galiciaunica Un recorrido semanal por Galicia, España.

UNHA CARAMECHA AO SOL, UN PARRULO NA LAGOA

Por Antón Luaces

Foi unha cea de realengo. Unha cea de compromiso após as eleccións xerais de 1996. Asistiron a ela José María Aznar, Jordi Pujol e José Antonio Durán Lleida. Foi a noite do compromiso selado en Barcelona, que quedou marcado na historia de España como o “Pacto do Majestic” polo que o partido de Jordi Pujol -Convergéncia i Unió- apoiaba a investidura de José María Aznar como presidente do Goberno. A cambio, Cataluña recibiría máis competencias e CiU tería o apoio en Cataluña do PP. Por dediante, catro anos de lexislatura: ata o 2000.

A Cataluña sería transferido o 30% do IRPF; suprimiríanse os gobernadores civís; a Generalitat participaría no deseño das políticas sobre formación profesional; viría a reforma da Lei de Portos que transfería a xestión portuaria nos de interese xeral ás autonomías; a Garda Civil de Tráfico desaparecía de Cataluña; esta Comunidade asumiría competencias en materia de INEM e das políticas activas de emprego, das que se responsabilizaría a Generalitat de Catalunya ao igual que se facería do desenvolvemento do modelo policial catalán e da lei de normalización lingüística, que afectou ao uso do castelán nas aulas.

Este pacto foi cualificado por Aznar de “fito histórico” e permitiu, obviamente, a súa investidura -por maioría absoluta- como novo presidente do Goberno en substitución de Felipe González, este iniciador do desenvolvemento da financiación autonómica, un dos eixos fundamentais do acordo asinado no hotel do Paseo de Gracia barcelonés, que tivo para a liña política do Partido Popular de Cataluña (PPC) consecuencias moi negativas.

A cea do Pacto do Majestic tivo lugar o 28 de abril de 1996, e o 4 de maio, Aznar era investido como presidente do Goberno.

Como cambiou o conto!. 

Unha caramecha deixaba pegada de prata na súa andaina polo valo, mentres un parrulo aniñaba na beira da lagoa dos soños.

Unha outra historia comezaba a se escribir para que un expresidente da Generalitat ditara sentenza desde Waterloo, marcando o vieiro a seguir.

Daquela non pasou nada.

ANTÓN LUACES