O MEU INESQUECIBLE MONTEVIDEO
Por Manuel Suárez Suárez
En novembro de 1958 ía coa miña nai no “Cabo de Hornos”camiño de Montevideo. O meu pai levaba uns anos na capital uruguaia sen poder xuntar os cartos necesarios para o pagamento das nosas pasaxes e por iso foi que a miña nai acudiu ao programa de reunificación familiar de “Acción Católica”. Coido que tamén axudou moito ao embarque o triste acontecemento do mes de xullo cando nun monte da miña aldea de Tines (Concello de Vimianzo) fun trabado por unha loba que case acaba comigo.
O certo é que toleaba por facer a viaxe e na aldea repetía unha e outra vez que eu vou a Montemineo. Os meus tiñan casa propia, pero estaba sempre coa miña avoa materna, Concepción Lema Rojo, que moito agarimaba en min xa que era o seu primeiro neto. Tiña cinco anos pero aínda, agora mesmo, sigo gozando co recordo dos saborosos follados (unha filloa gorda feita con ovo, fariña e touciño) cos que merendaba.
Lembro que os días da feira ou do feirón que tiñan lugar na vila de Baio (Concello de Zas) a miña avoa sempre volvía cunhas tabletas de chocolate e unha ducia de laranxas para min. Era feliz na aldea pero no outro lado do mar estaba o meu pai.
A singradura foi un mareo constante e só tiven un pouco de acougo despois da escala no Brasil, no porto paulista de Santos. Alí coñecín as bananas e durante tres días foron a miña única comida naqueles demasiados longos vinte días de travesía. O marido da miña tía Fina, alcumado O Rico, era de Borneiro (Cabana de Bergantiños) pero casara cunha das irmás do meu pai e vivían en Tines, no lugar de Romarís. Viñera o Brasil para ver de aforrar uns cartiños e mercar unhas leiras que lle permitisen a crianza dos seus tres fillos. O tío Xosé sobe o barco cunha grande pola da que penduraban varias ducias de bananas que me alegraron o que quedaba de viaxe ata a capital da República Oriental do Uruguai.
Nunca esquecín aquel farturento agasallo e sempre que o atopaba (xa fose na súa casa ou na Piroga na casa do meu tío Xosé María, alcumado O Quinto) emocionábase moito lembrando aquelas bananas que fixeron feliz a seu pequeno sobriño emigrante. O que podo asegurar é que as bananas foron un saboroso limiar para unha axeitada integración na nova realidade que agardaba por min en Montevideo.
Antes de baixar do barco, o xoves 27 de novembro, intentei atopar a meu pai no medio dunha morea de mans e brazos que se movían no amplo peirao para saudar aos recén chegados. A niña díxome onde estaba e quedei moi sorprendido xa que levaba unha camisa de manga curta e eu viña cuberto de roupa e disque (non o recordo) tiña frío xa que perdera moito peso. Xunto a meu pai estaba o seu amigo Ramón de Castromil que foi quen o convenceu de que viñese a Montevideo pois era unha cidade con moita demanda de ferreiros que era o oficio de ambos os dous.
Tiveran un obradoiro en sociedade no lugar de Torelo pero naqueles anos pouco se facía. Así é que cando nace a primeira filla de Ramón, pois decide que debe buscar un futuro en Montevideo. Lembro que desde o barco miraba para as edificacións da contorna do porto e todo eran casas e máis casas e moitas letras pintadas en muros e paredes. A moi longa ringleira de palabras escritas sobre fondo branco eran de dúas cores, ou en azul ou en vermello.
Non sabía do que estaban a falar aquelas paredes pero axiña puiden entender algo. O domingo 30 recibín unha chea de información do meu pai (pola mañá no apartamento da rúa Pantaleón Artigas) e sobre todo pola tarde durante a merenda na casa de Ramón Vázquez e María Rama (na rúa Santa Ana case na esquina con Tudurí) por parte da súa moi garimosa filla Mercediñas.
O meu ingreso oficial no Uruguai foi o xoves 27 pero a entrada emocional tivo lugar no atardecer do domingo 30 de novembro. A miña chegada coincide cunhas eleccións nacionais nas que a república máis avanzada da rexión sudamericana comeza a perder o bo poder adquisitivo da súa ampla clase media. As devaluacións do peso fan que as clases populares perdan calidade de vida mentras uns poucos especuladores aumentan a súa riqueza. Nada sabía eu desta caída do benestar xa que para min aquelo era un paraíso no que a alegría era unha parte básica da miña alimentación diaria.
Tardei moitos anos en comprender o que sucedeu no meu querido Uruguai. Coido que fun consciente da desfeita cando comecei os meus estudos universitarios pero ninguén pode quitarme a felicidade dos longos veráns en chanclas (“romanitas”) por Brazo Oriental e Cerrito na compaña dos meus amigos Claudio, Gildo e Horacio.
Sigo aplaudindo as murgas e a Roberto Barry que desde o tablado instalado na rúa Roberto Koch, enchían de alegría o famoso “Carnaval del Uruguay”. Tamén teño ben gardado na memoria os primeiros bailes con tocadisco no fondo da casa de Claudio na rúa Lancaster.
O meu inesquecible Montevideo vai no meu corazón e ata o meu último día manterei o compromiso de namoramento eterno.
Manuel Suárez Suárez