galiciaunica Un recorrido semanal por la comunidad autónoma de Galicia, España.

OS PERIGROS DOS MICROPLÁSTICOS

Por Antón Luaces

Baldes, sellas e bañeiras de zinc formaban cola nas fontes públicas máis populares daquela Riveira dos anos 50: as do Rueiro, Padín ou Bandaorrío, entre outras, ao igual que acontecía nas vilas e pobos dunha Galicia tamén neste senso atrasada. Eran, a cotío, as mulleres as encargadas de carretar eses adminículos que paliaban a carencia dun servizo de traída de augas que só en parte da poboación existía.

Aqueles baldes, sellas, bañeiras, etc., de zinc ou de madeira, logo foron substituidos por outros trebellos semellantes feitos en material plástico. Este, á súa vez, entrou nas cociñas das casas e dos barcos. E nos propios barcos, os corchos que aboiaban os aparellos pasaron a ser asimesmo de plástico. E o plástico -cunha grandísima variedade de usos- chega actualmente os 310 millóns de toneladas ao ano.

“O troco do zinc polo plástico foi prexudicial para o mar”

Son envases na maioría dos casos, e háino na construción, no transporte, na roupa, na electrónica, na agricultura e moitos outros aspectos da vida moderna, así como, tamén queda dito, na vida do mar, tanto na pesca como na mariña mercante. Deste xeito, o aumento na produción e na aplicación de plásticos medrou de tal xeito que ao se liberar ao medio ambiente, a constante fragmentación pola acción da intemperie fai que os microplásticos pasen a formar parte da cadea trófica por exemplo no mar.

Cada ano libéranse en todo o mundo unhas 245 toneladas de partículas microplásticas que se dirixen inexorablemente ás augas e se distribúen en case que todos os hábitats acuáticos (especialmente no mar) polo que son inxeridos por organismos -moitos deles á súa vez inxeribles para o ser humano- como son os peixes de toda caste. E non só polos peixes, especie que aos inxerir acusan os efectos físicos que derivan en danos mecánicos por obstrución do tracto dixestivo e que, amáis, representan unha vía potencial para a introdución de substancias perigosas como aditivos plásticos, produtos químicos tóxicos que poden ser absorbidos polas matrices ambientais, microorganismos patóxenos que colonizan a súa superficie… 

No caso do peixe -unha importante fonte de proteínas para os seres humanos e os animais- a presenza e os efectos ecotoxicolóxicos dos microplásticos en moitas especies de peixes poden ter consecuencias, segundo distintas informacións, para a seguridade alimentaria mundial.

Estudos realizados nos últimos anos sobre a inxesta e os efectos asociados dos microplásticos nos peixes,  sinalan a posible existenza dun risco substancial para a saúde humana, se ben o feito de que os microplásticos do peixe atópanse no tacto gastrointestinal -que non soe ser consumido polos humanos- polo que non se pode acusar ao consumo de peixe como algo arriscado. Pero o que sí está constatado é que o uso de tanto material plástico -en terra e no mar- non fai senon prexudicar e pór en dúbida o estado real do peixe, algo que investigacións e analíses médicos  son os únicos que poden determinar o efecto nocivo dos microplàsticos transferidos polo peixe ao corpo humano.

ANTÓN LUACES