galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

MAIO DE LETRAS

Beben a súa inspiración nas fontes da nosa paisaxe verde e escriben co doce acento do noso propio idioma, o galego, que ten xa mil dezaseis primaveras de historia.

Cantan o que o corazón lles dita e contan como naceu a estirpe do noso sangue. Ven na chuvia mapoulas de auga e na noite cumes de estrelas.

A voz dos poetas escóitase con música de mar bravo e de vento de montaña. E cando maio fai que todo floreza sobre esta terra… rendémoslles homenaxe…

AS LETRAS GALEGAS

LETRAS +++

Así é Galicia,  a terra que habitamos.

Dous mares abren o seu horizonte a cinco continentes porque en todos eles viven xentes aquí nadas cando eran tempos de emigración ou exilio. Tamén é patria habitada por homes que preferiron chamarse Simbad e por cuxas veas corre sangue salgado. Por iso o mar é o noso nexo de unión con todos os mundos do planeta.

Ademais, ata a súa verde pel conducen sete camiños polos que chegan xentes de toda raza e condición; camiños santos, camiños reais, camiños de encontro, nos que se respira o aire de dous mil anos de mil culturas diferentes.

MAR +++

Por iso os galegos concedemos unha grande importancia á cultura que herdamos de reis sabios e de poetas capaces de converter a ausencia e o exilio na máis fermosa arte literaria.

Galicia ten idioma propio, nobre e harmonioso, nado para a expresión falada e para  as letras, hai mil dezaseis primaveras.

O idioma e as letras nel escritas, son o esencial motivo que nos diferenza como pobo. Por iso, rendémoslles unha grande homenaxe anual, cando en maio florece a primavera e tamén a nova literatura.

A través dela volve rexurdir -como nos tempos difíciles- a forza da Terra. Dela saen as agora doces palabras con sabor a terrón dos campos cultivados.

PRIMAVERA +++

Na primavera sempre lembramos as egrexias figuras que loitaron pola nosa identidade, tributándolles honor. Esta primavera, a Real Academia Galega decidiu distinguir a un poeta que nos ensinou a amar a Terra, a nosa xente única desta semana. Manuel María foi sen dúbida un dos mais grandes poetas da historia da nosa literatura.

MANUEL MARÍA +++

Galicia docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras para labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento…
¡Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e maila fala
¡Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!

(“GALICIA” – Manuel María)

GALICIA +++

As Letras Galegas cumpriron xa mil dezaseis primaveras  pero cada ano celébrase no país a súa renovada floración. A Real Academia Galega é a quen lle corresponde elixir a figura literaria á que lle debemos de render tributo, tanto pola súa obra como pola importancia da súa persoa na nosa diferenciación como pobo. E así o fai desde hai 54 anos, desde hai case medio século.

Rosalía, Pondal e Castelao foron os tres distinguidos nos primeiros anos, en 1963, 1964 e 1965. Na ampla listaxe de homenaxeados figuran tamén Curros Enríquez, Noriega Varela, Ramón Cabanillas e mesmo o propio rei Afonso X o Sabio.

ROSALIA-PONDAL-CASTELAO +++

Nos tempos modernos predomina a xente da “Xeración Nós”, como Otero Pedrayo ou Vicente Risco, pero tamén os brillantes fabuladores da nosa literatura, Blanco Amor e Cunqueiro; ou poetas como Celso Emilio Ferreiro ou Avilés de Taramancos.

CUNQUEIRO-BLANCOAMOR-CELSO EMILIO +++

A importante listaxe completa de egrexios distinguidos nas Letras Galegas daríanos unha idea aproximada da riqueza creativa do país. E dicimos aproximada porque só se poden premiar aqueles que xa faleceron.

Pero, en contra do que se poida pensar polo título da homenaxe, esta non se centra só nun día, o 17 de Maio; nin sequera nun mes: é todo un ano dedicado a dar a coñecer a obra e a vida do autor distinguido, neste caso o grande poeta Manuel María.

LETRAS GALEGAS +++

Espiral Celta FIRMA (2)