou Basilio. Os nomes dos personaxes importan menos cás historias, cás biografías, que os feitos, salvo que aludan aos do lugar onde un naceu. Entón, só entón, pasan a ser un conxuro da nostalxia.

Será por iso que por decisión dos humanos, en Láncara de Lugo, en Galicia, os topónimos se suceden con cadencia fermosa, ás veces case que onomatopeica, como un sortilexio: Armeá, Bande, Carracedo, Cedrón, Galegos, Lagos, Lama, Larín, Monseiro, Muro, Neira, Oleiros, Río, Ronfe, Souto, Toirán, Toldaos, Touville, Trasliste, Vilaleo, Vilarello, Villaesteva, Villambrán, Villouzán.

Alá na comarca din que de Sarria, a natureza e a vida fan o amor coas palabras, defínense confundíndose coa descrición da fermosura. Os pecados, se é que existen, perdóanse engadindo nomes de santos a cada parroquia: de Santiago a San Vicente, de San Miguel a San Xoán, de San Pedro a San Martiño, Santa Eulalia, Santa María e El Salvador. Todo marabilla e a conciencia limpa ten que corresponderse de maneira necesaria ou saberse no paraíso en vida. Para comprobalo é suficiente abrir unha fiestra alá en Poboa de San Xulián, ao espertar co familiar martelar reiterativo do ferreiro ou co repenique de campás. Disque alí o silencio é o propio son da vida.

En Láncara teñen unha forma peculiar de ser cada un, son xentes de personalidade, teñen iso si unha xeografía do común, e un saber estar solidario no mundo. Idiosincráticos teñen o seu modo de dicir, case que de cantar mentres falan. É certo que o idioma se normalizou, normativizou, e algunhas xoias semánticas tan só permanecen na memoria ou nos dicionarios históricos: abichoar, acaneadoiro, acobillador, acutifar, afusquinarse, alasar, alborio, alpeirar, conxuminar, engatiñar, faterna… Conto decenas de termos máis non podo enumerar todos, déixome de contos, as que alí chaman ou chamaban alacantinas.

De todo iso terei que falar con Basilio Losada, o filólogo, investigador, profesor e emigrante, a quen coñecín co poeta e amigo Luís G. Tosar, fai xa moitas chuvias. Terei que falar de todo iso e de literatura portuguesa: Pessoa, Torga, Saramago… Quedounos unha conversa eterna pendente. Parece que xa non poderemos tela ao pé dunha maceira, co arrecendo da froita madura, non poderemos facelo alá onde o mundo máis fermoso deu en chamarse Láncara, nin na Barcelona da Carmen Balcells, nin no Portugal de tantos, nin no Brasil de Nélida Piñón ou de Jorge Amado, sequera no Padrón de Rosalía de Castro. Conformareime, pois teño 150 razóns para o consolo nas traducións dun dous galegos máis lucidos e menos celebrados

Cando pase un tempo, as Letras Galegas, como con Paco del Riego, celebrarán a unha gran persoa, a un magnífico intelectual, a un polímata de aldea que abriu unha fiestra a universalidade de Galicia e da cultura mundial. A súa mellor lección foi a vida. Dixo: “Saín de Galicia con 5 anos pero soñaba con este país; nunca vin imaxe máis bela que a vista desde ou meu cuarto de Láncara”. Abramos dunha vez todas as fiestras, será a mellor homenaxe a don Basilio Losada.

ALBERTO BARCIELA