galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

CARA O PRIMEIRO PACTO EUROPEO DOS OCÉANOS

Por Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea. A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político chipriota sexa quen de lograr a aplicación do primeiro Pacto Europeo dos Océanos para chegar á definitiva conformación dun sector resiliente, competitivo e sostible . Unha vez que Costas Kadis sexa presentado ao Colexio de Comisarios, o Parlamento Europeo analizará as prioridades políticas e méritos do candidato para que este acceda ao cargo, sempre e cando o seu perfil sexa aceptado.

Para o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, a proposta de nomeamento é positiva porque, entre outros aspectos, leva consigo a separación desta carteira da de Medio Ambiente e da resposta a unha demanda do propio sector. Conleva tal medida a posibilidade de realizar unha xestión que responda  especificamente ás necesidades da pesca europea,  na que Galicia xoga un papel moi destacado.

No que atinxe ao Pacto Europeo dos Océanos, foron necesarios case que 20 anos para que as delegacións dos Estados membros da ONU acadaran un acordo para que ese Tratado fose unha realidade plasmada na mencida do 5 de marzo de 2023: 

– O obxectivo deste Pacto é protexer e regular o uso das áreas situadas fóra das xurisdicións nacionais, que representan máis do 60% dos océanos, case a metade do planeta Terra,  áreas que ata o de agora non estaban suxeitas a ningunha regulación, polo que calquera país podìa facer o que quixera na zona.

Agora, polo menos, existen unha serie de aspectos que se respectan. Por exemplo, os recursos xenéticos mariños que cada vez teñen unha maior importancia nos avances da mediciña, a alimentación, etc. 

Este foi o principal atranco no retraso na negociación do tratado xa que algúns países e corporacións quixeron ter un certo monopolio nestes recursos:  

-A xestión e protección de áreas mariñas, necesarias para acadar o obxectivo de protección do 30% do océano e contribuir a conservar a biodiversidade e deter a perda desta, así como loitar contra do cambio climático.

 -A realización das avaliacións de impacto ambiental, como a instalación de enerxías renovables, explotamentos mineiros e grande profundidade ou a instalación de cables submariños.

-A creación e transferencia de tecnoloxías mariñas para abordar a cooperación entre paìses co obxectivo de chegar a coñecer os nosos mares como coñecemos, por exemplo, a Lúa (actualmente só temos cartografiado en detalle arredor do 20% dos fondos mariños).

De momento, o Pacto ou Tratado non contempla a pesca. Tampouco está claro cómo se poderán cumprir algunhas resolucións, pero non está mal que no horizonte de 2030 podan acadarse os obxectivos de desenvolvemento sostible do mar.

A. LUACES