galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

CARNE ENFERMA

Por Antón Luaces

Ás veces un mesmo fai un alto no camiño e pensa no andado, nunha análise que pretende ser reafirmación ou rectificación do feito e cae na conta de que, coma o gando, o seu labor pode ser intensivo ou extensivo. É dicir: entender como válida a formulación do ministro de Consumo do Goberno español, Alberto Garzón, ou aceptar como válidos cantos informes chegan a ti xustificando a existencia dunha gandería intensiva grazas á que as familias teñen ao seu alcance unha gran produción de alimentos.

O ministro Garzón decantouse abertamente polo extensivo, falando claramente de que España esporta carne en non boas condicións. ¿É este o seu pecado?

Recapacitemos: eu son xornalista. O meu labor puido ser -e aínda é- consecuencia dunha entrega extensiva ou intensiva, reflexiva ou irreflexiva para o caso. No sector gandeiro, o extensivo é moito menos agresivo ca o intensivo. No caso do xornalista, podo ser menos reflexivo. E probablemente o fun estoutro día, deixándome levar polas explicacións que un informe ben elaborado me facilitaba.

Na capacidade do home está o feito de rectificar coma consecuencia dunha máis ampla información, e esta permite chegar á conclusión de que ambos os sistemas – intensivo e extensivo – pretenden o mesmo por camiños diverxentes: a gandería extensiva é moito menos agresiva ca intensiva, se ben ambas as dúas procuran un mercado para a súa -súa, sí- distribución de carne, alimentos procesados e produtos derivados do leite, sendo a produción gandeira o elemento fundamental de todo o proceso (aquí tamén diverxe o sistema para o xornalista, que non pretende exclusivamente a produción senón que aquilo que produce vaia acorde coa súa idea de compartir coñecemento, algo que non se lle pode pedir á res pero si ao propietario desta).

Dito nidiamente: o extensivo ou o intensivo queren obter carne, leite, ovos e las. Nós, os xornalistas, medios de comunicación nos que podérmonos expresar (a veces, mea culpa, erradamente; e explícome: consumo, pero no produzo leite, carne, ovos nin la. Pretendo involucrar na miña opinión ao lector, relatando a este o que penso. En ocasións, erradamente. E cerro paréntese, para me centrar no que realmente interesa, após pedir escusas a quen se puido sentir molesto por un meu comentario anterior a este).

Imos aló: ben saben vostedes que a gandería extensiva permite que os animais fagan uso do terreo alimentándose de pastos, pensó, ou calquera ou outro tipo de nutrientes minimizando o uso de fertilizantes sintéticos ou elementos con contidos tóxicos para o ambiente (deste xeito protéxese o territorio). Un sistema, o extensivo, incompatible co ritmo acelerado da comercialización mundial, o que leva a algúns gandeiros a se pasar a outro, neste caso o intensivo, que si o permite.

Porque a explotación gandeira intensiva procura altos volumes de produción e estándares de calidade que se dirixen á optimización do tempo e fai uso de complementos alimenticios e fertilizantes con niveis incrementados de nutrientes en lugares pechados, pouca mobilidade e limitadas case exclusivamente a comer; altos custes de infraestrutura e recursos e un impacto contaminante e corrosivo na natureza. Son estes aspectos que rexeita a Unión Europea e que, polo que agora se sabe, levaron ao ministro Garzón a se expresar de xeito claro contra as macrogranxas: “as megagranxas contaminan a terra, a auga e posteriormente exportan esta carne de baixa calidade procedente destes animais maltratados”.

Neste senso, o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Agrónomos coida que o citado ministro “tivo acceso a algún informe oficial sobre as prácticas produtivas desenvolvidas en todas estas empresas, sen excepcións, e deberíamos deducir que nas mesmas se vulnera de xeito consciente, sistemática e organizada a lexislación española e comunitaria sobre a produción gandeira e benestar animal”.

Moi ao contraria, a entidade colexial afirma que a gandería “axuda coma poucos ao mantemento do noso medio rural, á conservación dos nosos pobos, á xeración de emprego (directo e indirecto), ao desenvolvemento da industria agroalimentaria e á incorporación da muller e dos xoves mediante a potenciación de explotamentos que son perfectamente sustentables tanto desde o punto de vista medioambiental como económico”. Lembran que o ano pasado España exportou carne e produtos cárnicos por valor de 9.145 millóns de euros e que España é o segundo maior exportador mundial de carne de porcino. O Colexio de enxeñeiros agrónomos afirma que “o gandeiro é un dos subsectores máis regulados e controlados do país e amosa o seu rexeitamento ás declaracións interesadas e sen fundamento que lastran a imaxe deste subsector que fai que contribuíra a posicionarnos coma unha potencia gandeira mundial”.

A polémica está servida.

ANTON LUACES