galiciaunica Un recorrido semanal por la comunidad autónoma de Galicia, España.

RAÍCES DE PEDRA

A pedra é a orixe e dá rixidez a idea da Galicia máis antiga.

De pedra era a ara solis da Fin do Mundo; e os funerarios monumentos, megálitos e dolmens do primitivo culto á morte.

De pedra son os castros que habitaron os oestrymnios e os outros pobos galaicos; e tamén os celtas invasores.

Os camiños máis antigos eran tamén de pedra. Os bimilenarios que conducían a Roma e os medievais, por onde chegaron xentes na busca da granítica paisaxe que se estende por rúas e prazas da cidade universal de Compostela.

Na pedra está escrita a pegada que recompón o relato da historia e  na pedra labrada atopamos os principios do pensamento e da cultura.

Na pedra da muralla que circunda a cidade máis antiga; na dos vellos mosteiros e na dos restos das destruídas fortalezas; na pedra da catedral por cuxo contorno transita a diversidade; incluso no pétreo varal magnífico, de brazos estendidos, ao que chamamos cruceiro.

En Galicia as paisaxes de pedra descóbrennos o segredo da perfección conseguida polos arquitectos do pasado e a arte dos vellos mestres da cantaría, traballadores do ritmo da beleza.

A pedra labrada é o xermolo do noso cosmos.