LEMBREMOS – Por Manena Rey
Coa que está a caer, coido que estará ben lembrar para non esquecer, mais tamén para tomar exemplo…
2011 vai ser un ano conmemorativo: o 80 aniversario da proclamación da IIª República, o 80 aniversario do recoñecemento do dereito das mulleres ao sufraxio, os 75 anos da unidade da esquerda na Fronte Popular. E unha vez máis cómpre lembrar as mulleres dun xeito especial.
Libertarias, comunistas, socialistas, republicanas… todas as que contribuíron á construción da democracia e dos dereitos cidadáns, todas as que, tralo golpe fascista, defenderon a legalidade republicana, a revolución social, a liberdade.
Todas as que colleron as armas, as que apoiaron a loita desde a retagarda, as que acoubillaron as persoas que fuxían da represión. As que sostiveron a resistencia armada, no monte, na aldea ou na cidade. Guerrilleiras con e sen fusil, sen as cales sería impensábel a subsistencia do movemento. Elas agocharon, alimentaron, curaron e coidaron da xente que estaba no monte. Elas actuaron como enlaces, substituíndo os que caían. Elas fixeron posíbel a supervivencia das “toupas” durante anos e anos.
As menos delas, coñecidas polo seu nome e apelidos; as máis, anónimas. Todas arriscaron a súa liberdade e mesmo a súa vida… e moitas perdérona. Foron paseadas, fusiladas, torturadas, violadas, encarceradas, peladas, desterradas, “depuradas”…
Pero, malia a represión política e social que sufriron, souberon organizarse ás portas dos cárceres para protexerse das vexacións dos carcereiros, para axudarse e axudar a quen estaba dentro. Para as máis, era a súa primeira experiencia organizativa e levárona adiante con moitísima dignidade.
Por iso deben ser visibilizadas. O papel que xogaron tamén. A recuperación da memoria das mulleres é unha parte fundamental da recuperación da memoria histórica.
As mulleres que aparecen neste almanaque, feito desde o máis fondo respecto e recoñecemento, non son as máis coñecidas. Precisamente por iso están aí. Coas afotos das súas caras deterioradas polo paso do tempo e pola falta de coidados. Para que as coñezamos e as lembremos.
Que o 2011 sexa un ano reivindicativo e non esquezamos que as traballadoras e os traballadores somos as únicas e os únicos que temos capacidade para cambiar o mundo desde a base.