galiciaunica Un recorrido semanal por la comunidad autónoma de Galicia, España.

PRIMAVERA DE LETRAS

“A través da fala volve rexurdir -como nos tempos difíciles- a forza da Terra… Dela saen agora doces palabras con sabor a terrón de campo cultivado”.

Beben a súa inspiración nas fontes da nosa paisaxe verde i escriben co doce acento do noso propio idioma, o galego, que ten xa mil quince primaveras de historia. Cantan o que o corazón lles dita e contan como naceu a estirpe do noso sangue. Ven na chuvia papoulas de auga e na noite cumes de estrelas. A voz dos poetas escóitase con música de mar bravo e de vento de montaña. E cando maio fai que todo floreza sobre esta terra… rendémoslles homenaxe.  Porque este é o mes das Letras Galegas.

A terra que habitamos

Dous mares abren o seu horizonte a cinco continentes. En todos eles viven xentes aquí nadas naqueles duros tempos de emigración ou exilio. Tamén é patria habitada por homes que preferiron chamarse Simbad e por cuxas veas corre sangue salgado. Por iso o mar é o noso nexo de unión con todos os mundos do planeta. Ademais, ata a súa verde pel conducen sete camiños polos que chegan xentes de toda raza e condición; camiños santos, camiños reais, camiños de encontro, nos que se respira o aire de dous mil quince anos de mil culturas diferentes.

Por iso os galegos concedemos unha grande importancia á cultura propia, que herdamos de reis sabios e de poetas capaces de converter a ausencia e o exilio na máis fermosa arte literaria. Galicia ten idioma propio, nobre e harmonioso, nado para a expresión falada e para  as letras, hai mil vinte dúas primaveras.

O idioma e as letras nel escritas, son o esencial motivo que nos diferencia como pobo. Por iso, rendémoslles unha grande homenaxe anual, cando en maio florece a primavera e tamén a nova literatura.

A través dela volve rexurdir -como nos tempos difíciles- a forza da Terra… Dela saen agora doces palabras con sabor a terrón de campo cultivado.

A fala que sobreviviu

Despois de séculos na escuridade, sen gramática, sen amigos no poder… despois de ser perseguida e mutilada… Sobreviviu porque conseguiu vivir entre a xente, entre nós, os galegos. ¿Quen a axudou? Primeiro aqueles que, de xeito irrefreable, só podían sentir e comunicar en galego; despois, os que deron a súa vida por ela.

Rosalía, Curros e Pondal convencéronos do seu valor como lingua romance, comparable ó do castelán, portugués ou italiano.  A principios do século 20 tomaron o seu relevo As Irmandades da Fala e A Xeración Nós. En 1906 nace a Real Academia Gallega, anos despois xorde o Galeguismo. Comeza a promoverse a presenza do galego en todos os ámbitos, máis aló do doméstico. Antón Vilar Ponte, Otero Pedraio, Vicente Risco, Florentino López Cuevillas, Ramón Cabanillas, Castelao, Antón Lousada Diéguez… conceden a nosa lingua unha altura intelectual que non tivera ata o momento. Dignifican a realidade do noso país conectándoo directamente con Europa, cun obxectivo: superar o illamento da nosa literatura sen que esta perdese un ápice de esencia. Durante a Ditadura volveron condenalo ó  ostracismo e madurou na emigración.

Coa Democracia chegou o recoñecemento…

No 1982 e no 1983 aprobase a primeira gramática e a Lei de Normalización Lingüística, ratifícase o Estatuto de Galicia, constitúese a Xunta e comeza a escribirse un novo capítulo na historia da nosa lingua e da nosa traxectoria como pobo. O noso idioma é o piar da nosa identidade como pobo e pode ser a clave do noso desenvolvemento. Brasil, Angola, Mozambique son destinos cos que contan xa, á hora de emprender negocio, algúns empresarios galegos.

A proximidade lingüística ábrenos un mercado de 120 millóns de persoas no mundo. Por iso deberíamos potenciar mais a estratexia comercial que poña énfase na proximidade cultural como chave. 

Substancial segue a ser tamén un esforzo constante pola normalización entre os máis novos.

Camiñamos cara unha sociedade na que o noso idioma reivindica o seu sitio… unha lingua que nos identifica, que nos distingue, pero que tamén nos comunica co exterior… un idioma tan antigo como moderno e transgresor.

O noso idioma segue a ter o seu sitio sobre o papel, pero tamén o busca en outros soportes. O avance nos medios dixitais foi enorme nos últimos anos. A nosa lingua sosterase se a falamos, se a lemos, se a escribimos; só temos que decidir onde, cando e como.

Xerardo Rodríguez