galiciaunica Un recorrido semanal por la comunidad autónoma de Galicia, España.

MOITOS BARCOS, MOITOS MARIÑEIROS, MOITOS MORTOS

Por Antón Luaces

O naufraxio fronte os cantís de Santo André de Teixido do pesqueiro de Portosín “Sempre Güeto” segue a dar que falar unha semana despois da traxedia que significa a morte de dous dos seus tripulantes. Barco e mariñeiros mortos pasan a formar parte da listaxe extensa de vítimas que conforman a historia dura, moi dura, dun oficio que foi de mareantes e hoxe é unha segunda “Alba de Groria” que outra volta escribiría o noso Alfonso Daniel Rodríguez Castelao a eles, os traballadores do mar, adicada:

… veremos as nobres dinidades e os fortes caraiteres que dou Galiza no decorrer da súa Hestoria. Verémolos camiñar en silenzo, coa faciana en sombras e o mirar caído na terra dos seus pecados e dos seus amores, agachando ideias tan vellas que hoxe nin tansiquera seriamos capaces de comprender, e sentimentos tan perennes que son os mesmos que agora bulen no noso corazón. Algúns verémolos revestidos…”

En tan só os 21 anos transcorridos do século XXI, as costas de Galicia -maiormente as das provincias da Coruña e Pontevedra- viron como a maior ou menor distancia delas, un cento de barcos de toda caste (mercantes, pesqueiros, gamelas, embarcacións deportivas, gabarras, planadoras, etc.) naufragaban levándose consigo vidas, ilusións, proxectos.

Sen contarmos a moitos dos que aquí naufragaron sen vítimas, só no período de tempo que vai desde o ano 2000 ata o ano 2016, morreron no mar un total de 53 mariñeiros, tripulantes que foron de barcos que se consideraban seguros, que nunca na vida amosaran síntomas de falta de estabilidade, de sobrepeso, de carencia de lastre; barcos que se coidaba eran moi mariñeiros e quen de desafiar calquera mar… e non foi así.

No ano 2000, na illa de Ons, escribía a súa historia tráxica o “Buraz”, con catro mortos. Dous anos máis tarde (2002), en Muxía, o “Panchito” sumaba un total de 5 mariñeiros mortos. Este mesmo ano, outros 4 mortos engrosaban a listaxe dos falecidos no mar, concretamente nos baixos das Xacentes, na Coruña, todos eles enrolados no “Meloxeira”. Tamén en 2002, na Lobeira Chica, o “Fervenza III” deixaba dous mariñeiros que aquí perderon as súas vidas.

A dor, sempre inmensa, foi maior aínda no ano 2004, cos 10 mariñeiros mortos no accidente do pesqueiro “O Bahía” nas Sisargas. Inesquecibles todos, nun permanente pingar: en 2006, no Freixo, o “Mar Negro” deixou outro dos seus tripulantes. E no 2007, na ría de Noia, o “Manolo” tamén aportou un morto á extensa listaxe xa existente.

No ano 2008, na Traba de Laxe, outros 2 mortos do pesqueiro “Porteiro Taboada”, e no 2009, o “Hermanos Landrove” deixaba un morto a 15 millas de Cedeira. No ano 2010, en Aguiño, o “Cunchiñas” perdía outros dous homes. E o “Ficha Segundo”, a 23 millas de Burela, deixaba outro home cando corría o mesmo ano.

Outro morto rexistrou en 2010, a 230 millas da Estaca de Bares, o tamén pesqueiro “Rey de Olaya” e, no ano 2011, en Punta Langosteira, dous novos mortos do “Nuevo Luz”. O “Tabar”, que colidiu na ría da Coruña con un mercante maltés, deu por desaparecido a un dos seus homes. E o “Serviola Uno”, na ría de Muros, contabilizaba un morto no ano 2012.

No illote de Vionta (Ribeira), o “Sefi-G.” daba conta da morte en 2013 dun dos seus tripulantes, e outro morto se contabilizaba perto da illa da Marola en 2014, mariñeiro do “Nuevo Sara”.

Tamén no ano 2014 chegaba a todos os recunchos de Galicia a mala nova da morte de catro tripulantes do pesqueiro “Mar de Marín” que, nunha manobra indebida, colidiu cun mercante na ría de Vigo.

Tráxico ano o de 2014: no cabo Corrubedo, tres mariñeiros desaparecidos no naufraxio do “Paquito II”. E xa no 2015, nas Sisargas, outro morto. Un tripulante dunha lancha na que ían pescadores afeccionados. E tamén en 2015, en Soesto-Laxe, o “Alba” deixaba dous mortos, o mesmo número de mariñeiros finados nas Cíes polo naufraxio en 2016 do “Látigo”. A estes citados compre sumar os contabilizados ata o día de hoxe, entre eles o “Sin Querer Dous” ou o xa citado “Sempre Güeto”.

…. eu e a maoría dos galegos que me escoitan, temos a obriga de percorrer devotamente os cimeterios de Galicia, onde repousan os derradeiros mártires, en número incontábel” (Castelao, 1948. Peza oratoria titulada Alba de Groria, pronunciada polo propio Castelao no Teatro Argentino do Centro Gallego de Buenos Aires, co gallo do Día de Galiza).

ANTÓN LUACES