CARIÑO: OUTRO PUNTO NEGRO CONTAMINANTE
Por Antón Luaces
Non se sabe con exactitude o grao de contaminación que pode provocar en Galicia unha empresa que, como Altri (en Palas de Rei, Lugo), vai utilizar o eucalipto como materia prima a partir da que extraer fibras téxtiles; máis é evidente que existe medo ao que a devandita industria -de sé instalar aquí- pode significar sanitaria, cultural, social e economicamente no territorio que abranguen un total de 18 concellos directa ou indirectamente relacionados co Camiño de Santiago nas provincias de Lugo, Pontevedra e A Coruña.
Si se sabe, sen embargo, que en Galicia hai pequenos nichos contaminantes ou presuntamente contaminadores aos que houbo que poñer remedio, ben pechándoos ou percurando solucións que, cando menos, mitigaran os efectos malignos que ocasionaban. Por exemplo, no porto da Coruña, onde se amoreaban en montañas dunha altura non inferior aos dez metros bo número de toneladas de carbón mineral destinado a central térmica de Meirama.
Neste caso, a mobilización veciñal obrigou, primeiro, a que o trasporte do carbón se fixera en camións que cubriran con lonas a súa negra carga. Posteriormente foi construído un recinto especial -o Medusa- que acubillaba baixo teito milleiros de toneladas de carbón mineral que, após, os camións debidamente toldados, trasladarían á térmica.
Dende vai anos a veciñanza de Cariño (A Coruña) soporta o tránsito de numerosos camións dende a mina de dunita de Landoi -distante uns seis quilómetros- ata o peirao cariñés, que, aparte a incomodidade para a circulación pola única estrada existente en dirección Mera/Ortigueira/Viveiro e máis Ferrol/A Coruña, significa amais un problema portuario para o atraque dos cada vez menos barcos de pesca que entran a desembarcar peixe ou outras cargas debido ao acúmulo de mineral polo vertido deste nas operacións de carga: redúcese notablemente o calado, co conseguinte prexuízo para os buques.
A mesma cidadanía cariñesa desconfía dos efectos que o po da dunita poida ter para a saúde e fala, con certa intranquilidade, de altas taxas de cancro, (din que son das máis altas de toda Galicia) e amosan o seu temor a que a dunita teña compoñentes canceríxenos derivados do asbesto crisotilo (amianto) incombustible e resistente a acción dos acedos, pero moi prexudicial para a saúde.
Veciños de Cariño afirman lembrar a confirmación médica do asbesto na dunita en conversas celebradas nalgunhas ocasións, se ben ninguén ratificou que a que se extrae da mina de Landoi teña o temido asbesto que tantas mortes leva producido entre os traballadores do sector naval, sen ir máis lonxe, en Ferrol, o que non impide que entre os cariñeses se manteña á crenza de que cancro e dunita gardan unha interrelación que, oficialmente, ninguén ratifica.
Toda esta situación leva aos pouco máis de catro mil habitantes de feito que Cariño ten na actualidade a interrelacionar esta situación coa desaparición de máis do 90% das conserveiras locais e a venda, traslado a outros portos ou despezamento de case o 100% da frota pesqueira local, deixando a un pobo eminentemente mariñeiro e de pleno emprego a unha vila de maioría de xubilados e emigrados/trasladados a outros lugares de Europa e de España.
Ten a culpa a minaría, é responsable a dunita, que papel desempeñan as autoridades locais neste desleixo, cal é a responsabilidade da Xunta neste deixarse levar?…
Cariño precisa de iniciativas válidas, como as que aportan as ducias de familias procedentes de Ucraína que, dende a guerra deste país con Rusia pola invasión do seu territorio, souberon dar motivos ás súas vidas na vila cariñesa para lle dar continuidade aquí á que levaban no seu pais de orixe.
ANTON LUACES