galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

PLAN DA LINGUA ¿UN PASO ADIANTE I OUTRO ATRÁS?

Por Xosé María Palmeiro

Achégome á proposta de actualización do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega-2026 e lembro os versos de Xosé María Díaz Castro: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza,/ i a tea dos teus sonos non se move”. Algo vai mal e a situación do idioma galego no tocante aos usos sociais, á transmisión interxeracional e á perda de falantes, xunto con algunha iniciativa lexislativa aprobada polas maiorías absolutas gobernantes nestes últimos anos, namais fixeron que acender luces vermellas cada vez mais escintilantes. Algo vai mal e algo haberá que facer para frear esa deriva. Social e políticamente. ¿El será?

Concordo co obxectivo xeral da proposta: “O PXNLG-2026 debe actualizar e concretar os grandes obxectivos de política lingüística expresados nas súas liñas básicas na Lei de normalización lingüística de Galicia de 1983, partindo dos acordos acadados no PXNLG-2004, pero poñendo ao día as análises e medidas, tendo en conta as grandes transformacións producidas en Galicia nos últimos vinte anos. A Galicia na que a lingua galega ten que expandirse é xa diferente da Galicia de hai dúas décadas. O carácter dinámico e multicultural da sociedade actual require unha acción normalizadora sinérxica, sistemática e global. Para que un proxecto planificador coma o que presentamos teña éxito cómpre acertar nas análises e nas medidas, pero é necesario tamén sermos quen de crear un compromiso colectivo baseado no convencemento de que, aínda que a lingua que nos identifica no mundo está pasando por dificultades de diverso signo, podemos mudar a situación e lograr que sexa a lingua de unión de todas as galegas e galegos e a lingua que nos sirva de instrumento para expresarmos os pensamentos e as vivencias sociais de todo tipo; a lingua, en fin, que exprese a nosa maneira de estar no mundo”.

Concordo co obxectivo, pero non sei se abondará para reconsiderar os pasos atrás vistos, alomenos, desde 2010.

“Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move”. GALIZA-PENÉLOPE