galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

MÁIS VERQUIDOS CHEGAN AS NOSAS PRAIAS

“Bólas de chapapote aparecen en bo número en praias das provincias da Coruña e Lugo e o occidente asturiano”

Por Antón Luaces

Está visto que Galicia non pode superar con tranquilidade os episódios de verteduras, provocadas ou non, que emporcan os areais e provocan danos na flora e na fauna mariñas.

Agora son polo menos unha ducia as praias que, dende Malpica a Ribadeo, fan revivir lamentables circunstancias que relembran as verteduras de chapapote dos buques Urquiola, Prestige e Aegean Sea (entre outros) e de pellets do Toconao. 

Novamente, a contaminación é evidente na franxa costeira, de xeito especial nas praias da mariña lucense e en forma de pequenas bólas de chapapote, de cuxa orixe nada saben as autoridades, sen que entre a xente de mar se desbote a posibilidade dun sentinazo (limpeza de sentinas) na vertical de Ribadeo.

Os primeiros avistamentos destas bólas de chapapote producíronse a principios de semana na praia da Marosa, concello de Burela. Trátase dunha nada pequena cantidade de diminutas bólas de alcatrán, asimesmo avistadas en Ribadeo e Foz e, posteriormente, en Cariño e Valdoviño, segundo informou o colectivo ecoloxista A Mariña sen Plástico que, na súa rede social de Instagram, se refería a unha importante cantidade desas bolechas.

Vinte anos despois do desastre do Prestige, praias da Illa de Arousa apareceron con “galletas” de chapapote entre as algas arrastradas ás praias pola maré. Ignórase a súa procedencia, pero Salvamento Marítimo e Gardacostas mobilizaron o helicóptero Pesca I, con base en Vigo, segundo a información facilitada pola Consellería do Mar. Outras fontes citan a retención dun buque en Vigo presuntamente relacionado cunha vertedura ao mar de augas sucias que chegaron en forma de chapapote á Illa de Arousa, o que podería entenderse coma un “sentinazo”. Outra organización medioambientalista, Noia Limpa, sinala que as bólas de chapapote non son doadas de ver, polo que os bañistas que acoden ás praias non se decatan da súa presencia ata chegaren á casa, cando ven o que levan nos pés.

Se ben inicialmente a vertedura foi localizada nas costas da provincia de Lugo, o chapapote está espallado polas tres provincias marítimas galegas e na comarca de Navia, en Asturias. Semellan ser hidrocarburos moi degradados.

ANTÓN LUACES